Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Horror e crimes no gótico florido

Cada día chegan noticias fidedignas de que algún corzo foi enxergado nun lugar no que os máis vellos nunca viran tal. Están chegando ao Galiñeiro e o corzo macho chouta nas madorras de Cortiña Grande

Casa Museo Rosalía de Castro (A Matanza, Iria, Padrón)

Existe en Padrón, freguesía de Iria, unha aldea ben poboada que chaman A Matanza. Alí, alén da estación do camiño de ferro, hai veigas floridas e xiran os seus negocios diversos establecementos industriais e mercantís. Di Angueira que na contorna aínda se poden ver vestixios do castelo da Rocha Branca. Lembremos que, na Matanza, alugou o matrimoño formado por Rosalía de Castro e Manuel Murguía a casa que hoxe é museo e memoria viva de Galicia. Na Casa da Matanza morreu ela e, no seu xardín, fotografaron unha bela escena familiar dos xenitores coas fillas e co fillo. Nesta foto, Rosalía sostén no colo un cadelo e sorrí, co seu bucle característico en rebeldía sobre a fronte. De onde virá o nome da Matanza?

Hai outros poucos lugares ditos Matanza en Galicia, e ningún tén carácter de parroquia vedraia. No concello máis segredo de Galicia, Baleira, sábese dun monte fero que leva o nome da Matanza. Rexístrase un rueiro bonito de nome Matanza no concello de Carballedo. Porparte, seica na Serra da Coura, marxe esquerda portuguesa do Miño final, José Pedro Machado e A. Costa sitúan unha fabulosa Cidade da Matanza. Cóntase que alí houbo unha poboación que fora destruída e os seus viciños pasados a coitelo polos "normandos". Eu sospeito que detrás de cada sitio nomeado Matanza hai unha lenda de horror e morte de persoas.

Coñecemos na Matanza de Padrón, onde é a Casa de Rosalía, algún mito relacionado coa morte violenta de seres humanos? Eu, con certeza, nunca sentín narrar oralmente ningún episodio deste xénero. En todo caso imos deseñar unha hipótese que se nos está a facer presente no Fondo dos Espellos.

Na primeira mitade do século XV, o autor coñecido como Juan Rodríguez del Padrón ou De la Cámara (citaremos Cámara) escribiu unha obra complexa e desunida que, titulada Siervo Libre de Amor, sobreviviu até os días de Murguía nun manuscrito en letra gótica, que se garda nos depósitos da Biblioteca Nacional de Madrid. Parte principal deste libro de Cámara é un relato, erótico, cruel e fantasioso, que se titula "Historia de dos amadores" (citaremos Historia). O siervo libre de amor foi escrito en castelán.

Ambientada a acción na Terra de Iria mediante citas toponímicas inequívocas, a Historia narra as aventuras de Ardanlier e de dúas súas amantes ou queridas. A principal, Liesa (ou Lyessa), vive co protagonista nunhas concavidades secretas perto de Padrón. Ardanlier, co permiso de Liesa, mantén amores paralelos coa princesa Irene, esta como persona dramática secundaria. Irene permanece en París, á espera de Ardanlier, gardada cun cinto de castidade feito de pedras preciosas e ouro chamado Candado. Como o pai do protagonista, Croes, ama morbosamente o seu fillo único Ardanlier, vai procurar este á Pequena Francia, ou sexa Galicia, onde se ocultaba con Liesa. Croes sorprende Liesa nos secretos pazos ou grotas, e chántalle a espada atravesando ao mesmo tempo o corpo dela e o dun feto que levaba. Déixaa morta, sen retirar a espada. Daquela preséntase Ardanlier e faille o pranto a Liesa. Logo mándalle, por un propio, a chave do Candado a Irena, para que ela sexa libre. Ardanlier lánzase contra a punta da espada do seu pai e morre co corazón atravesado e o seu corpo riba do de Liesa. Os cabalos, os falcóns, os cans de Ardanlier e Liesa fanlles un pranto de chíos, rinchos, oubeos de todo tipo aos seus amos e o témero son atrona o mundo.

