Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre a tradición e a actualidade

Do neoanalfabetismo

Entre a tradición e a actualidade

Salvámonos do autoritarismo pero seguimos sometidos pola súa gramática porque se non, como se explica o permanente debate na educación que busca entender os problemas coa xente nova baseados nunha morriñenta mirada ao pasado? Temos un problema coa adolescencia e neste espazo mestúranse o neoanalfabetismo, a violencia, as adiccións ou o mal uso das novas tecnoloxías, entre outros temas. Pode que o argumento fundamental deste debate sexa que non temos argumentos para eles. Porque os modelos, para teren éxito, necesitan dunha relación directa coa materialidade do mundo que os promove e nós estamos ancorados dende un dispositivo obsoleto.

Esta carencia, a nosa, é o problema que temos con eles. Sabemos que na primeira etapa do sistema educativo as persoas alumnas necesitan aprender a ler e a escribir e que as persoas maiores buscan orientar a súa vida profesional pero non temos unha claridade no que necesitan na adolescencia. Eles tampouco o saben pero, para eles, non saber é o seu. Pode que noutra época estivese ben xustificada a introdución de contidos enciclopédicos no ensino nesta etapa, pero hoxe os contidos están nas súas mans, disponíbeis a través nunha cantidade inabarcábel para calquera docente. Debería ser unha liberación desentendermos da falacia da educación democrática que nos venderon como conquista de dereitos cando só responde ás necesidades do sistema produtivo e non das persoas. Pero como aínda estamos á sombra do século pasado, parécenos pouco que o contido desta etapa sexa a construción da identidade! Case nada. Para este cambio hai que entender o ensino como un intercambio de transferencias comunicativas co outro, hai que estar á altura nesta afirmación da persoa e neste tema andamos escasos porque na fuxida do autoritarismo perdemos tamén a autoridade.

O tema da relación dos menores coa tecnoloxía preocupa; pero dun xeito extremadamente hipócrita porque as cifras dos problemas vinculadas a elas non son moi diferentes aos dos adultos: unha situación que tamén se reproduce nas cifras doutras adiccións como ao alcohol, mais este é outro tema.

Ábrese coa tecnoloxía, unha interpretación apocalíptica do seus efectos como se esta chegara allea a nós para degradar as transaccións entre adultos e novos. Pero os sensos non florecen das cousas de xeito inmanente, as cousas non teñen sensos. Nós outorgamos estas interpretacións á materia, incluída a tecnolóxica. En todo caso fracasamos ao dotar de significados a tecnoloxía fronte aos adolescentes. Non é novidade que a técnica subverte o contexto material no que vivimos, incluída a educación e as formas de relacionarnos co coñecemento e coas persoas. Excédenos a súa vertixinosa evolución e sempre chegamos tarde ante ela. Somos escravos dunha linguaxe do pasado dende o que pretendemos abordar o presente como se os presentes foran definitivos, mais só atopamos neles provisionalidade.

O humano non é unha condición estática e a tecnoloxía sempre é parte desta condición. Claro que non está demostrado que as novas tecnoloxías nos volvan mais intelixentes. O que si está científicamente comprobado é que nos volven moito máis ansiosos e isto, a ansiedade, si que nos transforma en persoas máis irracionais O pensamento é unha función lenta e as respostas rápidas do estrés necesariamente anulan esta capacidade. Pero estes efectos non son intrínsecos á materia, son os efectos das nosas formas de relacionarnos con ela. A cuestión está nas decisións que tomamos coa tecnoloxía, o fracaso ou o éxito reside nos sensos da súa funcionalidade, e é a adolescencia unha etapa esencial no inicio desta construción crítica.

A educación sempre está no debate entre a tradición e a actualidade. Pode que de momento sexa mellor estar no "entre", como diría Nietzsche. Os adolescentes son tan culpábeis como a auga que no seu camiño rompe os límites. Ter autoridade significa estar á altura, para promover e cuestionar ás persoas novas nos seus dilemas vitais e na necesidade de sacralizar a vida. Isto si é democratizar a educación e non a imposición dogmática. Podemos crear submisos ou persoas críticas non só para o uso das tecnoloxías senón para a existencia completa.

Compartir el artículo

stats