Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema e racismo

Desde The Cry of Jazz aos nosos días

Cinema e racismo

Tras derrotar, xunto cos seus aliados, a un nazismo extremedamente racista, Estados Unidos converteuse no líder político, económico e militar mundial e, polo tanto, a mirada dos pobos inmersos en desputas anticolonialistas foi pousar nese país. A década dos anos 50 do século pasado estivo profundamente marcada polas loitas a favor dos dereitos civís; é dicir, polas reivindicacións que a poboación negra reclamaba nos propios EUA. Como parte dunha estratexia, comezouse a tolerar, daquela, a integración dunha burguesía de cor a condición de que o resto de negros continuase encerrado nos guetos "controlables". Os pasos lexislativos en favor da integración non avanzaron a un ritmo desexado, e a resposta de Hollywood resultou aínda máis incerta, incapaz de emanciparse dos múltiples estereotipos raciais.

Se o actor afroamericano William Greaves pode ser considerado un pioneiro na loita fronte a discriminación racial en Hollywood -rexeitou papeis que consideraba ofensivos e decidiu lanzarse á produción e á dirección independente-, The Cry of Jazz (Edward Bland, 1959), é a primeira película afroamericana e "antibrancos" de Hollywood. Pouco a pouco, a industria apelou á identificación do público cos personaxes para admitir no seu elenco de estrelas a actores como Sidney Poitier, Dorothy Dandrige, Eartha Kitt e Harry Belafonte, que puxeron rostro ás temáticas de integración racial. Sidney Poitier foi a figura perfecta para os brancos na época da integración: educado, ben vestido, de boas maneiras e, incluso onde se evidencia a protesta, el é tranquilo, humano e racional. Desde o seu papel protagonista en No Way Out (estreada en España baixo o título de Un rayo de luz, 1950), dirixida por Joseph L. Mankiewicz, Poitier encadeou varios títulos ata a celebérrima Guess Who's Coming to Dinner ( Adiviña quen vén cear esta noite, Stanley Kramer, 1967). Coa participación de Spencer Tracy e Katherine Hepburn, pais conservadores dunha filla que decide presentarlles o seu prometido negro, o filme obtivo un grande éxito de público, e coincidiu no tempo con In the Heat of the Night ( Na calor da noite, Norman Jewison, 1967), onde Poitier interpretaba a un inspector enviado a investigar un caso de asasinato nunha vila do Sur dominada por un sheriff racista (Rod Steiger). Porén, imos dar asemade con películas de ambientación sudista, como un contexto violentamente represor cara aos negros, no caso de Kill a Mockingbird ( Matar un reiseñor, Robert Mulligan, 1962), adaptación da novela homónima de Harper Lee, premio Pulitzer, con Gregory Peck no papel dun avogado defensor dun negro acusado inxustamente de homicidio.

A historia do home negro que debe defenderse dunha acusación falsa é unha temática máis que recorrente xa na primeira década dos anos 40, como síntoma dese estigma que, aínda hoxe en día, persegue a ese colectivo continuamente observado con desconfianza polas instancias policiais e xudiciais. En 1942 John Huston dirixía In This Our Life ( Como ela soa), película na que un mozo negro, interpretado por Ernest Anderson, debe defenderse dunha acusación vertida polo personaxe encarnado por Bette Davis. Un ano despois, en T he Ox-Bow Incident ( Incidente en Ox-Bow, William Wellman, 1943), un grupo enfurecido pretende linchar un colectivo "de cor". Outra xoia fílmica é Intruder in the Dust ( Intruso na poeira, Clarence Brown, 1949), baseada na novela escrita por William Faulkner un ano antes, e na que o actor Juano Hernández interpreta a un negro acusado de asasinar o seu veciño branco. E así ata un largo etcétera de títulos que tratan o tema do estigma da culpabilidade, ata os nosos días, como mostra inequívoca da mirada prexuízosa que padece este colectivo.

Compartir el artículo

stats