Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A novela sueca hoxe

Para alén de Millennium

Se ben que o século de ouro e da consolidación da lingua e da literatura nacionais é o XVIII, a contemporaneidade das letras suecas non chega ata o século XIX coa aparición de tres figuras fundacionais: o dramaturgo August Strindberg, a narradora Selma Lagerlöf - Premio Nobel (1909) e primeira muller que ingresou na Academia do seu país- e, finalmente, Par Lagerkvist -asemade Nobel (1951)-, poeta do absurdo e a deseperación asemade que gran novelista en títulos como Barrabás (1950) ou A Sibila (1956).

No século XIX ao romantismo sucédelle o realismo, que senta a súa base na novela Röda Rummet, de A.Strindberg, e que acada finalmente un acento social. En fin, arredor de 1910, en plena expansión da novelística, o mesmo Strindberg auspicia o movemento modernista e H.Söderberg publica A xuventude de Martin Birck (1901), excelente novela de paixóns e vinganzas con notables descripcions da cidade de Estocolmo. Así mesmo, pola súa significación social e a crúa temática da emigración sueca aos Estados Unidos, é necesaria a mención da serie narrativa Os emigrantes, de Vilhelm Moberg, escrita ao remate da segunda Guerra Mundial. En anos posteriores a 1945, e no terreo do conto infantil, xorde a figura de Astrid Lindgren, creadora da serie protagonizada por Pippi Mediaslongas, popularizada en todo o mundo a través da televisión. Ao seu carón, María Gripe (seudónimo de Maria Walter), moi celebrada por contos como O abrigo verde (1980) ou A filla do espantallo (1963). E tamén Katarina Mazetti, que en 2012 comezaba a exitosa serie Primos Karlsson.

Cando, nestes días, un coñecido crítico afirmaba que a literatura sueca "é máis que Stieg Larsson", estaba a poñer en primeira liña de actualidade a novela negra/policíaca sueca, á que Larsson deu extraordinario pulo na triloxía Millennium (2012), publicación póstuma de resonancia internacional, potenciada ademais por unha exitosa serie televisiva. O modelo policíaco sueco está inspirado no negro norteamericano desde os anos 40 e noxe está representado por máis de vinte escritores, posuíndo claves propias: desenvolvemento da escenogafía urbana, crimes cruentos e ata aterradores, importante participación de autoras e protagonistas femininas, veciñanza co thriller, pegadas de temas históricos, etc.

Os precursores do cultivo deste xénero foron M. Sjöwall e P. Wahloo, creadores da serie do detective Martin Beck. O autor máis sólido e internacional foi Henning Mankell, que deu vida ao detective Kurt Wallander, protagonista de moitas e moi longas novelas como Os cans de Riga (1992) ou O chinés (2008). Entre as escritoras, Maj Sjöwall, considerada a raíña do xénero negro; Viveca Sten, que debutou no policíaco con Augas tranquilas (2008), e con ela, Mari Jungstedt, creadora da celebrada serie Gotland (2003) e da figura da inspectora K. Jacobsson; a popularísima Camilla Läckberg, de extensa e exitosa traxectoria na que salientamos A princesa de xeo (2002), e Liza Marklund, outra gran dama do negro. Xunto a elas Hakan Nesser, do que procede o comisario Van Veeteren; Jan Arnald, que emprega o pseudónimo Arne Dahl como autor da serie Intercrime; Hakan Lindquist, que coñeceu gran éxito con Meu irmán e seu irmán (1993), a súa primeira novela, e o dúo de coñecidos guionistas Horth e Rosenfeldt, autores de Secretos imperfectos (2010); Sören Sveistrup, do que salientamos O caso Hartung (2018); e tamén Asa Larsson, Ake Edwardsson, L. G.Persson e outros moitos que farian disto unha listaxe inacabable.

Naturalmente, outros narradores percorren vías temáticas distintas. Así, a narrativa xuvenil está representada por Mats Wahl; a histórica conta con Frans G.Bengtsson; a de espionaxe é territorio de Jan Guillou; a de carácter autobiogáfico pasa por G.H.Eriksson entre outros; a de problemática social conta con Olle Hedberg. As que analizan as relacións humanas, as de problemática feminista, as de forte tensión psicolóxica ou de angustiosa problemática existencial posúen numerosos cultivadores que nos sorprenden coas súas novidades con envexable frecuencia nestes espléndidos intres da novela do país nórdico.

Lars Gustafsson

  • Formado na Universidade de Uppsala e profesor na de Austin (Texas), Gustafsson deixou unha obra narrativa na cal Morte dun apicultor (1978) -remate da pentaloxía As fendas do muiro- representa o cumio indiscutible. Estamos diante dunha novela de personaxe que percorre o ciclo vital dun home solitario que vive apegado á terra. A súa historia está rexistrada nunha serie de caderniños incompletos, fragmentarios, pautados por referencias autobiográficas; así non estamos lonxe da novela de autoformación cunha dimensión confesional e de claro testemuño. A trama narrativa, de modelo cerrado-circular, abrangue o limitado percorrido vida-morte, esta última suxerida xa no comezo da historia e convertida nunha dura e tráxica ameaza para o narrador protagonista, contrafigura do mesmo Larsson. Reducido mundo familiar, a infancia, o matrimonio, algunhas viaxes, o traballo no campo son estadías no periplo de perdas, de deterioro existencial e de naufraxio persoal deste apicultor que foi mestre nunha escola de aldea. Conmoven, pola súa desesperanzada reflexión, as páxinas finais da novela que son de inevitable retorno ao presente. Páxinas de enfrontamento coas máis fondas, e aínda non resoltas, interrogantes do existir, da dor e do asedio da enfermidade, da vellez, da apelación a un Deus que non resposta ao home. Páxinas de traballo e de amor á terra que queren achegarse ao país, á xente e á tradición. Morte dun apicultor configura un réquiem, un emotivo adeus dun home en radical soidade. Unha historia transcendente, entón, que vén fundir existencia e pensamento nunha figura construída cun rexo perfil humano.

Compartir el artículo

stats