Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

India: o legado dos vedas

Historia do pensamento (VI)

Vista exterior do gran templo hinduísta -o maior do mundo desa relixión- de Sri Ranganathaswamy, en Srirangam (estado de Tamil Nadu, no sur da India).

Nos vales dos ríos Indo e Ganxes xurdiu unha civilización herdeira do pobo dos veda, que se asentou aí aproximadamente no ano 1750 a.C, dando lugar á sanscritización do pobo dravidiano orixinario.Xa por volta do ano ano 1200 a.C., a introdución do ferro foi o detonante do xurdimento dunha serie de reinos védicos, entre os que salientan os de Kuru, Panchala, Kosala e Videha, que foron nacer de formacións tribais xerarquizadas nas que se forxou a relixión védico-brahmánica.

Neste reinos, nos que era fundamental integrar o territorio -o acceso á auga era un requisito necesario para que as aldeas da chaira puidesen desenvolver a actividade agrícola- e a recadación de tributos, abrollou a organización en castes: os kastrias, os señores laicos e os guerreiros, e os brahmáns, o grupo sacerdotal que era intérprete das escrituras sagradas -principalmente o Rig Veda, o máis antigo dos catro libros vedas-, e, sobre todo, exercía o control dos saberes. Fronte a estas dúas clases non produtivas, a clase produtora (o campesiñado e os artesáns), agrupouse nunha nova caste: os sudras.

Arredor do século V a.C. a segunda revolución urbana deu lugar á eclosión dunha serie de cidades-estados (as mahajanapada), feito que provocou ademais a formación dunha nova clase social: a dos mercadores, que servían de intermediarios entre as clases non produtoras ( kastrias e brahmans) e os mercados internacionais, que constituíron a caste dos vasyas. Nesas novas cidades-estado, que se organizaron tanto baixo a forma de monarquía como de república, produciuse unha profunda renovación do pensamento indio, que deu orixe ao hinduísmo, o budismo e o xainismo.

O hinduísmo: un sistema filosófico-relixioso: O pensamento hinduísta clásico recoñece a existencia de seis darsanas (escolas ou doutrinas), que se poden agrupar de xeito binario. Cronoloxicamente, as escolas orixinarias foron tres: vedanta, asociada a Viasa, probable autor dos Upanishad, que constitúen o esforzo intelectual por adaptar a relixión védico-brahmánica ao novo mundo urbano; é neste texto filosófico relixioso no que se organizan de novo as castes e se introduce a caste dos intocables paria. Paralelamente, da man de Kapila xorde a doutrina shamkya, que consiste nun dualismo non creacionista (o cosmos é increado) no que coexisten a materia e o espírito. A terceira desas escolas ( vaisesika) fundouna Kanada, un filósofo atomista que sostiña que existían uns átomos indivisibles e indestrutibles creados por deus ( anu) e nove substancias eternas (alma, tempo, espazo e éter, ás que se suman os elementos constitutivos da materia: terra, auga, luz, aire e mente, complementaria do corpo e diferente do espírito, que é a enerxía que move a materia).

Unha vez que as cidades-estado indias colapsaron fronte á invasión helénica, dando orixe a un novo estado indio: o imperio maurya (322 - 185 a.C), produciuse unha nova eclosión de tres novas escolas que adaptaron o hinduísmo tradicional ao novo contexto sociopolítico: a renovación da escola vedanta, que mediante a relectura do Rig-Veda dá lugar ao Mahabhárata; a escola mimansa, unha lectura esexética centrada no cumprimento dos deberes sociais elaborada por Iaimimi. Da man de Patanshali, un monxe que viviu no século III a.C., xorde o complemento ioga da escola shamkya, centrado na meditación. Finalmente, o sabio Gótama Rishi fundou unha escola lóxico-epistemolóxica niaia, na que a busca da verdade sempre estaba sometida á demostración da existencia de deus, que é o par complementario da escola fundada por Kanada. Este é, ademais, o contexto no que o sabio Manu redacta o código lexislativo no que queda definitivamente organizado o sistema de castes.

Compartir el artículo

stats