Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

"Homaxe a Ramón Otero Pedrayo"

Na Homaxe dos piñeiristas non aparecen nin Blanco Amor, nin Luis Seoane, nin Dieste, nin Díaz Pardo, que eran clasificados como "comunistas" por aquel galeguismo de Guerra Fría

Capa deseñada por Xohán Ledo.

Véñenme á memoria as clases de Otero Pedrayo na Aula Un da vella facultade de Filosofía e Letras de Compostela. Elas non se me borrarán nunca do Fondo dos Espellos. O ano 1958, o Mestre pronunciaba, en odor de multitude, a súa derradeira lección desde o púlpito do Paraninfo. Aínda que aquelas clases de Otero Pedrayo foron evocadas por diversos autores, é Gonzalo R. Mourullo quen o fixo con máis intensidade e acerto.

O grupo que, dirixido por Ramón Piñeiro, se proclamaba a si mesmo único representante do galeguismo, ofrecía a Otero Pedrayo como figura presidencial e representativa, ao tempo que non recoñecía a autoridade do Consello de Galiza fundado por Castelao no exilio. En consecuencia, e tomando como pretexto a xubilación de don Ramón, os que chamamos piñeiristas, que se dotaran, coa editorial Galaxia, dunha estrutura legal, decidiron facerse notar con signos encriptados pero facilmente descifrabeis por aqueles que, en tempo de censura atroz, coñecían as finas artes de ler entre liñas. Prepararon, sempre so a dirección de Ramón Piñeiro, un libro colectivo formado por traballos sobre Otero Pedrayo e máis por traballos de cultura xeneralista dedicados, segundo o modelo das mélanges ou misceláneas académicas, a Otero Pedrayo. O tomo, de 345 páxinas, foi, obviamente editado por Galaxia e, de xeito non menos natural, impreso nos talleres de Faro de Vigo. Distribuíuse no verán de 1958. Título: "Homaxe a Ramón Otero Pedrayo". Na Homaxe, o piñeirismo exhibe o elenco dos seus pensadores: Fernández de la Vega, Rof Carballo, García Sabell e o propio Piñeiro. Dos non heidéggeriens non falta Carballo Calero aínda que está ausente Del Riego, que traballara arreo e anonimamente (como soia) na fabricación do volume. Aparecen varios filólogos como Dámaso Alonso, Rodrigues Lapa, Joseph M. Piel, Isidoro Millán, J.L. Pensado. Danlle entrada os piñeiristas ao ensaio español, representado por antigos franquistas ou vellos liberais, en todos os casos ligados ó Congreso Internacional para a Libertade da Cultura (CIA cultural): Marañón, Laín, Aranguren. Vense representantes das que podiamos chamar xuventudes do piñeirismo, pero faltan Manuel María e Novoneyra. So hai un poeta: o galego arxentino Francisco Luis Bernárdez (católico).

Na Homaxe non aparecen nin Blanco Amor, nin Luis Seoane, nin Dieste, nin Díaz Pardo, que eran clasificados como "comunistas" por aquel galeguismo de Guerra Fría. Só se detecta un representante do exilio (Guerra de Cal) e non é visíbel ninguén relacionado co Consello de Galiza. No interior, Maside era tamén considerado "comunista" en Galaxia, por iso el non aporta ao libro ningún dos seus diferentes retratos de Otero Pedrayo e si o fai un Rivas Briones neófito naquelas datas do piñeirismo. A Homaxe amosaba con precisión as fronteiras do piñeirismo pola esquerda e polo nacionalismo republicano. Marcaba Ramón Piñeiro na Homaxe outras diferenzas?

Marcaba, si, diferenzas co franquismo e coa dereita galeguista. Nin Álvaro Cunqueiro, nin Vicente Risco, nin Filgueira Valverde foron convocados para lle renderen homenaxe a Otero Pedrayo. Todos tres, de modo diverso eran tránsfugas do galeguismo ao franquismo. Causa pouca extrañeza que Filgueira non asine nada aquí, pois a súa presenza nos fastos do galeguismo da época é moi escasa ou inexistente. Non lle coñecemos moita obra galega ao Filgueira dos anos cincuenta do século XX e o seu nome non consta nos repertorios de Galaxia. Tal distancia nótase ao ler a nómina dos colaboradores do "Grial" primitivo. Risco foi excluído a pesares de que fixo naquela altura un reencontro coa nosa lingua. Cunqueiro tamén estaba fóra do libro, precisamente nun intre no que Galaxia o incitaba a converterse no grande narrador en galego que de verdade chegou a ser. A man directora de Ramón Piñeiro era de aceiro.

