Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os Franco e o diñeiro

Nicolás Franco Bahamonde.

O escándalo recente das esculturas románicas que foron compradas polo concello de Compostela para llas regalar á familia Franco converteu as vellas especulacións en certeza. Si, os Franco, especialmente a muller, recibían regalos valiosos en materia de arte que conformaron unhas coleccións que hoxe presumibelmente se achen en poder da filla, Carmen Franco Polo. A incautación de Meirás e da casa de Cornide debería ser un acto de xustiza que se acompañase co de confiscar as coleccións ilícitamente adquiridas.

Pedro Marcos Santibáñez, nun famoso informe titulado "La Familia F." (en Horizonte Español 1966, Ruedo Ibérico, París, 1966), trata do lugar que ocupaba a familia do Dictador no entramado económico, esencialmente corrupto, que unido ao represivo e relixioso constituía aquel réxime fascista. Franco, o autócrata, enriqueceu a súa familia. Enriqueceu a súa familia sanguínea e a consanguínea. Ou sexa que no corazón escuro do poder franquista se enriqueceron os Franco, os Polo, os Martínez Bordiu, alén dunhas cen familias que son analizadas na obra citada de Ruedo Ibérico de forma memorábel.

A familia de Franco, por parte de pai e de nai, pertencía ao estamento ferrolán urbano da pequena burguesía ligada á administración militar. De criarse nestas estreiteces, Nicolás Franco Bahamonde, á sombra do seu irmán, de inxeñeiro da Armada chegou a ser presidente e conselleiro de máis de dez grandes empresas, a maior parte das cales de creación posterior a 1940. Home audaz e sen escrúpulos, as súas actividades económicas sempre tiveron como fonte o poder político e nunca se moveron lonxe da delincuencia. El estivo no desfondamento de Manufacturas Metálicas Madrileñas e no escándalo das divisas en Suíza que levou á cadea ao grupo Monsalve. Nicolás nunca foi atinxido pola xustiza e a súa inmunidade foi total mentres viviu.

Moi ligado aos fabricantes de conserva de peixe a través de Rodrigo Alonso Fariña, Nicolás Franco entrou a formar parte do consello de administración de REACE. Esta empresa viguesa armacenaba en Guixar inmensos stocks de aceite de oliveira que eran propiedade da CAT (Comisaria de Abastecimientos y Transportes), unha entidade pública cuxo fin era regularizar a distribución alimentaria, neste caso o aceite de oliva. REACE dedicábase a roubar o aceite do Estado e a estraperlarllo aos fabricantes galegos de conserva de peixe, e outros clientes. Descobreuse todo sobre 1972, e houbo procesamentos, presos, mesmo mortos a tiro ou en extraños accidentes e suicidios sospeitosos de seren en realidade asasinatos. A xustiza, nas súas investigacións, sempre se detiña ao chegar ás proximidades de Nicolás Franco Bahamonde. No xuízo, celebrado na audiencia de Pontevedra en 1974, exercitou unha das defensas José María Gil-Robles, e foi fiscal Cándido Conde Pumpido. Os intentos de ambos para implicar e facer comparecer na vista a Nicolás Franco resultaron vans. Cada vez que o nome de irmán do Caudillo soaba na sala, o presidente da audiencia Mariano Rajoy Sobredo, ordenaba silencio e reprendía ao letrado ou ao fiscal. Nicolás saiu sen dano daquel proceso putrefacto que diu lugar mesmamente a unha película. Pepe Rei, vello amigo, publicou sobre REACE un dos seus grandes libros de historia coeva. Toda a opinión pública de España coñeceu o caso REACE como o do "Aceite de Redondela". Grazas a Pepe Rei, amplos sectores tiveron a evidencia de que a xudicatura española, ben representada no affaire por Mariano Rajoy Sobredo, era parte moi importante do entramado franquista.

Franco tiña canda si a Francisco Franco Salgado, seu curmá, militar coma él, a quen tamén sentou en bon número de empresas capitalistas fundadas durante o Réxime. Camarada de armas do Caudillo, e cuase da familia, era Camilo Alonso Vega. Este foi capaz de impulsar a colosal alcaldada, acompañada como REACE de formidábel escándalo, da expulsión da empresa do Tranvía Eléctrico de Vigo e a súa substitución manu militarie pola actual VITRASA. Esta sociedade estaba ligada aos intereses daquel ministro e comilitón de Franco que era Camilo Alonso Vega.

Logo virían os cuñados de Franco apelidados Polo Martínez-Valdés, cuxa moderada fortuna familiar non í amáis alá da Calle Uría de Oviedo. Despois do matrimoño de Franco con Carmen, os Polo engordaron e medraron en poder e en riqueza. Aínda Zita, irmá de Carmen, foi casar co máis nazi dos ministros falangistas, Ramón Serrano Suñer, e este multiplicou así a súa facenda particular. E o home da irmá Isabel Polo foi gratificado por Franco coa consellería de cinco empresas mineiras de alto rendemento. Chamábase el Roberto de Guezala Igual. Outro Parente, Luis Vereterra Polo, entrou da man do Caudillo no universo Gómez-Acebo e, por tanto, na máis alta esfera do capital monopolista de Estado.

Finalmente, casada Carmencita Franco Polo con Cristóbal Martínez Bordiu, médico, a familia toda do xenro viu coma o corno de Fortuna desprendía para eles copia de riquezas que nunca tiveran. Cristóbal compatibilizaba o exercicio da cirurxía coas altas finanzas. O pai deste, José Martínez Ortega, convertiuse no terratenente que sempre soñara ser, alén de ter presenza en empresas de alto nivel. Este consogro de Franco foi, con Valls, un dos artífices do Banco de Madrid. E aínda houbo outros dous Martínez Bordiu mellorados, de seus nomes Tomás e José María.

Forzas represivas, exército, maxistratura, igrexa católica, oligarquía capitalista, constituían o entramado do Réxime. Na cúpula, Alí Baba repartía cada noite o botín entre as bandas adictas. O xefe protexía con especial atención aos seus máis achegados.

CAIXA POSTAL

San Faustino Miguez

  • Chámanme de Ourense para me pedir opinión sobre a elevación aos altares católicos de don Faustino Miguez (sen til). Non sei cousa dos milagres que el obraría nin teño curiosidade por coñecer o pormiudo do seu proceso de beatificación. Entendo que don Faustino era tío bisavó de Celso Emilio Ferreiro Miguez. Advirto que o apelido Miguez por razóns lingüísticas e por uso que durou até non hai moito, debe ser pronunciado coma palabra aguda, igual que o é a súa variante Miguéns. Podo decer que a Celso Emilio lle molestaba moito que pronunciasen Míguez, con acento tónico e til na primeira sílaba, o seu segundo apelido. En fin, o novo santo foi frade escolapio e, polo que sei, podémolo situar dentro das correntes católicas que tiveron como norma a encíclica Rerum novarum de León XIII. Así Victor (sen til) Hugo coma Curros Enríquez dubidaron en verso e con diferentes rexistros sarcásticos que León XIII fose recuperar o primitivo espírito Cristián. Faustino, alén de pedagogo na liña das Escolas Pías, parece ser que foi médico e farmacéutico, non sei se titulado universitario ou non. Teño endendido que discurriu medicamentos que, mesmamente, foron patentados e entraron na distribución en farmacias. Naceu e foi batizado na freguesía de San Xurxo de Acevedo, que pertenceu ao municipio de Acevedo do Río até que este, xa mediado o século XX, foi incorporado ao de Celanova, como moito antes o fora o de Vilanova dos Infantes. Coido que toda a familia materna de Celso Emilio Ferreiro Miguez procede de Acevedo. Volvendo ao traballo científico do novo santo, eu recordo a Celso Emilio dicindo que algún dos preparados farmacolóxicos que Faustino Miguez fabricaba na súa casa conventual de Getafe ían acompañados dunha folla non técnica na que se contiña unha oración que debía rezarse para propiciar os bons efectos do específico. Celso esperaba ilusionado a ceremonia de proclamación de San Faustino Miguez. Pensaba asistir a Roma de frac e coa única condecoración que recibira, ao parecer a medalla de salvamento de náufragos que el gañou por axudar a resgatar un rapaz que afogaba na Foz do Lagares, entre Navia (Samil) e Coruxo. Cóntame Antonio Piñeiro que os actos no Vaticano estiveron impregnados de galeguidade que, a este respecto, houbo un chiste moi porteño que saiu da boca do papa Francisco. Debería contalo Piñeiro. En todo caso, sempre Miguez e nunca Míguez. Como quería Celso Emilio Ferreiro e como quer a historia da linga galega.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats