Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

150 anos de Vladimir Lenin

Luces e sombras dun revolucionario

Lenin diríxese ás masas tras o triunfo de Revolución Rusa (outubro, 1917)

Cando aínda temos recentes as conmemoracións do centenario da Revolución de Outubro, o século e medio transcorrido desde o nacemento de quen a liderou, Lenin, ofrece unha perspectiva para poder situar na historia o papel que exerceu nun tempo e nun espazo (o imperio tsarista de 1900) que non resultaban homologables ás previsións dos dirixentes marxistas europeos para o triunfo dunha revolución socialista.

Aqueles que dalgún xeito seguimos na nosa mocidade as teorías marxista-leninistas (por convencemento ou por simple utilitarismo) adquirimos unha bagaxe dialéctica de reflexión e confrontación das ideas políticas. Unha vez superada a viabilidade desas teorías, esa bagaxe foi unha herdanza que levamos por vida, con independencia da nosa ideoloxía persoal posterior.Tal feito resulta da maneira de pensar e de actuar de Vladimir Ilich Ulianov, Lenin. Non podemos abordar o seu pensamento sen entender as súas circunstancias e -xeralizando- as do pobo ruso. Este caracterizouse historicamente por anular a individualidade en prol do gregarismo tras unha figura forte e carismática: así foi cos tsares, con Stalin e, xa nos nosos días, con Putin.

Unha unidade homoxénea de patria, cultura e relixión da cal Lenin estaba distanciado: as súas orixes familiares calmucas, xudías e luteranas fixeron que non fose un ruso arquetípico. Como tantos outros revolucionarios do seu país (especialmente os de orixes xudías), nunca considerou a dimensión nacional do imperio e, en troques, abordou a loita en clave social (campesiños medianos e pobres, obreiros, soldados, pequena burguesía) cunha ferramenta fundamental: a análise concreta dunha situación concreta.

Este elemento de traballo levou a Lenin a ter que adaptar os presupostos xerais de Marx e Engels -enunciados para sociedades industrializadas como Alemaña, Francia ou Inglaterra- a un imperio con estruturas propias do Antigo Réxime. Unha consecuencia de tal situación era que non había un mínimo reparto da riqueza (salarios estables) que afectasen a unha parte considerable da poboación. De igual xeito, calquera ameaza ao status quo do tsarismo -xa en decadencia- era respondida coa brutalidade do exército e da policía secreta.

Dous feitos evidenciaron a fraxilidade do imperio: a derrota na segunda guerra ruso-xaponesa de 1905 e, consecuencia dela, a revolución que limitou a condición autocrática do tsarismo. Esta experiencia serviu a Lenin para teorizar a toma do poder pola clase obreira, xa anunciada coa publicación de Que facer en 1902. A iso engadíronse outras dúas circunstancias, moi vinculadas entre elas: a política socialdemócrata (especialmente en Alemaña) para mellorar as condicións de vida dos obreiros dentro do sistema capitalista e, co comezo da guerra mundial, o seguimento que moitos dirixentes socialistas fixeron dos respectivos gobernos nacionais, esquecendo o seu comportamento imperialista.

Lenin opúxose a ambas políticas: á primeira porque en ausencia de industria, non había riqueza a repartir, e á segunda porque a belixerancia do tsarismo só levaba penalidades ás clases populares rusas. Na defensa destas e fronte ao imperio unitario, en 1914 publicou O dereito das nacións á autodeterminación. Consciente das causas reais da guerra mundial e contra os nacionalismos escribiu O imperialismo, fase superior do capitalismo (1916). E xa nas portas da caída do tsarismo e ante calquera continuidade morna, publicou O Estado e a revolución (1917). Finalmente, xa coa revolución triunfante, denunciou certos comportamentos idealistas en O esquerdismo, doenza infantil do comunismo (1920).

Entregado en corpo e alma á causa revolucionaria, Lenin foi dogmático e inflexible pero lúcido -coherente polo menos- nas súas análises. Duro na represión da disidencia desde 1917, non o tivo fácil coa ofensiva contrarrevolucionaria malia a cal a Revolución foi unha explosión de modernidade. Pragmático ao cabo, sentou as bases do desenvolvemento económico futuro coa Nova Política Económica, que incorporaba elementos capitalistas.

Compartir el artículo

stats