O certo é que, en 1958, o deseño e escolla de colaboradores da Homaxe de Galaxia causou incomodo e feridas no amor propio de moitos. Foron moitos os defraudados e poucos os escolleitos. O propio Piñeiro fixo circular entre os seus achegados unhas cartas. Nelas, Sánchez Cantón, protector de Filgueira nas altas cúpulas madrileñas do franquismo, escribíalle a Piñeiro moi queixoso de non ser convocado para colaborar (el e outros). Piñeiro contestáballe precisando con dureza, entre outras cousas, que Otero Pedrayo era o derradeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos que Sánchez Cantón transformara nun Instituto Padre Sarmiento no cal a lingua galega estaba prohibida. Seguramente estas cartas cruzadas entre Ramón Piñeiro e Sánchez Cantón, ao mellor outras tamén no mesmo ronsel das que teño noticia, estean arquivadas na Fundación Penzol. En todo caso chama a atención o feito de que, hoxe, cando está tan de actualidade a edición de cartas privadas de escritores, estas de Ramón Piñeiro relacionadas coa publicación da Homaxe non teñan visto aínda a luz.

Compre engadir que o grupo piñeirista, en parcería cos seus afíns de Venezuela, editou outro libro colectivo en honor do Mestre que levaba o título de Ramón Otero Pedrayo. A súa vida e a súa obra. Homaxe da Galicia Universal. No pé pode lerse: Caracas, 1958. En realidade imprimiuse nos talleres de Faro de Vigo, o cal converte esta nunha edición absolutamente delictiva. Moitos dos autores cuxa exclusión era moi evidente na Homaxe de Galaxia aparecen agora asinando traballos nesta especie de volume reparador. Faise ver neste, desde logo, un dos grandes marxinados: Álvaro Cunqueiro. Vicente Risco incorpórase á nómina dos que lle renden homenaxe a don Ramón, pero cun texto de 1926? Desde logo, Filgueira Valverde segue sen estar presente no curiosísimo novo libro en homenaxe a Otero Pedrayo.

CAIXA POSTAL

  • "Caro amigo. Escríboche desde o que uns chaman Ferrolterra e outros chaman Terra de Trasancos. A cuestión, así pola brava, eche esta. Son as de Semana Santa celebracións galegas?X.L. Pita Pernas. FerrolterraSobre a liturxia católica da Semana Santa podería falar o recén falecido doutor Martín Patino, máis non eu. Sobre o aspecto cultural, ocórrenseme moitas cousas. Sostiña Gonzalo Torrente Ballester, coterráneo do amigo Pita, que as procesións de confrades enmascarados con cucuruchos foron importadas a Ferrol desde Andalucía e desde Cartagena por elementos da mariña de Guerra española. Teño lido que a presenza de persoas con cucuruchos nas procesións de Valladolid e de Castela tamén constitúen unha innovación non moi vella e procedente de Andalucía. Cando eu era neno (antes de 1950) na episcopal cidade de Ourense non había rostros tapados nin encarapuchados e as vellas confrarías desapareceran. Coido que a única Semana Santa que seguía en Galicia ese rito andaluz era, na miña infancia, a de Ferrol. Logo, en Pontevedra, importaron de Andalucía a moda dos encarapuchados. Reinventáronse en Pontevedra as confrarías do pasado e fundáronse algunhas irmandades novas. Daquela apareceu en Pontevedra a Confraría de "Excombatientes", que aínda saca, segundo penso, a súa talla coa insignia do grupo: un casco tipo alemán sobre o xugo e as frechas do fascismo español. Mesmamente, Filgueira Valverde creou a confraría do Instituto, naturalmente cos seus integrantes encarapuchados á moda andaluza. En canto a Vigo, fálase de que foi o introductor dos modos andaluces un famoso crego coñecido popularmente como "O Reisiño", home fervorosamente franquista. Resulta ben curioso comprobar como as procesións de Semana Santa de Portugal, que está aí ao lado, son moi diferentes das importadas de Andalucía. Alí consérvase a tradición teatral dos autos da Idade Media. Non sei se se celebra aínda a Semana Santa de Oímbra, na cal, ao modo portugués, eran homes e mulleres de carne e óso os que representaban os episodios da paixón e morte de Cristo. Estou desexando ler un bon ensaio antropolóxico sobre a evolución e significado da Semana Santa en Galicia e o proceso da españolización cultural a que foi sometida.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats