Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Elas, debuxantas

As pioneiras da ilustración gráfica

Elas, debuxantas

A presenza de pintoras converteuse ao longo do século XIX en algo cada vez máis habitual, feito que testemuñaba que o debuxo e a pintura se foran transformando en parte da formación das mulleres da aristocracia e da burguesía. Alén diso, desde a segunda metade do século XIX foron suavizándose os condicionantes que pexaban a proxección pública das mulleres e que seguían a impedir a plenitude de desenvolvemento do talento feminino; con todo, cando pasamos da afección á vocación as facilidades para se dedicaren ás Belas Artes eran menores.

A mostra Debuxantas. Pioneiras da ilustración que se pode contemplar desde a pasada terza feira no Museo de Pontevedra -unha vez aberto de novo tras a crise sanitaria da Covid 19- permite seguir este proceso por medio da obra de corenta ilustradoras, froito dun importante traballo de investigación que descobre nomes que deben ser recuperadas para un equilibrado coñecemento dos distintos contextos artísticos. A colección de ilustración de Blanco y Negro e ABC, que serve con seus fondos de alicerce deste proxecto expositivo, é un magnífico exemplo desta situación de partida das mulleres artista e do proceso seguido pola creación elaborada por elas desde os anos finais do XIX e ao longo do pasado século.

Sobresae na exposición a riqueza da ilustración feminina dos anos vinte e trinta, froito dunha sociedade máis dinámica que a precedente, mais tamén máis aberta que a posterior, xa que o franquismo, como é ben coñecido supón un claro retroceso tamén para a proxección pública das mulleres, incluídas as que se sitúan no bando gañador da guerra.

Centrándonos xa no que a mostra nos ofrece, nos vinte e trinta encontramos autoras como María de los Ángeles López-Roberts, con escenas costumistas que representan de figuras femininas con traxes populares reelaboradas nunha estilización requintada ou como a simbolista Margarita Gil Roësset, que desenvolve unha ilustración con doses de inquedanza e desacougo.

Entre as artistas que conectan coa figuración de entreguerras máis achegada á vangarda -a chamada no contexto español Arte Nova- cómpre destacar o labor de Manuela Ballester, cunha magnífica capa de Blanco y Negro de 1929 de vistosa planimetría; tamén se sitúa nestas coordenadas a ilustración de Victoria Durán, con certos ecos do realismo máxico e a única obra de Maruja Mallo, unha tinta para un texto de Rafael Alberti de 1930, con lembranzas do seu mundo de verbenas e cun procurado inxenuísmo.

Porén, o que máis abunda é un tipo de traballo que nos trae ecos da art déco como se pode ver na obra de Pilar Gallástegui; atc (María de los Ángeles Torner Cervera) ou Viera Sparza (María Dolores Esparza). Retrato do ideal das clase altas desta época é o tipo de ilustración de atc que nos presenta un modelo de muller elegante e cosmopolita, deportista e de aspecto requintado, modelo debedor das imaxes do cinema europeo e americano e da literatura de Belle Époque. Aínda máis interesante é o labor de Viera Sparza que permite percibir unha evolución estilistica que segue unha traxectoria que vai dun inicial simbolismo até un progresivo proceso de simplificación do debuxo, con modulacións art déco, leva a esta artista a un tipo de obras de enorme atractivo. A súa presenza tivo un importante proxección, sendo unha das vinte e dúas participantes no Primer Salón de Dibujantas organizado polo Lyceum Club Femenino de Madrid en 1931 e mesmo tendo continuidade o seu traballo despois da Guerra Civil.

A pesar do empobrecemento que supuxo en xeral para a ilustración a posguerra, non deixan de parecer mulleres artistas de interese, como é o caso de Xelia (Elia Martínez Fernández), que fai un tipo de debuxo moi característico da publicidade e da ilustración popular desta altura, ou Ana María Badell, dedicada á ilustración infantil. Unha das mellores é Coti (Lucrecia Martínez Feduchi) que elabora unha ilustración nos anos cincuenta debedora do deseño moderno e empregando colaxe. Tamén nesta época aparece a obra dunha pintora galega presente en Madrid, María Antonia Dans, cunha ilustración entre o inxenuísmo e o expresionismo.

Título: Debuxantas. Pioneiras da ilustración

Comisarias: Marta González Orbegozo e Josefina Alix

Local: Museo de Pontevedra, Edificio Sexto

Até o 30 de agosto de 2020

O uso de pseudónimo

  • Chama a atención a utilización frecuente en moitas destas creadoras de pseudónimos que debemos relacionar coa condición feminina e as dificultades que implicaba para moitas artistas a imaxe pública, velaí os casos de Coti, Xelia, atc ou Viera Sparza, está última, por exemplo, chegou a ser tomada por home nalgunha crítica de arte do seu tempo. Finalmente, cómpre subliñar o rigoroso traballo de invertigación das comisarias Marta González Orbegozo e Josefina Alix, que debe servir de punto de partida para achegamentos individuais a moitas destas "debuxantas", pioneiras da ilustración, que foron quen de abrir vieiros superando, con certeza, non poucas dificultades.

Compartir el artículo

stats