Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Etnoxénese galega e Reino Suevo Índice de asuntos pendentes

Sábese da presenza de refuxiados que, procedentes de Britania e so a presión alí exercida polos invasores anglosaxóns, viñeron instalarse na Gallaecia

Interior de San Froitoso de Montelios (ou Montelhos), igrexa fundada en Dume, onde fora a sede sueva de San Martiño Dumiense.

En semanas pasadas fomos sacando do Fondo dos Espellos asuntos relativos ao Reino Suevo noso e ao rol que lle correspondeu na constitución de Galicia como nación. Ficaron sen ser tratados aquí algúns temas que imos tocar agora, aínda que sexa de modo moi superficial.

1 - Arquitectura sueva en Gallaecia. Considérase xeralmente arte ou arquitectura "visigoda" toda a pre-románica anterior á invasión árabe na Península. Salvo quizais San Pedro de Rocas, ningunha igrexa considerada anterior a aquel acontecemento foi tida por sueva na historia da arte vixente. Ao parecer non foi suficientemente valorado o feito de que as máis, e máis valiosas, edificacións relixiosas tidas, por aproximación ou certeza, como de época visigoda, se achan asentadas en territorio suevo da Gallaecia. Sexa na Gallaecia "de fóra" (San Pedro de la Nave, San Juan de Baños), sexa na Gallaecia "interior" (Santa Comba, Montelhos, Panxón). Non se coñecen vestixios da importancia dos citados no resto de Hispania, incluíndo Toledo, capital dos visigodos. Nin moito menos en Tolosa e na porción da Galia que os visigodos dominaban. Que a construción máis ambiciosa das consideradas de estilo "visigodo", San Froitoso de Montelhos, se alce en Dumio e na capital sueva de Gallaecia, que é Braga, e que estea consagrada á memoria dunha figura histórica que naceu no Bierzo, debe facernos dubidar da denominación "arte visigoda" que se lle vén dando ás obras e estilo prerrománico de que tratamos. Moi posibelmente deberíase revisar esta taxonomía artística e arqueolóxica á luz dunha nova reflexión histórica que teña en conta a independencia do reino suevo de Gallaecia entre o 411 e o 585 e máis a permanencia da sociedade suevogalaica con carácter diferenciado até o ano 711.

2 - Britonia. Sábese da presenza de refuxiados que, procedentes de Britania e so a presión alí exercida polos invasores anglosaxóns, viñeron instalarse na Gallaecia a finais do século V, segundo xulga o instoriador francés do cristianismo Lois Duchesne. Hai quen pensa que estes britóns fixeran previamente unha estancia continental na Armórica. Menciónanse os britóns no Parochiale Suevum (finais do século VI) e concorren aos concilios de Braga. Pensamos que se debería ter en conta a posibilidade de que esta poboación celta insular contribuíse dalgún xeito á etnoxénese de Galicia que se produciu no tempo da Gallaecia sueva. Atención, pois, á Gallaecia de Maeloc (ou Maximus).

3 - Confluencia galaico-sueva. Un grande número de entidades de poboación galegas e portuguesas do Noroeste usan nomes que chamamos TAXX ("Topónimos derivados de Antropónimos Xermánicos en Xenitivo latino"). Creáronse cun substantivo Villa "dominio, explotación agraria", que se perderá, seguido do nome dun posesor xermano en xenitivo latino. Así (Villa) Aliarici chegará a ser o actual Allariz e, (Villa) Salameri, o Samil coñecido como praia famosa de Vigo. Paralelamente a estes TAXX, na paisaxe toponímica de Galicia e Portugal do Noroeste encóntranse os chamados TALX ("Topónimos derivados de Antopónimos Latinos en Xenitivo latino"). Eles formáronse tamén cun Villa perecedoiro e o nome latino ou hebreo latinizado dun posesor en xenitivo. Son ben coñecidos Marín (de Marinus), Amandi (de Amandus), Seoane (de Sanctus Johanes), Lázare (de Lazarus), Chaín (de Flavinus), Pedre (de Petri). Coma nos casos dos TAXX, os TALX desprendéronse do precedente nominativo Villa. Damos como moi posíbel que a abundancia destes antroponímicos xermánicos e latinos procedentes de posesores da terra mesturados no mesmo réxime enunciativo sexa unha marca indicativa da fusión, dentro do proceso etnoxenético, das poboacións sueva e galaicorromana.

