Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Seda de cabalo e a tradición da natureza morta

Manuel Vilariño no MARCO

Seda de cabalo e a tradición da natureza morta

Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) presenta con Seda de cabalo, unha revisión dos aspectos maís significativos da súa traxectoria. A exposición concíbese como unha esculca no universo creativo e poético do fotógrafo partindo de diferentes liñas de articulación e achega unha multiplicidade de lecturas e puntos de vista nunha obra que desde unha fonda orixinalidade dialoga dun xeito acusado coa tradición plástica do pasado, e en concreto coa paisaxe e coa natureza morta.

Como é ben coñecido, ambos os xéneros: paisaxe e natureza morta, serviron ao longo da historia da arte occidental non só a unha finalidade puramente decorativa -que evidentemente tiveron- senón para moitos artistas elaboraren sólidas estratexias de representación. Os xéneros tornáronse axiña, xa desde os seus comezos no século XVI, en vehículos para a ostentación e para a demostración da mestría do artista, tanto na natureza representada como nos seus máis requintados pormenores.

En concreto, na natureza morta, o apelo ao sensitivo e ao sensual foi neste proceso fundamental, ligado a unha vontade de creación duns ambientes reconfortantes e a unha sensación de benestar. Nun sentido distinto, e case que poderiamos afirmar que contraposto, estaban non poucas naturezas mortas en que as estratexias realistas eran parte dunha singular concepción formal e simbólica. No "bodegón" peninsular este aspecto era ben evidente xa que nel os elementos simples da vida cotiá tornábanse obxecto dunha análise en que a simetría e o tratamento austero dos obxectos e do espazo deviña en fundamental. Nesta pintura confluían, sen se excluíren, o cartesianismo e o ascetismo, a ordenada xeometría, a composición, a austera sobriedade e a espiritualidade.

A natureza morta nos séculos XVII e XVIII era considerada un xénero menor, moi por baixo da pintura de "historia", a pesar diso sempre gozou do aprecio dun coleccionismo culto e refinado que procuraba nela mensaxes de oculto simbolismo. Posteriormente pasou a ser un xénero cada vez máis valorado e recuperado para a sensibilidade moderna, a razón quizais estea en que permitía de xeito excepcional combinar a liberdade expresiva desde o universo da intimidade e o cotián. As simples cousas representadas, por moi realistas que pretendan ser, son en realidade distintas percepcións afastadas de calquera obxectivación, porque a natureza morta é, de facto, un campo de experimentación plástica e tamén un reflexo do mundo emocional dos artistas, cando neles aparece o talento creativo. E este agroma de xeitos ben desemellantes; para algúns o formal domina no tratamento dos obxectos; noutros, as naturezas mortas teñen unha carga emocional, un aspecto que pasa ao primeiro plano, por exemplo, cando aparecen os cranios, alusións funerarias evocadas polas vanitas do período barroco.

Non é dificil encontrar no sutil traballo de Manuel Vilariño ecos e diálogos estreitamente unidos a esta tradición, con múltiples obras en que se producen cruzamentos entre a vida e a morte, dun simbolismo nítido, ou conxuncións de imaxes en que as citas das vanitas son manifestas.

O noso fotógrafo converte as súas creacións en vehículos para a mensaxe poética, para a transmisión da memoria, do ritual e da alegoría. Nas súas obras achamos a presenza do pasado mais tamén a evocación dun futuro inevitábel -coa morte nun plano ben relevante-, que en ningun momento deixa de estar presente no ollar do espectador. A quietude, o estatismo das fotografías transpórtanos á natureza morta barroca, mais still life -vida detida- que bodegón, no sentido de ser máis evocación poética que simple amálgama de obxectos, permitíndonos establecer un diálogo con pintores como Georges de La Tour, Francisco de Zurbarán, Juan Sánchez Cotán ou Lubin Baugin, cos que Vilariño comparte unha sobriedade compositiva, xeométrica, e unha intensa espiritualidade case que rigorista. Ambos os mundos, o pictórico e o fotográfico, ao someteren as imaxes á nosa contemplación, convídannos a unha experiencia visual que sempre segue a ser controlada e manipulada polo artista, no sentido de que é este o que dirixe o noso ollar.

As fotografías de Manuel Vilariño, como as naturezas mortas barrocas, provocan o efecto dunha extrema percepción, unha hiperpercepción, e, se cadra, aí resida a súa capacidade de comunicación poética, crando un mundo ateigado de espiritualidade e límpida perfección técnica.

Título: Seda de cabalo. Artista: Manuel Vilariño

Comisario: Fernando Castro Flórez. Produción: Subdirección General de Museo Estatales, Ministerio de Cultura. Local: MARCO, Vigo. Até o 10 de xaneiro

Compartir el artículo

stats