Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gancho Sanches: Zaquín

Zaquín é primeiro disco longo do grupo chantadino Gancho Sanches. O traballo xa está dispoñible en todas as plataformas de internet comezando agora a súa desescalada particular despois de ter que suspender as presentacións por mor do confinamento.

O disco entra de cheo na etiqueta pop rock aínda que dende a súa xénese a banda confesa unhas sólidas influencias do chamado psych-folk de atmosferas acústicas e cautivadoras. Son nove cancións que se moven entre a sutileza e o acerto melódico, con moita enerxía e con momentos enormemente logrados. Temas como "Salto ao baleiro" ou, a miña preferida, "Néboa" métente de cheo neses lugares tan doces e labirínticos dos que, unha vez dentro, custa tanto sair. Tamén "Nas Veigas", a peza que pecha o traballo, apunta con certeza nese pau da introspección xenerosa que fai cómplice a quen escoita e se deixa levar por uns arranxos e unha liña vocal tan pausada como adictiva. Noutros momentos os Gancho Sanches apostan por patróns máis rápidos -"Estrela"- ou en carreiros máis puramente pop:"Encontro", "Onde vaias ti".

O disco é deses que chama a escoitar con calma e sen présas, con toda a certeza de estarmos unha vez máis ante outro exemplo da riqueza de propostas e calidade que nos está a brindar a escena galega contemporánea nos últimos anos. Brais Sánchez (voz e guitarra), Matías Unruh (guitarra eléctrica), Iván Olmedo, (batería e voces) e André Espiñeira (guitarras, teclados e voces) apostan por abrir as xanelas e deixar que entre e saia o vento nuns arranxos artellados ao detalle e cunha lírica perfectamente coidada e unha imprescindible carga poética.

Compartir el artículo

stats