4 - Memoira de vello reino. O de Gallaecia foi o primeiro reino que se ergueu, na que chamamos Europa, á caída do Impero Romano de Occidente. Non hai hoxe signos públicos que o recorden. Nin nomes de centros e institucións nin nomes de espazos comunais tratan de perpetuar a memoria desta primeira independencia nosa. Nin no que chamamos hoxe Galicia nin tampouco na porción dela que despois se converteu, felizmente, en Portugal. Un, ás veces, soña con que, en Vigo, a praza de Fernando o Católico, quen nunca foi rei de Galicia, cambie o seu nome pola do Rei Hermerico, que conduciu os suevos desde orelas do Danubio ás ribeiras do Miño e do Limia. Ou que en Compostela algún centro de investigación numismática faga acordanza de que o noso Rekiario cruñou a primeira moeda occidental na que constaba o nome dun rei bárbaro liberado das gadoupas do Imperio. Postos a soñar, soñamos cunha estatua ecuestre en Allariz, digamos na Barreira, aos pés da cal o concello agradecido escriba palabras como estas: Á MEMORIA DE ALIARICO, QUE LLE DEU NOME A ESTA VILA. Algo deste xeito, podería facerse en Guimarães, cidade moi atenta a agarimar o recordo dos seus grandes homes e das súas grandes mulleres. Erixirían, onda o castelo vello, un belo monumento no que rezase esta prosa lapidaria: HONOR A ViMARA: FUNDADOR ESCURO DA CIDADE NA QUE PORTUGAL NACEU. E así Gondomar iría lembrando a Gundemarus ou Guitiriz a Witericus. Habería signos de recoñecemento da Galicia sueva independente en tantas poboacións como elas reclaman, ás veces de xeito temíbel, o imaxinario xermánico da nosa nación, como é o caso de Bertamiráns ou de Randulfe, en cuxas sílabas aínda oula o lobo e roñe o urso.

CAIXA POSTAL

Recordar Isidoro Millán Fillo

  • Hai un tempo recibimos carta de Pontevedra, asinada por José Millán Mon. Nela tratábase da personalidade e humanidade de Isidoro Millán González-Pardo, fillo do tribuno e xurista Isidoro Millán Mariño. Do primeiro falaremos agora, aínda que pouco. El foi o responsábel da miña vocación, moi temperá, pola arqueoloxía e, sobre todo, pola lingüística indoeuropea. Nunca cheguei a arqueólogo nin a comparatista. Pero quedoume a afección a esas ciencias desde un día no que Isidoro Millán, licenciado que acababa de chegar a Alemaña, pronunciou unha charla sobre as orixes de Galicia no colexio Inmaculada de Pontevedra que dirixían Francisco Cerviño e Blas Arias. Para min foi un descobremento que me fixo notar toda a profundidade prehistórica que está queda, pero non inmóbel nin morta, por baixo dos nosos pés. Isidoro Millán, de obra curta pero densísima, acreditaba no predominio celta no tempo galaico ("galego", dicía el) anterior á romanización. Outra cousa é difícil de imaxinar. Mesmamente, unha Gallaecia prerromana non indoeuropeizada ben a fondo simplemente non é certa. Doume de conta, lendo a carta de José Millán Mon, de que os longos anos que vivín nas proximidades de Isidoro Millán (os dous eramos catedráticos de Instituto e chegamos a fundar unha asociación profisional cuxo recordo histórico parece que se esvaiu) fíxome moi seguro a respecto das "fontes limpas" que, en materia de lingüística indoeuropea, eu debía beber nos meus enredos etimolóxicos. Isidoro sempre estaba alí (hoxe non) co seu consello. Nunca o esqueceremos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats