Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do mito ao logos

Historia do pensamento (II)

O xurdimento dos estados do Bronce, as antigas civilizacións do Vello Mundo, como a exipcia, a mesopotámica (Sumeria, Asiria, Babilonia...), a india ou a chinesa, desenvolveron unha importante actividade "cultural" expresada a través dos mitos (Gilgamesh e Enkidu, Fuxi e Nüwa, Tot e Osiris...); de abundantes textos xurídicos -entre os que salienta o código de Hamurabi, redactado á volta do ano 1750 a. C.-; de "crónicas históricas'" como as recollidas na "lista real sumeria", redactada orixinalmente no século XXI a. C., no Canon Real de Turín, escrito no século XIII a. C. en tempos do faraón Ramses II, ou as "Memorias históricas", escritas por Sima Qian á volta do ano 100 a. C. e nas que se recolle a historia de China dende os tempos do lendario emperador Amarelo, un dos cinco emperadores mitolóxicos que reinou entre o ano 2698 a. C. e o 2598 a. C.; de actividades "científico-máxicas'" como as recollidas no libro dos mortos, escrito arredor do século XVI a. C., no que se mesturan avanzados coñecementos anatómicos e da conservacións dos corpos (momificación) con rituais funerarios máxicos; ou de abundantes manifestacións artísticas.

Non obstante, a falta dun coñecemento máis profundo do desenvolvemento cultural dalgunhas civilizacións da Antigüidade, fundamentalmente a india, todas estas actividades estaban, dalgún xeito, "tuteladas" polos deuses. Nuns casos, a tutela estaba orientada a lexitimar o papel dos deuses no mundo (en todas esas civilizacións son creadores do mundo) e o sometemento da humanidade creada polos deuses á súa vontade, como se recolle nos mitos e nas manifestacións artísticas deses pobos; neste sentido, o xudaísmo bebe da fonte exipcio-mesopotámica na que estaban inserido o pobo de Israel. Noutras ocasións, a tutela estaba orientada a garantir o control da poboación, ben mediante lexislacións favorables aos privilexios dos poderosos (Hamurabi recibe as leis do deus Marduk, igual que Moisés as recibiu de Iahvé), ben mediante as prácticas "científico-máxicas" que como a astronomía, a medicina, o cálculo ou a xeometría, estaban reservadas aos sacerdotes e ao funcionariado do pazo real.

Deste xeito, durante un longo período histórico que comezou cando as estouparon as contradicións sociais propias das sociedades produtoras do Neolítico, foi configurándose un robusto sistema de crenzas e prácticas, o que se vén denominando "macizo ideolóxico", que garantiu a hexemonía histórica das clases sociais dominantes (aristocracia, guerreiros, sacerdotes ou funcionariado), e o control por esas mesmas clases sociais dominantes do estado, que xorde na idade do Bronce como consecuencia dun proceso de xerarquización das sociedades iniciado en tempos do Calcolítico.

Fronte a ese "macizo ideolóxico" patriarcal e elitista organizado arredor dun conxunto diverso de crenzas e ideas "máxico-mitolóxicas" na idade do Bronce, vai xurdir un novo chanzo no desenvolvemento do pensamento: o pensamento racional ou logos, que desempeñará un papel imprescindible na construción da sociedade democrática ao liberar ás sociedades humanas da tutela dos deuses. Ora ben, de que xeito o logos ou a razón son o fundamento da democracia? A resposta, expresada dun xeito breve, pode ser a seguinte: mediante o pensamento científico, que é o único que permite construír un coñecemento obxectivo da realidade -outra cousa é que existan diferentes teorías científicas para explicar un mesmo feito-; e a ética, entendida como a defensa da integridade dos corpos e a dignidade das persoas, polo que é o fundamento da Lei e da liberdade. Ora ben, nesta extraordinaria aventura que levou á construción da democracia, desempeñaron un papel fundamental os filósofos da Grecia clásica.

O pozo de Tales

  • Grazas a Platón coñecemos varias anécdotas referentes a Tales, o cidadán de Mileto ao que podemos considerar o fundador da filosofía e da ciencia occidental. Unha destas anécdotas referidas a Tales recollida no Teeteto, cóntanos que un día, mentres Tales ía distraído por un camiño que atravesaba os campos que arrodeaban a cidade, Tales caeu nun pozo: en poucos días, entre as xentes que o respectaban porque era inventor de numerosos enxeños e posuidor de profundos coñecementos meteorolóxicos e astronómicos que sempre puxera ao servizo da cidade, corrérase a nova de que Tales andaba tan absorto en 'pensamentos inútiles' que xa non sabía nin por onde pisaba. Non obstante, eses pensamentos que tanto lle preocupaban a Tales e que para os habitantes de Mileto eran inútiles, eran pensamentos 'filosóficos': Tales estaba interrogándose pola verdade. Ora ben, á marxe do que realmente ocorrese nese pozo, Tales e un grupo de pensadores da cidade de Mileto, unha cidade xonia que entre os séculos VII a. C. e o VI a. C. estaba en pleno apoxeo económico, entre os que se atopaban Anaximandro e Anaxímenes, sentaron as bases dun pensamento que se caracterizaba pola busca da verdade mediante o razoamento e a observación, polo que estaban sentando as bases dun pensamento liberado da tutela dos deuses.

Compartir el artículo

stats