Isto, con outras cousas mais é unha escena que Cámara quer situar con certeza no xiro ou alfoz de Padrón. Manuel Murguía coñecía ben esta Historia porque el foi quen sacou a obra de Cámara do esquecemento e a editou en 1860 como apéndice do seu Diccionario de Escritores, Compañel, Vigo, 1861. Cabe dentro do posíbel que Murguía e Rosalía, ao arrendaren a Casa da Matanza, se preguntasen pola orixe de tan pecular topónimo. Relacionaría, a familia de escritores, o nome da Matanza co terribel episodio da morte de Ardanlier e Liesa tal como o relata Cámara no fondo do Siervo libre de Amor?

Convén acrecentar que, na Historia, os infelices Ardanlier e Liesa foron sepultados en Padrón dentro de criptas maravillosas e ricamente labradas por arte de xeómetras. Alí, nas orelas do Sar, fundouse un culto pagano a Amor que escandalizou moito a don Marcelino Menéndez Pelayo e que, sacrilegamente, tiña a súa festa maior cada 25 de xullo. E aínda máis, aos xacigos dos dous amantes adosouse o de Macías o Namorado, a traslación de cuxo corpo foi solemnemente executada. Macías, como se sabe, tamén foi morto por man ciumenta e debido á condición pertinaz e briosa da paixón que non puido arrincar do peito. En canto a Irena, ela veu de París a Padrón para se converter en Mestra da confraría de Vesta que permanentemente rende alí culto a Amor.

Esta sería unha crónica abreviada da Matanza de Iria.

CAIXA POSTAL

  • A infancia da miña xeración estivo presidida polo culto ás armas. Eran días da II Guerra Mundial e todos seguiamos a evolución do armamento, despois minuciosamente deseñado, nos chistes ou tebeos de Hazañas Bélicas, por Boixcar. O cumio da evolución armamentística foi a bomba atómica que esborrallou Hiroxima e Nagasaki sen que ninguén nunca ousase condenar aquel acto abominábel como crime de guerra. Pola mesma época, eu lembro a aparición de armas formidabeis contra microbios que destruían aos humanos, que lles perturbaban a vida ou perxudicaban a agricultura. Asi lembro o nacemento das sulfamidas, para logo desapareceren sustituidas pola penicilina, e que foron (unhas e outra) armas de destrución masiva que limpou a humanidade de infeccións, moi especialmente lembradas aquelas ditas de transmisión venérea ou sexa erótica. Arma (hoxe dirían en norteamericano latinizante "letal") que combateu todo tipo de artrópodos incomodantes foi o DDT, ou sexa o diclorodifenil tricloroetano que o noso inesquencíbel profesor Enrique Macías se apresurou a deseñar no encerado da clase seguindo a norma de formulación da química orgánica, con dous hexaedros. A respiración traqueal dos insectos e arácnidos, e demais bichería molesta para o Humano, era infestada polo DDT e as poboacións nocivas perecían coma as das cidades xaponesas coa deflagración nuclear que tamén nos explicaba Macías con tizas de cores moi ben en Pontevedra. Case chegou a Galicia ao mesmo tempo o esgarabello da pataca e o insecticida DDT, co cal se fixeron malévolas interpretacións causais. O caso é que, no Porriño, daquela, naceu Zeltia, da man de Xosé Fernández ben asistido por un círculo de sabios de alto nivel profisional, alén de republicanos e/ou galeguistas. Apareceron os Laboratorios Zeltia, que produciron, entre outras cousas, o ZZ. En Galicia o ZZ foi hexemónico no ramo dos insecticidas a base de DDT. Matou trillóns e trillóns de individuos parásitos do ser humano, o ZZ. Igual ca a penicilina e as sulfamidas antes acabaran coa sífile e coas purgacións, o ZZ expulsou de Galicia as percebexas ou chinches, os piollos das tres especies especificamente humanas e moitas cousas máis. Por parte, Zeltia editou, por primeira vez hai 65 anos, o seu Almanaque Agrícola ZZ, en galego, sempre instructivo e ameno. Hoxe a empresa parece que non se chama Zeltia, pro segue no Porriño. Acaba de facernos chegar o Almanaque Agrícola ZZ para o ano 2017, como sempre en galego e como sempre moi útil. Moitas grazas a Zeltia do Porriño, como queira que hoxe a empresa faga xirar no mundo capitalista o seu nome.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats