Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Singular e emocionante

Inesquecíbel experiencia

Singular e emocionante

Comento hoxe un libro emocionante, Lugar de incendios, de Paco Souto e Serxio Moreira, coidadosamente, magnificamente editado por Caldeirón. Trátase dunha obra por completo singular en moitos sentidos. En primeiro termo, porque o volume aglutina tres artes. Consta, por un lado, de doce poemas e, contiguos a cada un, os pentagramas da música composta por Serxio Moreira para cada unha destas pezas. Xunto a todo isto, tamén atopamos as ilustracións que o proprio Paco Souto (A Coruña, 1962-Carballo, 2017) realizou sobre os seus textos. Para o noso asombro, o exemplar contén un CD coa voz do poeta recitando os seus versos e as composicións pianísticas que os acompañan (cheas de acordes impresionistas de delicada tenrura), en maravillosa maridaxe. Poesía, artes plásticas e música unidas harmoniosamente, creando unha experiencia inesquecíbel.

Teño que confesar que a poesía de Paco Souto, recitada por el, con esa voz cálida e doce, adquire unha nova dimensión, emociona. Existe un tipo de poesía que permite e pide ser declamada para confirmar a súa función. Todos os textos o demostran, por exemplo: "e se tes as mans cheas de arxila/como non haberá ter o xinete/a dozura do teu aloumiño". Ou neste pormenor pictórico: "o sol debruza con quietude/os seus pés/na lagoa da tarde". Ou no fulgor manuelantoniano cargado de creacionismo: "bebeu da cidade/o licor indeciso dos neons". Ou nun dos seus mellores poemas, "A gata", cando o eu lírico esperta entre follas escritas e descobre que é iso, un escritor, e declara: "mais non estou certo de ser eu/e se debuxo a gata no papel/tan adentro/coa súa lingua de coitelos/avivando a carne". Tampouco podemos esquecer as vivencias marítimas: "a lúa debuxa cadaleitos nas furnas/de entre os mortos nacen percebes" que rematan nun doloroso final: "ese sabor a sal na boca/como se a morte viñese cada nove ondas".

A Paco Souto fóiselle a vida traballando de percebeiro no tráxico día 30 de marzo de 2017. Os seus versos, a súa voz amiga, ficarán connosco para sempre.

SOUTO, Paco e MOREIRA, Serxio, Lugar de incendios, Caldeirón, Malpica, 2020, PVP. 20 ?

Compartir el artículo

stats