Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Retorno a Heimat

Edgar Reitz, director e creador

Unha escena da serie de filmes alemáns Heimat (1981-2012) dirixidos por Edgar Reitz.

Tres meses despois de que Antonio Maceda metese o gol que clasificaría a España para as semifinais da Eurocopa de 1984, a República Federal Alemá desquitábase daquel infausto último minuto -dun partido agónico onde os haxa- coa estrea da mellor serie de todos os tempos Heimat-Eine deutsche Chronik ( Heimat-Unha crónica de Alemaña). Un triunfo que a alzaba até ao máis alto da clasificación, con case a metade dos seus habitantes (un total de 25 millóns de espectadores) sentados fronte ao televisor á espera de saber sobre os destinos vencellados de tres familias da zona do Hunsrück, no estado da Renania-Palatinado. As historias dos Simon, dos Wiegand e dos Schirmer pasarían a ser, a partir daquel momento, o eixo ao redor do cal xirarían todas as súas conversas e, dalgún xeito, a motivación das súas proprias vidas. Uns meses máis tarde, Stanley Kubrick e David Simon, o creador de The Wire, afirmarían estar perante unha obra de arte excepcional.

E como se fose certo iso de que o bo vén sempre acompañado do mellor, á primeira entrega seguíronlle dúas partes máis: Heimat II- Chronik einer Jugend (1992, Heimat II- Crónica dunha mocidade ) e Heimat III- Chronik einer Zweitenwende (2004, Heimat III- Crónica duns tempos cambiantes). Un total de 56 horas de duración para contar unha epopea que arrancaba no ano 1919 e remataría nos albores do Novo Milenio.

A serie comeza co melancólico regreso de Paul Simon á súa vila natal, Shabbach (o espazo ficticio onde terán lugar a maioría dos acontecementos do relato), despois de ter combatido na Grande Guerra que, lembremos, deixou a Alemaña arruinada, humillada e sumida nun perigoso caos político. E remata en 1982 coa morte de María, a súa esposa.

Heimat I revela o lento devir dun mundo rural que, desde a súa soidade e cerrazón, se dirixe inexorabelmente cara á revolución tecnolóxica, principalmente dos medios de comunicación. A aparición da radio servirá para impulsar, entre outras cousas, o ascenso da ultradereita que, subrepticiamente, se coará nos fogares de moitos destes campesiños. Dicía Albert Speer, Ministro de Armamento e Produción Bélica do Terceiro Reich, que o Nazismo lle debía todo o seu poder de destrución ás ondas electromagnéticas da radio.

A segunda e a terceira entregas céntranse na figura de Hermann, o fillo máis novo de María e Paul. Un mozo que, con 19 anos, e despois dun infortunado incidente que o fará caer en desgraza cos seus veciños, opta por abandonar a vila. Estamos nos anos sesenta, no miolo de todos os movementos antisistema, na cultura das drogas, nas reivindicacións sexuais das mulleres, nas manifestacións en contra da guerra. En München Hermann tentará forxar o seu futuro como compositor de música de avant-garde. O regreso á terra que o viu nacer non se producirá até ben entrado 1989, xusto cando a caída do Muro de Berlín significará para todos o derrube dun experimento chamado RDA.

Mais Heimat non é só un relato magnífico onde o verdadeiro obxecto do que narra se sitúa máis alá do visíbel e audíbel. O verdadeiro desafío reside na súa audaz combinación de secuencias en cor e branco e negro (ou mesmo na montaxe dalgunhas nas que o elemento pigmentado aparece dentro dunha escena orixinalmente en branco e negro) e no emprego da música atemporal e cativadora de Nikos Mamangakis.

Antonio Maceda deixou a práctica do fútbol en 1988 despois dunha longa temporada sen marcar goles. Ese mesmo ano estreábase Heimat na segunda cadea da TVE, en horario de madrugada. Vintecinco millóns de espectadores perdían así a oportunidade de ficar conmovidos con tanta beleza e intelixencia. Mentres tanto, o equipo da Alemaña reunificada quecía motores para erixirse como campioa da Eurocopa 1996.

A vida indestrutíbel

  • Nada hai mellor que unha boa corentena para retomar a lectura, o bo cinema e algunhas cuestións fundamentais da nosa especie. Unha delas sería averiguar que é aquilo que determina que a vida continúe latexando indestrutibelmente poderosa a pesar do acoso repetido da devastación. A outra consistiría en lembrar a obstinación dos abismos que, segundo Friedrich Nietzsche, son capaces de separar os homes. Tamén de os confundir creando neles un sentimento falso de unidade aproveitado por aqueles que os manipulan para os fins máis espurios e viles. Neste sentido, Heimat resulta ser unha incontrovertíbel lección de Intrahistoria, desa que nos informa e retrata a vida da xente común ( Alltagsgeschichte), da súas memorias, da intimidade dos afectos e dunhas vivencias que se modifican cada vez que algún deles decide recordalas. Porque, segundo Reitz, a cuestión moral da maioría dos testemuños dados por persoas sometidas aos embates da Historia non constitúe sempre unha prioridade. Hai un certo elemento anárquico que, na natureza do ser humano, fai que todo o inimaxinábel poida suceder e, non obstante, poida seguir vivindo como se nada sucedese. Daquela, Shabbach eríxese como paradigma dunha sociedade silenciada polo medo, pero sobre todo pola indolencia, pola apatía, pola indiferenza. Condenada a desfrutar do horror do Nazismo. Unha conduta que o realizador definiu como "vivir-a-pesar-de-todo".

Compartir el artículo

stats