Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manel Loureiro: "Cando escribín 'Veinte', sabía que unha pandemia como esta ía pasar"

En entrevista co autor dunha novela distópica sobre un virus xurdido en China

O escritor pontevedrés Manel Loureiro. foto: r. solís

- Coa pandemia do coronavirus, moita xente está dicindo que lle parece que está a vivir nun relato ou nunha película de fantasía ou ciencia ficción. A vostede pásalle os mesmo ou está afeito, por oficio, a "mergullarse" neste tipo de historias?

-É una sensación común, si, e moita xente escríbeme estes días para dicirme que ten a sensación de que está dentro dalgunha das novelas que escribín hai anos, o cal me provoca emocións encontradas, porque confío en que a situación real non acabe nunca coma no universo dalgúns dos meus libros. Tamén é verdadade que, en xeral, os escritores estamos mellor preparados para vivir unha situación coma esta. Á fin e ao cabo estamos acostumados a longos periodos de encerro cando nos poñemos a escribir en serio, así que levamos a corentena algo mellor.

-A situación que vivimos ten certa relación coa súa última novela, Veinte . Algunha vez se lle pasara pola cabeza que parte do que conta podería converterse en realidade?

-Cando estaba a facer o traballo de documentación para escribir Veinte, unha das cousas que fixen foi visitar o CDC (Center of Disease Control) de Atlanta, en Estados Unidos, para falar cos epidemiólogos que traballan alí e comprobar como funciona un biolaboratorio de alta seguridade. Nas miñas conversacións con eles sorprendeume descubrir que daban por sentado que algo como o Covid-19 ía pasar. De feito, estaban absolutamente convencidos de que unha pandemia destas características era inevitable. Por suposto, non podían saber cando, como nin onde, pero que ía suceder, tiñano claro. E non unha, senón máis dunha vez. Tamén é certo que estaban totalmente convencidos de que temos medios máis que de sobra para combater calquer a ameaza. Espero que nisto último tamén teñan razón.

-Que foi o que lle inspirou a trama de Veinte ?

-Unha manchea de cousas, pero sobre todo a idea estremecedora de como sería un mundo sen ninguén maior de vinte anos de idade por culpa dunha epidemia. O que iso significaría en termos de perda de memoria colectiva, identidade de grupo pero, nomeadamente, a arriscada toma de decisións por parte de xente estarrecedoraemnte xove. Nenos obrigados a ser adultos de golpe.

-Poderíase dicir que a súa obra se enmarca no xénero da ciencia ficción?

-Non, para nada. Ciencia ficción é outra cousa, son naves voando polo espazo, sociedades futuras hipertecnolóxicas, unha mirada especulativa a como será o futuro con base ao avance da ciencia. Ningunha das miñas novelas trata diso. Eu fago thriller de terror, que é moi distinto. Dicir que o meu é ciencia ficción é tan estraño como se dixeran que os meus libros son novelas románticas.

-Adoita escoitarse que cada vez é máis difícil facer ficción porque a realidade supera cáseque calquera ficción...

-Sempre queda espazo para contar novas historias. Toda ficción é fantasía, por definición. Trátase de reimaxinar o noso mundo, poñer a personaxes ordinarios en situacións extraordinarias e ver que pasa e que deciden facer. E, claro, axudar a que o lector acompañe eses personaxes da man durante o seu camiño.

-Determinados xéneros literarios, entre os que poderiamos incluír ás súas novelas, non gozan España do prestixio que teñen outros xéneros, malia que sexan dos máis vendido e lidos. Por que pensa que pasa isto?

-É verdade que determinados xéneros que ata hai pouco se consideraban menores (ciencia ficción, terror, fantasía, etc?) veñen de converterse de golpe nos máis vendidos e solicitados por parte de los lectores (e xa nin falemos dos espectadores, xa que no cine e na televisión agora mesmo son os xéneros dominantes). Existe, no entanto, unha parte da crítica literaria que aínda se resiste a dar o brazo a torcer e aceptar que se trata de literatura adulta. Francamente, non me preocupa o máis mínimo. Prefiro ter centos de millares de lectores en todo o mundo que o aplauso da crítica. E coma min, a maioría dos autores.

-Ademais de entreter o lector, que outros obxectivos se marca vostede cada vez que escribe un dos seus libros?

-Pois pouco máis. Ese é o obxectivo principal. Se quixera remover conciencias, ensinar, difundir ideoloxías ou adoutrinar, escribiría manuais de autoaxuda ou profundos ensaios. Para iso están outros xéneros literarios e non hai que confundir as cousas. A novela é outro territorio, un territorio de ficción e evasión. Que en cada novela se filtra o que cada autor pensa do mundo, é inevitable, pero quen queira sacar máis lecturas diso trabúcase. Dígoo na miña humilde e personal opinión, claro.

-A todo isto, vostede supoño que será dos que viven estes días confinado, pero illarse, como dixo antes, é algo que fan os escritores cando escriben a fondo. O feito de que o confinamento sexa neste caso obrigatorio, é bo ou malo para a creatividade?

-Depende do número de nenos pequenos que teñas correteando pola casa. Así de sinxelo...

-A primeira edición de Veinte saíu do prelo hai xa tres anos. Xa nos pode adiantar algo do seu próximo libro?

-Sairá en outono deste ano e será un thriller ambientado en Galicia, no que a néboa e o illamento dos protagonistas xogará un papel esencial. E, de momento, non podo contar máis.

Compartir el artículo

stats