Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Toño Núñez: "O amor é o denominador común de toda a miña poesía"

O escritor lugués Toño Núñez.

- Que un poeta consiga que un músico lle dedique un disco enteiro, é todo luxo. Como xurdiu a idea de que Xoán Eiriz gravase un álbum integramente composto por poemas seus?

-Xoán e mais eu coñecémonos no bar do Facebook haberá uns tres ou catro anos? Sorprendinme moito de non ter sabido del antes, pois a súa voz encantoume. Intercambiamos disco por libro. Gustámonos? Nun momento dado, propúxenlle a Xoán que me axudase a gravar unha canción para a miña compañeira? Entón, a través de Xoán, apareceu en escena Nacho Varela, outra descuberta igualmente sorprendente e enriquecedora, dado que é un compositor, cantante e músico integral moi bo que eu non coñecía. E botámonos a andar? E xurdiu a maxia entre os tres e, así, dunha maneira moi natural, a partir de Canto, de canción en canción, chegamos a un disco; un disco do que penso que quedamos os tres moi satisfeitos. E que segue a darnos moitas satisfaccións.

-Por que Xoán Eiriz?

-Eu son un cantante de orquestra frustrado. De neno soñaba con xogar no Real Madrid ou con ser o "animador", tal e como se dicía antes, dunha daquelas orquestras que viñan ás festas da miña Navia ancaresa, e que constituían as únicas referencias e toda a cultura musical daquel neno-rapaz que eu era. Cando descubrín a voz de Xoán Eiriz, pensei que esa sería a voz que a min me gustaría ter? Con tales antecedentes, decidín botarlle a cana e o anzol a ver se picaba? E picou! Son un arroutado. E un afortunado.

-Que criterio aplicaron para elixir os poemas que finalmente foron incluídos no disco?

-Como che dicía, comezamos por Canto, un poema dedicado á miña parella, que foi a chispa que fixo prender o proxecto. E como a Xoán non lle aparecía o exemplar do libro que lle mandara, eu mesmo fun seleccionando aqueles poemas que, pola súa extensión, estrutura e ritmo, me parecía que se adaptaban mellor para seren musicados. Igual lles cheguei a pasar uns quince poemas e, logo, Nacho e Xoán fixeron a escolla definitiva. Seguramente, como poemas, non son os mellores do libro; mais, como letras para cancións, penso que teñen a fondura e a verdade necesarias como para que resulten cribles e para que calquera persoa poida sentirse identificada ou representada neles.

-Cando escribía o poemario, xa estaba pensando que eses versos poderían converterse en cancións ou soamente se centraba na escrita?

-Aínda que me encanta a música, e cantar, non; non escribín nunca con tal intención. De todos os xeitos, sempre me pareceu que a música e a poesía conflúen nun todo marabilloso cando se crean con talento e acerto. E sempre me interesou especialmente a música que nace da poesía. Si que é certo que, cando me puxen a reler pensando no disco, a dous ou tres poemas fíxenlles uns mínimos "axustes" ou adaptacións. Tan só Perdedor naceu, coma un xogo, con vocación de ser letra para unha canción e, por iso, non aparece no libro.

-É un tópico dicir que a primavera é a estación do amor, pero os seus poemas son de "amor en outono"...

-Hai estacións para o amor? Neste caso, a palabra outono emprégoa cun dobre sentido: dunha parte, porque é unha estación do ano que vai moito coa miña personalidade; e, por outra, porque, con máis de medio século de vida, cando comecei o proxecto deste libro recompilatorio, entendín que estaba no outono da miña vida. Ten, pois, tamén, ese sentido metafórico. Por outra parte, o outono é a estación máis poética, polo menos, para min. Por iso, Poemas de Amor en Outono.

-Ademais de o amor, cales son os temas centrais sobre os que xira a totalidade da súa obra poética?

-Todos os poemas do libro son poemas de amor, en calquera das súas expresións: amor convencional, amor de fillo, de pai, de amigo? Amor ao sangue, á tribo, á terra, á fala, ás orixes? O libro está estruturado en tres partes: Poemas de amor, de desamor e de desacougo; e aí caben e conviven todos os temas universais da poesía. Mais, o denominador común sempre é o amor.

-Tamén ten escrito narrativa e, nomeadamente, narrativa para lectores infantís e xuvenís. Cales son as claves para chegar a ese tipo de lectores/as?

-Máis ben, teño contos para lectoras e lectores de entre tres a dez anos. Do meu contacto con nenas e nenos destas idades tirei a conclusión de que a familia, a natureza, os animais, algo de intriga, a bondade, a amizade, o amor, as relacións interpersoais? son os temas que lles interesan. Tamén, supoño que por motivacións profesionais, case todos os meus contos, especialmente os primeiros, levan un pouso didáctico moi mal disimulado. Ora ben, tanto ou máis ca os temas, a trama e o desenvolvemento deses temas penso que é o que fai interesante ou non un conto.

-E tamén escribiu tres libros poéticos para rapaces. A poesía segue sendo unha "arma cargada de futuro"?

-A poesía é a sublimación da palabra? A poesía, entendo eu, é a mellor canle para a expresión dos sentimentos máis fondos e máis nobres? Daquela, confío en que o futuro se constrúa dende os sentimentos máis fondos e máis nobres; se non, mal futuro nos agarda, ou lles agarda ás xeracións vindeiras. Na poesía, supostamente, hai sensibilidade, hai beleza, hai verdade? Concibes, Lourdes, un futuro sen sensibilidade, sen beleza, sen verdade? Aínda así, non me gusta mitificar nin esaxerar; seguramente existen persoas que nunca escribiron poesía e que quizais leron moi poucos poemas, que son, igualmente, boas e interesantes persoas.

-Quen son os seus poetas de cabeceira e cales os que máis pegada deixaron na súa obra?

-Nestes últimos anos escasamente dou lido a poesía de poetas amigos e amigas. Certamente, vivimos un momento dunha produción poética inabarcable. E, como non son un lector incontinente, doulle prioridade á poesía "amiga", e non a dou lido toda. Fontes? Son evidentes: Rosalía, Celso Emilio, Cunqueiro, Novoneyra, Manuel María? E a poesía popular, claro.

-Da provincia de Lugo teñen saído algúns -Manuel María, Novoneyra...-dos grandes poetas de Galicia. Que ten Lugo que tanto e tan ben inspira?

- Vés de citar dous dos meus preferidos. .. Non creo moito nesas cousas; de todos xeitos, da terra, da paisaxe e da memoria nace moita e moi boa poesía. Pero, logo, están a capacidade creativa de cada quen, a sensibilidade, a experiencia persoal? Que sei eu! Eu só che son un obreiro, un labrego da palabra.

-Supoño que, como case todos, vivirá vostede estes días confinado na casa. A súa experiencia do que estamos a vivir reflectirase nalgíun poemario futuro?

-De momento, só escribín ao respecto unhas cantas reflexións en prosa e un artigo de opinión. Eu acostumo escribir "en quente"; pero, non; non sentín aínda a necesidade de escribir poesía referida a esta Negra Sombra que nos asombra, a esta experiencia tan brutal, polo que ten de perda de vidas humanas, de dor, de tsunami económico... A maior parte do pouco que escribo, escríboo por necesidade e cunha boa dose de motivación catártica; mais, aínda non sentín esa chamada... No futuro? Realmente, o futuro é un enigma indescifrable.

Compartir el artículo

stats