Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Etnoxénese galega / 2 A creba de Occidente

Os Suevos, guiados por Hermerico, pasaron no ano 406 o Rihn conxelado, nunha paisaxe alba de luz cristalina, segundo ten sido imaxinado por algún pintor e por algún novelista histórico

Os Suevos, cruzando o Rihn na fin do ano 406. Guíaos Hermerico, que monta un forco semellante ao cabalo galego actual. // Recreación: arrecaballo.es

Logo de renunciar a Bretaña, a horda sueva cruzou cos seus aliados Vándalos e Alanos, os Pireneus no 409. Xogáronse os bárbaros Hispania, e a Hermerico e aos seus compañeiros tocoulles en sorte a provincia Gallaecia. E na Gallaecia quedaron para sempre. Por entón, o Imperio Romano de Occidente achábase en proceso de creba e disolución acelerada, tanto debido ao desorde dos usurpadores entolecidos coma aos pobos bárbaros que rachaban as fronteiras da Germania.

O reino suevo de Gallaecia durou desde o ano 411 ao 585. Coñecemos o nome duns dazasete reis suevos da Gallaecia e ignoramos o dalgúns outros. A dinastía de Hermerico, na que o sucederon primeiro Rekila e despois Rekiario, tendeu á ampliación das fronteiras en Hispania. Signo do seu poder é a moeda carimba por Rekiario en Braga. Non se coñece outra ningunha anterior que fose acuñada por un rei bárbaro en Europa. Igualmente, o reino suevo de Gallaecia foi o primeiro fundado (411) en Occidente no proceso de esboroamento do Imperio Romano. A política exterior sueva tivo como inimigos, principais e competidores, os Godos do este ou Visigodos gobernados desde Tolosa ou desde Toledo. Nun tempo, estes Godos eran federados, representaban o lexitimismo romano. Cando caiou Occidente, os suevos de Gallaecia aliáronse cos Francos de Gallia e co Imperio Bizantino. Este Imperio mandou Martín Dumiense a Braga para asesorar os reis suevos de Gallaecia na súa política de restauración do Imperio. Os nosos suevos foron sucesivamente paganos, católicos, arrianos e de novo católicos, segundo aconsellasen as circunstancias políticas. Con outros bárbaros, crebaron a infraestructura de comunicación do Imperio, e crearon espazos independentes; no noso caso, o de Gallaecia, que se empliaba e encollía segundo as coxunturas políticas. Foron os Suevos, derrotados polos visigodos dúas veces. Unha no 456. Xa aínda que se deu Gallaecia por aniquilada, renaceu con rapidez. Dixeron: "Regnum destructum e finitus est", pro non foi certo. Houbo un período de florecemento político e relixioso-cultural de novo. Pero Leovixildo, rei dos Visigodos, interveu con máis forza contra Gallaecia, e acabou co reino finalmente no ano 585. Rouboulle aos suevos o seu tesouro e confiscoulles o poder e o territorio.

Entre os anos 585 e 711 o reino suevo estivo sometido aos Visigodos. Hai consenso entre os historiadores no que respecta á su autoría de Gallaecia sueva sometida a Toledo. Só se discute sobre o grao maior de disidencia independentista que se amosa en Gallaecia en diversos acontecementos do período. Neste, Gallaecia aparece como unha Provincia. Sempre o reino godo se menciona dividido, política e relixiosamente, en tres provincias diferenciadas: Gallia (no territorio ultrapirenaico), Gallaecia e Hispania. E como foi o proceso de fusión entre as elites e as poboacións galaicorromana e suevas? Sen dúbida, a grande integración produciuse entre o 58 e o 711, e debeu de ser iniciada moi cedo pro de longa duración. Na onomástica e na antroponomástica, que sobrevive até os nosos días, encontramos grande número de lugares e persoas de nome xermánico que, en xenitivo latino precedido dun Villa hipotético, dan lugar aos coñecidos Allariz (Villa Aliarici), Guntín (Villa Gunthini), pero tamén, aínda que non tan numerosos, outros da mesma fasquía mais galaicorromanos como poidan ser Marín (Villa Marini/ou Romai (Villa Romani). É posibel que tratemos deste tema de onomástica xermánica en Galicia, perfectamente viva nos nosos días e transmutada en numerosos apelidos tamén vixentes. De momento, digamos que na etnoxénese da actual Galicia tivo unha grande importancia o substrato prerromano, sen dúbida tamén o latino, pero foi o elemento suevo o determinante para fundir nun molde novo toda a substancia cultural antiga e dar lugar, mediante a implantación do modo de producción feudal, a Galicia da Alta Idade Media. Por efectos do reino nuevo creado en 411, o nome da provincia Gallaecia de Diocleciano non desapareceu levado polos ventos adversos da Historia, como desapareceron os nomes das provincias Lusitania, Bética, Tarraconense, Cartaginense. Perdéronse os nomes das provincia e na Idade Media novos nomes para entidades políticas emerxentes Castela, León, Navarra, Aragón (non o río). Algún destes foi importado e implantado mais recentemente, coma Cataluña. Andalucía e as Extremaduras afloran da linguaxe da Reconquista. Pola contra Gallaecia, existía antes da conquista romana, e perpetuouse despois de cair o Imperio ate o día de hoxe no que chamamos Galicia a unha autonomía dependente da monarquía española. Nunca se insistirá suficientemente no feito de que o noso pobo lle debe ao reino suevo a permanencia do nome que xa se lle daba antes do nacemento de Cristo: Callaecia, Gallaecia, Gallecia, Galicia, Galiza.

O mundo dos suevos produciu abundante historiografía e mesmo abundancia de textos na latinidade clásica. Na actualidade o libro de Casimiro Torres, El Reino de los Suevos, Fundación Barrié, Coruña, 1977. O estado actual da cuestión encontrarase, excelentemente, exposto, en Pablo C. Díaz. El Reino Suevo (411-585), Akal, Madrid, 2011. Nesta segunda obra, o lector que procure afondar no asunto achará unha completa bibliografía posta ao día.

CAIXA POSTAL

  • "Distinguido amigo, a afluencia de persoas producida na cidade de Ourense ante o reclamo da exposición In tempo Sueborum, lévame a preguntarlle como é que se escribía o nome dos Suevos na súa lingua e en latín? Con b como aparece no título da exposición ourensá ou con v como se fai normalmente?"Nuria Suevos CastroTerra ChaCoido que Idacio e Orosio escriben con u, o que equivalía a v como grafo en latín. Parece que os Suevos se chamaban a eles mesmos Suaba. En Hipona (N. de África) apareceu unha inscripción, que cita Pablo C. Díaz. Reférese a unha muller chamada Ermengon Suaba. Pénsase que se tratará dunha sueva que pasou a África no grupo dos Vándalos. Isto sería, sequer mínimo, un indicador de que os Suevi que aparecen na literatura latina desde César daríanse a si mesmos o nome de Suaba, con consoante oclusiva bilabial sonora representada como b. Referíndose a diversos topónimos galegos Suevos, con variantes e derivacións, menciona S.M. Piel os Sueben, ou Suewen. Unha rexión de Alemaña é Schwaben, que diu exónimo francés Souabe, que ao galego e portugués como Suabia. En Sonata de Invierno, Valle-Inclán saca un Bradomín vello que gosta de vestir o uniforme dos Zuavos Pontificios, unidade militar vaticana integrada por mercenarios de Suabia. Moi atentamente, un saúdo a amiga Suevos da Terra Cha. Coas formacións do Reino polos Suevos no ano 411 podemos decer, pois, que se inicia en Galicia a Idade Media.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats