Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Etnoxénese galega / 4 Rex, Thesaurus, Gens Suevorum, Patria

Unha das notas específicas da estrutura económica de Galicia ten sido a da presencia dunha inmensa rede de propiedades comunais no que se refere a montes

De esquerda a dereita, Ariamiro, rei suevo de Gallaecia, bispo Lucrecio, bispo Andrés e San Martiño de Dume (con mitra). I Concilio de Braga. Códice Albeldense, manuscrito 976, Biblioteca de El Escorial.

A fractura territorial e disolución do poder do Imperio Romano de Occidente que se produciu no tempo das invasións bárbaras e das convulsións provocadas polos usurpadores deu paso a un novo estado de cousas. Apareceron, tralas series de trebóns encadeados, sistemas políticos en forma de reinos bárbaros máis ou menos estabeis. Dentro destes reinos, a rede viaria que, segundo se sentía, conducía sempre a Roma converteuse principalmente en sistemas de camiños domésticos e houbo marcas que distinguiron con claridade os novos territorios independentes.

Os Suevos estableceron en Gallaecia o seu reino no ano 411. Ben máis tarde, o cronista Xohán de Bíclaro referíase a este nomeando os seus alicerces fundamentais: "o Rei, o Tesouro, a Xente Sueva e a Patria" ou territorio. Baseado na provincia romana Gallaecia, o reino botou raíces aquí a partir do seu primeiro rei Hermerico. Foi independente en longos períodos e gozou dunha certa estabilidade derivada do poder monárquico hereditario e nunha elite nobilitaria. Tal foi o escenario no que a totalidade da poboación galaica evoluirá entre o ano 411 e o 585; e mesmo, so o poder visigodo, até o 711. Trátase dun proceso que chamamos etnogénese e que R. Wenskus, e outros, din, naturalmente, en alemán, Stammesbildung; ou sexa o de formación da troncalidade das novas identidades europeas por efecto da irrupción bárbara, maiormente xermánica. Neste caso, falamos da constitución das bases da actual nación galega.

Co reino suevo salvouse, en primeiro lugar, o nome de Gallaecia, que sobrevive nos nosos días en canto os das restantes provincias romanas, nas que non houbo etnoxéneses, se estinguían. Así os da Lusitania, Bética, Tarraconense, Cartaginense. A capitalidade de Braga foi factor decisivo na consolidación do Reino.

Efecto de primeiro orde, e central na formación da identidade galega, resultou a individuación do latín vulgar da Gallaecia en romance diferenciado. Así ocorreu, e aínda pode suporse que o asturleonés se configurou inicialmente tamén como consecuencia do aparato de dominio suevo.

Unha das notas específicas da estructura económica de Galicia ten sido a da presencia dunha inmensa rede de propiedades comunais no que se refere a montes. Se asociamos tales extensións incultas pro aproveitadas economicamente coa propiedade dita xermánica podemos sospeitar, desde logo sen probas documentais, que eses nosos montes de veciños poideron ser constituídos en época sueva. Se é así, eles atravesarían o feudalismo nobiliario, o absolutismo oligárquico e o predominio burgués sen perderen o seu carácter. Hoxe o comunal ocupa 600.000 hectáreas: un 30% da superficie total do monte de Galicia.

Que a Galicia sueva fose un espacio multirrelixioso no que conviven ou se exclúen catolicismo, arrianismo, remol priscilianista, supervivencias pagáns de varios tipos, ben pode ser causa remota de certas actitudes propias dos galegos ante o dogmatismo e contra as conductas fanáticas. Outras especificidades galegas coma a permanencia da freguesía civil e o poboamento disperso, non deberían ter a súa orixe na época romana latifundaria senón nunhas elites xermánicas ao tempo urbanas e ruralizadas.

Entre unha e outra cousa o deseño do cadro social suevo faise dubidoso. Pero todo apunta a considerar que a influencia do elemento bárbaro territorializado aquí foi determinante para a fragua da condición galega feudal, moderna e contemporánea. Mentres en Aragón, Cataluña, e nos espazos reconquistados, se producen afloracións etnoxéneticas novas a partir da invasión árabe de 711, e en Galicia consolídase unha identidade que, desde a prehistoria e pasando polo Impero Romano, acada unha primeira plenitude autocentrada durante o tempo no que o reino dos Suevos era soberano e mesmo naquel outro tempo no que Gallaecia volta á condición de provincia; este retroceso, producido so o dominio visigodo. Iso si, todo parece indicar que, desde moi cedo, as elites galego romanas e as poboacións suevas se confundiron e mestizaron formando esa nova sociedade galaica que chega até os nosos días.

Escribía Stalin en 1913: "Unha nación non é unha comunidade racial ou tribal senón unha comunidade de humanos formada historicamente". Máis adiante, o dirixente soviético resumía a súa idea de nación nestas palabras: "Nación é unha comunidade estábel, formada historicamente de idioma, de territorio, de vida económica e de psicoloxía, manifestada esta nunha comunidade de cultura". Aínda engade Stalin que a nación "como todo fenómeno histórico, se acha suxeita á lei do cambio e ten o seu comezo e terá a súa fin". No Fondo dos Espellos consideramos que as características nacionais de Galicia foron fixadas orixinalmente na época dos Suevos, que o seu desenvolvemento está en marcha e que a súa fin non se contempla. Neste momento vén á nosa memoria o intre no que, estando eles os dous en Manhattan, Lois Soto lle meteu a Castelao nas mans o marxismo e o problema nacional de J. Stalin. E aí tendes a idea: en Sempre en Galiza.

CAIXA POSTAL

Máis sobre Óscar Lopes e nós

  • Recibimos no Fondo dos Espellos carta de Luís Gonçales Blasco "Foz" historiador e protector estricto da memoria da Resistencia Antifranquista e independentista de Galicia. El escríbenos desde Eira Pedriña-Bugallido (Ames) e sinálanos o punto escuro dun noso artigo, publicado nesta sección, sobre Óscar Lopes e Galicia, o 28 de abril pasado.Como en tal escrito diciamos non coñecer o Congreso de Literatura Galego-Portuguesa que se celebrou en Ourense, segundo parece, en 1984, o amigo "Foz" mándanos detalles. Participou no Congreso de Ourense, efectivamente, Óscar Lopes cunha comunicación titulada, non como eu erroneamente puxera No Fondo dos Espellos, senón así: "As Sibilas Domésticas do Noroeste", con verbas referidas á novela A Sibila, de Agustina Bessa Luís. Acabo de saber que Óscar Lopes, na súa comunicación, se explica deste xeito: "Escolhi este assunto, que vai irradiar de un livro de autoria e temática feminina, porque gostaria de saber até que ponto os Galegos associam a súa emancipaçâo real, e para começar a súa emancipaçâo cultural e lingüística, ás súas reinvindicaçôes femininas a que os Portugueses atribuem tanta importância..." No texto, e como entrada, seica o profesor portugués, e cimo do pensamento crítico da súa patria, estivera a tratar da "revoluçâo antifascista e anticolonialista do 25 de abril de 1974". Entre outras cousas, Óscar Lopes fixo memoria galega tamén. E lembrou que, sendo el profesor da Facultade de Letras do Porto, durante aquela Revolución de Abril, creou unha cadeira de Lingua Galega e Literatura. Hoxe esa cadeira non existe. Como pode verse a contrarrevolución portuguesa, igual ca outras conquistas obtidas pola clase obreira e resto do pobo no 25 de Abril, reduciu á nada a cadeira de Lingua Galega e Literatura que fugazmente funcionara no Porto. Prométeme Luís Gonçales Blasco o envío do texto completo de "As Sibilas Domésticas do Noroeste". Lerémolo e darémoslle a difusión que merece na medida das nosas posibilidades. Beizón ao noso correspondente e vello amigo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats