Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOSEtnoxénese galega e Reino Suevo

Máis engádegas

A carta de Xosé Ramón Pena que publicamos aquí trata de Suevia como nome poético. Usáronno algúns autores e tivo aceptación social

Bandeira Sueva do Reino de Galicia. Dragón sinople (verde) e león de goles (vermello) sobre un campo dourado.

Antes de Cabanillas, Pondal foi moito de Suevia. Lembren os versos: "Mais o chan empapado/ do sangue esclarecido,/ os campos de Suevia, dos celtas nobre asilo,/ non cederan á morte€" Sábese que a partir de 1868 aparecen nomes de loxas masónicas relacionalas co universo nacionalista galego. E unha delas é Suevia. Cesáreo González, empresario falanxista vigués aínda que orixinario do concello de Nogueira de Ramuín, chamoulle Suevia Films á súa productora cinematográfica. Nos anos cincuenta do século XX a máis importante sala de festas de Vigo era o Suevia, en pleno Policarpo Sanz. Nos repertorios onomásticos de Ferro Ruibal, e outros (Ir Indo, Vigo 1997) e Xosé Feixó Cid (Xerais, Vigo, 2003) figura, como nome persoal feminino, Suevia e se sinalan os seus días no 25 de Xullo.

Non sabemos cantas levan hoxe o nome de Suevia, pero nós asociámolo á corrente contemporánea que reivindica a onomástica de extracción toponímica e dotada de eufonía, feminina, como Iria, Alba, Aloia, Antela, Arnoia, Arousa. En todo caso, Suevia únese, con Galicia, a un numeroso grupo de mulleres galegas ás que lle foi imposto civilmente un nome arrelixiso e nacional.

Falabamos de Suevia Films. Na carátula das súas películas aparecía o nome da empresa sobreposto a unha vista da ría de Vigo tomada desde o castelo do Castro. Ondexaba, no plano, non a bandeira sueva de Galicia senón a máis prosaica do porto de Vigo, que actualmente é considerada municipal. Na época non sería adecuado nin comenente asociar a empresa cinematográfica de Cesáreo González coa bandeira galega ou, moito menos, coa chamada bandeira sueva de Galicia na que campan un dragón sinople e un león de goles sobre campo de ouro.

Da bandeira sueva informa precisamente Xosé Ramón Pena na carta que incluimos na adxunta Caixa Postal. O documento que se aduce, do século XVIII, fala claramente dunha fabricación. Dá toda a impresión de que algo teña que ver coa literatura defensiva de Galicia que aparece relacionada co padroado do Apóstolo Santiago visto en perigo e co longo e infamante pelito do "voto en Cortes". Algún "bufo galego" que conspirase na Xunta do Reino querería, coa axuda dun dictame do cabido catedral de Lugo, dotar a Galicia dunha bandeira do máximo prestixio. Se España se oufanaba de "la sangre de los Godos", O Reino de Galicia e o seu órgano superior que era a Xunta, faría flambear ao vento da ficción histórica unha bandeira que fora dos Suevos. No século XVIII pervive a memoria da bandeira sueva, á que semella que lle suprimirán o león vermello (se tal, para non molestar os españois aínda moi contaminados de neogoticismo).

En todo caso, e inventárase cando se inventase, a bandeira sueva de Galicia tivo unha longa aínda que secreta vida simbólica. Por exemplo: na segunda metade do seculo XIX a enseña aparece, se ven discretamente, nas ceremonias progresistas que acompañaron en Ourense a inauguración do monumento ao Padre Feixóo. Figuraba, segundo consta na prensa contemporánea, nun arco de triunfo que o sindicato dos traballadores do comercio da capital ourensá levantaron en honor do Padre Mestre enciclopédico e ilustrado. E xa que mencionamos unha loxa, coido que coruñesa, denominada Suevia, lembremos tamén que a masonería (véxase Curros) respectaba moito ao Padre Feixóo. Até o punto de moitos dos seus membros teren adotado como simbólico o apelido do de Casemiro.

