Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manifesto contra os parques eólicos no concello de Paradela

"O Goberno galego comezou a poñer en práctica a chamada Lei de Depredación coa aprobación da resolución o 26 de decembro de 2017, a instancias da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se autorizou a declaración de interese especial para a implantación de 18 parques eólicos. Entre eles figura o Parque de Serra das Penas e o Parque Paradela, ambos os dous ubicados no concello de Paradela.

No seu día, advertimos que esa Lei pretendía desrregular ámbitos como o eólico, o forestal ou o mineiro, tratando de eliminar o debate público e a información sobre expedientes que requirían dun amplo consenso social e político. Hoxe xa estamos a comprobar que esas ameazas tornan xa en realidade, e como se exerce por parte da Xunta do seu uso abusivo, favorecendo as iniciativas privadas das grandes empresas baixo a súa protección e abandonando a defensa do interese xeral.

En Paradela (Lugo) anuncian a instalación de dous parques eólicos na Ribeira Sacra e preto do Camiño de Santiago "Francés", sen que ningún destes dous aspectos foran tidos en conta nas Declaracións de Impacto Ambiental dos devanditos proxectos, e sen que se lles aplicara a recente Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural Galego. O máis grave é que a propia Xunta iniciou a tramitación da declaración como Ben de Interese Cultural da paisaxe da Ribeira Sacra en sesión do Consello da Xunta do 21 de setembro do ano pasado, e apenas tres meses despois, en decembro, axilizan a autorización das instalacións dos parques eólicos reducindo garantías na tramitación e antes de aprobar dita declaración.

Por todo isto, queremos manifestar o noso rotundo rexeitamento á política de abuso que exerce a Xunta de Galicia amparándose en leis aprobadas "ad hoc" para as grandes empresas aproveitando a coxuntura da crise económica.

En concreto, rexeitamos a instalación destes dous parques eólicos en Paradela, que atentan contra Bens Culturais do noso País e contra as pequenas economías de mercado dos propios veciños e veciñas do entorno, polo que instamos á Xunta de Galicia a paralizar ditos proxectos".

Moitas grazas a Xan Valcárcel (Paradela) por nos enviar este manifesto, cuxo contido suscribimos aínda que seguimos a pensar que o uso do monte galego non pode ser exclusivamente forestal e que a cría de gando en réxime de libertade (vacas, cabalos, avenza) é hora de que sexa privilexiada polos poderes públicos. Saúdo aos cumes de Acebedo e das Penas Altas e todo o pobo da veciñanza.

Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:

X. L. Méndez Ferrín

Faro de Vigo

Policarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats