Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Emilio Rúa: "A poesía de Cunqueiro ten algo básico para a música: o ritmo"

FOTO: óscar doviso (ZINEMUSIC)

- Cando comezou a pensar na idea de gravar un disco íntegramente dedicado a Álvaro Cunqueiro?

-Hai vinte anos fixérame coa escolma da súa poesía e xa tiña moitas anotacións feitas nese libro, Herba aquí e acolá, que apartei porque non era o momento de porlles música. Pero foi no 2019 cando a escritora Ánxela Gracián me veu animar a que revitalizase musicalmente a poesía de Cunqueiro: algo que, segundo ela, nunca antes se fixera, ao tempo que consideraba que eu era a persoa ideal para facelo. Foi así como volvín onde D. Álvaro tantos anos despois. Casualidades da vida?

-E a que se debe a súa fascinación por Herba aquí e acolá ?

-É a obra máis complexa do autor. Ou complicada, tal vez. Son poemas densos e de moita profundidade. E o feito de que nunca antes se lles puxese música, xa ten un valor engadidoporque aí precisamente residía o reto para min.

-Con este disco, entra Vde. a formar parte dos cantautores que poñen música a poemas de don Álvaro. Que ten a poesía do mindoniense que tanto os atrae?

- Para min é unha honra poder facelo e estar a carón de Batallán ou Amancio Prada, que no seu día tan ben o fixeron. Cunqueiro, na súa poesía, sabe como definir o carácter galego e diría que o carácter popular galego. Acertando coas verbas precisas e sinxelas para amosarnos a beleza que nos rodea da nosa terra e fai desa sinxeleza todo un universo que atrapa, algo que é moi difícil. Escribía coa "raza na pluma" o poeta alonxado das modas; escribía para el.

-Trátase, en xeral, dunha poesía doada de musicalizar?

-Á primeira vista, eu diría que non, xa que son textos moi longos e sen rima aparente aínda que si teñen o fundamental para poñerlles música: o ritmo. Pero logo, ao darlles forma, despois de divagar neles horas e horas, ou días e incluso meses, e deixalos repousar, todo empeza a cobrar un sentido e finalmente sae a canción.

-Que criterio aplicou para elixir os poemas incluídos en Novelovento ?

-Fixen unha escolma persoal de todos eles. Centreime nos que me parecían máis moldeables á hora de porlles música e que tiveran unha temática más fácil de entender, por así dicilo. Aqueles versos que dan xogo para cantar. Poemas que tivesen versos con forza dun estribillo, e hai uns cantos que cobran esa forza aínda que non o parecese ao lelos.

-De onde vén o título de Novelovento ?

-Precisamente dun deses xogos de verbas que crea e usa Cunqueiro no poema "Retorno de Ulises." Para min define á perfección o contido deste poemario. Unha palabra con moita forza.

-Se vivira, qué lle gustaría a Vde. que dixese Álvaro Cunqueiro do seu disco?

-"Grazas por facerte eco da miña voz (porque quen canta é Cunqueiro, non eu) coa túa música, para que a miña alma pasase de novo un intre por aquí."

-Ten xa Vde. unha longa traxectoria musical na canción en galego. Séntese unha especie de Quixote loitando contra os muíños?

-Levo dúas décadas -dende o ano 2000- na miña traxectoria discográfica en galego, e dende esa non parei e non penso facelo ata que demostre que si son xigantes eses muíños. Ás veces teño a sensación de que xa cumprín. Pero cada día que me levanto, volvo facer o mesmo: compoñer en galego ou castelán. Pero levo na música dende os sete anos, e teño corenta e catro, cando me embarquei coa orquestra familiar a cantar por moitas aldeas e gañar o pan.

-Por que a canción en galego non vive o optimista futuro que se prevía tras aquela primeira eclosión de Voces Ceibes e o Movemento da Música Popular Galega de finais dos 60 e principios dos 70?

-Cando comecei no 2000 fun un dos únicos que se atreveu a editar un disco íntegro en galego e dun xeito diferente, no que deixaba ver un novo estilo de cantautor con influencias do pop, sobre todo, e con aires novos dun xeito similar ao que se facía no resto de España. Seguín logo coa teima de modernizar a canción de autor galega nos meus seguintes discos porque fun optimista no seu día, pero simplemente porque cantaba na miña lingua materna. Agora que moitos fan pop galego, e verdadeiramente moi ben, eu estou orgulloso sabendo que fun un dos primeiros daquela época, aínda que pouca xente o saiba.

-Séntese Vde. herdeiro de todos aqueles cantautores pioneiros?

-Herdeiro non exactamente, pero si sei que grazas a eles, co seu compromiso coa música galega, abriron e fixeron camiño para que outros coma min o seguiramos, moitas veces sen decatarnos de que é así porque nos metemos no noso mundo e non reparamos niso. Un cantautor galego díxome hai moito que lle fun de utilidade e que o inspirei para coller a guitarra e facer cancións en galego. Oxalá me digan o mesmo a min dentro de vinte anos! Non deixar herdanza senón constancia para que os que veñan e que sigan lembrando o que fixemos nesa época.

-Coida que a globalización do mercado musical, con Internet, está sendo positiva, e aínda vai selo máis, para a difusión do coñecemento da canción galega polo mundo?

-Esperemos que si, non? Todo o mundo reparamos en internet porque o vemos coma unha ferramenta útil, pero normalmente a grande industria musical sabe como facerse con ese mercado para deixar ao resto o simple don da oportunidade.

-Pode Vde. permitirse o luxo de vivir da música ou ten que recorrer a otros traballos?

- Vivo da música e síntome afortunado, pero porque fago un grande esforzo de tempo e de total entrega e renunciando a moitas cousas. Creo no que fago e amo o meu traballo, a miña composición e interpretación, por que me considero honesto e sempre me souben valorar, e intento amosalo nos directos, nas colaboracións con outros artistas e nos discos que son os que, ao cabo, nos veñen avaliar de certo. Iso é asemade saber vender, o que un está a facer, e como non!

Compartir el artículo

stats