Sostemos nesta serie que ao Reino Suevo lle debemos a favor de conservar o nome de Gallaecia e de proxectado cara o Futuro. Non cedeu o nacionalismo á tentación de cambear Galicia por Suevia, senón no eido libérrimo da imaxinación e da poesía. Suevia, pois, non pasou nunca á nosa onomástica realmente existente. Pero si quedaron sobre a facer da nosa Terra, grande número de vellos antropotopónimos que, como dixemos, nunca nos deixarán esquencer ese pobo xermánico que tanto contribuiu á construcción da nosa identidade nacional. Por parte, o Nomenclátor oficial de Galicia acolle hoxe seis entidades de poboación de nome Suevos e dúas máis Suegos. Sábese, mesmo, dun Sueve que tiveron en conta Piel e Kremer. En canto ao primeiro rei suevo de Galicia, Hermerico. El ou alguén que se chamaba coma el, deixou diseminados bon número do lugares Esmoríz, Esmorís, Esmorique, Esmorigo esparexidos pola tona de Galicia e do Noroeste do que hoxe é Portugal. Moitos destes topónimos pasaron a apelidos de forma que non son poucos os galegos que, sen sábelo, perpetúan a memoria daquel que conduciu o pobo Suevo das orelas do Danubio ás do Miño para aquí facer florecer a árbore que Galicia hoxe é. De Celtia falaremos noutra oportunidade.

CAIXA POSTAL

  • Benquerido e vello amigo:Como, sen dúbida, coñeces tan ben, ou mellor, ca min -e como así mesmo han de saber os teus, moitos lectores- Ramón Cabanillas utilizou a forma "Suevia" para identificar poéticamente o país galego. O noso primeiro "poeta nacional", que escribira Antón Villar Potne, fixo tal cousa especialmente na célebre composición "En pe", (por certo, musicada no seu día por Juan Pardo), publicada por vez primeira, dedicada a Luís Porteiro, n ´A Nosa Terra /abril de 1917), e incorporada á segunda edición de Da Terra asoballada (1926):Irmáns no amor á SueviaDe lexendaria historia,En pé!, en pé dispostosa non morrer sin loita!Suevia "En pe"Non foi esa a única ocasión, polo demais, en que o grande poeta cambadés denominou "Suevia" nos seus versos á nación de noso. O vocábulo, polo demais, foi empregado por outros autores e asemade deu título a revistas, a algún grupo musical, á empresa Suevia Films -creada polo productor vigués Cesáreo González- e mesmo a un asteroide. É decir, tal semella que si fixese fortuna popular entre nós.Pero, para alén de "Suevia", Galiza tamén aparece denominada con outros rótulos, tal vén ser o caso de "Celtia" e non sei agora mesmo se algún máis.En todo caso, penso que tal vez si que nos poderías comentar ti alguna cousa no "Fondo dos Espellos" tanto en relación a "Suevia" como aínda a esoutras denominacións poéticas para a terra que habitamos. Da miña parte, polo menos, quedaríache agradecido unha vez máis.Apertas milXosé Ramón (Moncho) PenaP. S. A primeira noticia arredor da (suposta) bandeira dos reis suevos aparece nun memorial do cabido da Catedral de Lugo dirixido á Xunta do Reino (15-II-1669) e di que "€ de aquí tuvo principio y se originó bordar el Dragón verde y León rojo (armas de los Reyes suevos que al tiempo tenían en este Reyno su corte), y trasladar al dorado campo del escudo de sus armas".Xa no século XVIII no compedio Ciencia Heroyca Redudica a las Leyes Heráldicas del Blasón (1725) de Joseph de Avilés di que "Los Reyes Suevos que reynaron en España á la parte de Galicia en los años de 412 de nuestra Redención, traían por insignias en sus Escudos (ó como entendemos por Armas) un Dragón verde".Todo isto foi incorporado nas dúas historias da cidade de Betanzos levadas a cabo por Verín y Seijas (1812) e Martínez Santiso (1892). Posteriormente (1927), incorporou a referencia Pérez Constanti ao vol. II das súas Notas Viejas Galicianas.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats