Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cativos sen medo aos erros

O libro 'A raíña das tortas', que firmarán na Feira do Libro de Vigo, propón máis liberdade no proceso de aprendizaxe dos nenos

Blanca González Crespán e Álex Mene co seu libro 'A raíña das tortas' en Vigo. // Eli Regueira

Álex Mene e Blanca González Crespán demostran en A raíña das tortas que unha anécdota pode deixar nos meniños unha forte impronta e que, ademais, axuda a normalizar situacións cotiás que os libros infantís aínda non reflicten demasiado. Este álbum ilustrado, editado na colección Verdemar de Alvarellos Editora, está orientado para primeiros lectores e os seus autores estarán o día 28 deste mes (a partires das sete da tarde) na Feira do Libro de Vigo, na caseta da libraría Librouro, asinando coas súas ilustracións aos que se acheguen.

Xulia e Martiño son os protagonistas desta historia que sucede na cociña dunha casa situada nun Espazo idílico en harmonía coa natureza. "Atopamos na historia elementos moi interesantes dende o punto de vista educativo, empezando polo tipo de familia", destaca Mene, "vale para calquera tipo de familia monoparental ou para explicar que non hai papá?". "Hai un baleiro para que sexa a persoa que lle conta a historia a un neno a que decida como a quere contar", engaden.

"Na historia mostramos a aprendizaxe a través do erro. A liberdade de probar e ensaiar. Contra a educación represiva, fomentamos que os nenos se expresen nesas áreas nas que mostran interese aínda que non as dominen; e deixar que se equivoquen para aprender dese erro. Os dous opinamos que é unha das mellores formas de aprender. Queríamos desmitificar o erro como gran desastre e poñelo como un xeito para avanzar", comentan sobre o libro, no que está presente todo iso a través do filtro do humor.

Os dous autores son profesores de secundaria. Mene, que encargouse do texto, estudou Ciencias da Información e Crespán, que fai os debuxos, Belas Artes. Coñecéronse facendo o doutoramento na Universidade de Vigo. Comezaron xuntos coma mestres no IES Politécnico de Vigo, onde ela continúa a dar clase, aínda que el agora está de profesor no IES Alexandre Bóveda.

A historia está baseada en feitos reais, Álex Mene estivo en Canadá cunha bolsa e alí xurdiu a idea que rapidamente compartiu con Blanca. "Tocoume vivir nunha casa onde vivín unha anécdota semellante á que se conta no libro, pareceume tan graciosa que pensei que a tiña que escribir", di, "na casa vivían dous irmáns de Jamaica. Ela traballaba nun laboratorio, pero gustáballe moito a repostería e a súa especialidade era a 'carrot cake', que eu almorzaba todas as mañás". O resultado é un álbum no que a historia e as ilustracións se compenetran para favorecer a comprensión dos cativos.

Compartir el artículo

stats