Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tenra historia

Da experiencia e o sentido común

Tenra historia

Na colección "Libros para compartir" da editorial Galaxia publica Alberte Momán A viaxe de Ana, unha tenra historia na que a protagonista, unha rapaza de sete anos, converte a súa saída ao parque en solitario nunha auténtica viaxe física e emocional. Así, sorteando todo tipo de atrancos relacionados coa ausencia de trebellos -un monopatín ou unha bici- ha de enfrontarse aos seus medos, derivados do desexo de amosar unha fortaleza da que carece e unha madurez que lle falta dada a súa curta idade. Polo camiño de ida e volta a súa avoa, doente, acompáñaa nas súas reflexións e ensinalle á cativa o verdadeiro significado das cousas.

Valorar na súa xusta medida o que temos ao redor non é tarefa doada cando nos asolaga o consumismo, aprehender a esencia do realmente importante é complicado se só se enfoca a superficie, vivir con optimismo tórnase difícil se nos rodea a apatía. Velaí os retos aos que nos enfrontamos e que entre vella e neta desvelan como primordiais para o lector mozo que dende a primeira liña percibe a cotidianeidade do relato nun contexto fráxil e real que transmite sosego e paz.

Non son precisas profundas reflexións filosóficas acerca da trascendencia do verdeiramente importante, nin enérxicos plantexamentos éticos ou morais, abondan as palabras do sentido común e da experiencia para que a rapazada entenda que, a miúdo, o esencial témolo máis preto do que imaxinamos.

Pola súa parte, as ilustracións de Lidia Nokonoko semellan reivindicar a paciencia como ferramenta e o xogo como forma de medrar. Tamén a combinación de imaxes con cores vivas e outras en branco e negro remiten á realidade e ensoñación.

MOMÁN, Alberte, A viaxe de Ana (ils. L. Nokonoko), Galaxia, Vigo, 2020, PVP. 15, 67 ?

Compartir el artículo

stats