Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Prehistoria no Atlántico

Os castros de Neixón, Boiro

Nas imaxes: diferentes perspectivas dos dous castros de Neixón (Grande e Pequeno), no concello de Boiro.

A posición de Boiro na ría de Arousa fai deste concello mariñeiro un enclave de gran valor ecolóxico e paisaxístico, dominado polo litoral e a rocha, con fermosas praias, abundantes vestixios megalíticos e un castro, o de Neixón -dous en realidade, Grande e Pequeno-, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) polo seu excepcional valor patrimonial, que o sitúan como un dos máis antigos de Galicia. Os xacementos son dous, pois, entre os máis representativos da evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro á época tardorromana. Nunha pequena península, que penetra na ría, localízanse ambos os poboados, obxecto de investigacións científicas baixo a tutela do Seminario de Estudos Galegos, institución fundada en 1923. Coa creación da súa Sección de Prehistoria e Arqueoloxía, Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey formaron un equipo con grandes achegas, como dan mostra os resultados da escavación arqueolóxica realizada en 1925.

Seguindo as pautas de ambos autores, os poboados enmárcanse no período da Idade do Ferro, aínda que os últimos achados das escavacións no Castro Grande de Neixón permitiron determinar que este asentamento foi reformado urbanisticamente en diversas ocasións e que estivo habitado ata o século IV despois de Cristo. O momento de apoxeo da súa ocupación correspondería á xeira tardorromana ou baixoimperial, entre finais do século II ou comezos do III. Nas últimas actuacións puido constatarse a existencia dun nivel de ocupación anterior á conquista.

Os materiais arqueolóxicos atopados nestes xacementos son de grande interese, especialmente no que se refire a produtos de importación, que demostran a relevancia dos castros como lugar de intercambio entre navegantes mediterráneos e poboacións locais. Entre as pezas máis importantes destaca un aríbalo (recipiente de vidro) púnico, do século V-IV a. C. descuberto polo arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo nos anos 70. Xa en escavacións máis recentes apareceu un fragmento doutro aríbalo, ademais de numerosas cerámicas púnicas, romanas e tardorromanas. Entre os obxectos, acháronse ánforas que se utilizaban para transportar viño e salgadura, e que aquí eran intercambiadas por outro tipo de produtos. No castro boirense saíron á luz recipientes nos que se traían ungüentos, así como pezas de vaixela que se empregaban para comer e beber. Todo parece indicar que Neixón era un importante centro de actividade comercial nos séculos IV e V antes de Cristo entre os fenicios que chegaban desde o sur da península. Para completar e dinamizar este importante asentamento, en 2002 inaugurouse o Centro Arqueolóxico do Barbanza, tanto para recepción de visitantes e turistas como sede de exposicións e traballos sobre o castro e a súa contorna.

Neixón Pequeno sitúase xusto na punta do istmo, a tan só oito metros de altura. O Grande está a vinte e catro metros de alto, e contiguo ao Pequeno. O poboado atópase delimitado por unha serie de elementos defensivos como fosos e terrapléns perfectamente visibles. Posuía sólidas murallas e consérvanse máis dunha vintena de vivendas circulares e ovaladas.

Ao bordo do litoral, a poboación viviría case exclusivamente do que o mar ofrecía, aínda que os habitantes practicarían tamén a agricultura e gandaría. Os habitantes de entón xa sabían das bonanzas do marisco, como puxeron de relevo os restos de crustáceos atopados nos concheiros dos xacementos. Estes antepasados castrexos, ademais de saborear a carne, eran consumidores habituais de peixes, mexillóns e numerosos tipos de exemplares mariños que á súa vez son unha valiosa fonte de información, xa que poden achegar datos sobre a estacionalidade da recollida, das formas de explotación do medio ou mesmo da temperatura das augas.

Compartir el artículo

stats