Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria de la melancolía

Coa guitarra de Samuel Diz

O guitarrista tudense Samuel Diz.

Samuel Diz é de Tui, e dende a cidade episcopal veu acadar un dos lugares de honra como investigador, e asemade intérprete, das músicas do universo da Xeración do 27 e aínda do exilio republicano español que tan importante pegada deixou tanto a nivel social como literario e cultural, en xeral, en moitas diversas facetas e disciplinas.

Samuel estudou guitarra clásica dende ben novo e moi axiña se foi sentir fascinado por todo ese legado artístico e cultural que tanto renovou e que tanto significou na música española da primeira metade do século XX. Graduouse en 2009, baixo a dirección de Gaélle Solal, no Conservatorio Superior de Música "Manuel Castillo" de Sevilla e tamén foi alumno dos guitarristas Alen Garagic e Daekun Jang. Tamén o foi de José Luis Rodrigo nos cursos de "Música en Compostela", onde ademais recibiu recoñecementos polo estudio e interpretacio?n da música realizada en España. Premiado en varias oportunidades e contando con toda a estima da crítica aquí, pero tamén alén das nosas fronteiras, hai xa uns anos que nos achegaba a súa investigación lorquiana co seu disco Impresiones y paisajes (Poliédrica 2015). Tamén moi destacable resulta ser o seu Guitarra clásica galega, labor que conforma o primeiro traballo discográfico de Samuel Diz coa finalidade de recuperar a, aperentemente esquecida, identidade do instrumento aquí, no noso país a través dun repertorio inédito con obras de José Chas, José Fernández Vide ou Jesús Bal y Gay que van á canda da nova creación musical liderada por Fernando Buide del Real.

Agora, Samuel Díaz achéganos o seu último traballo discográfico titulado Memoria de la melancolía (Poliédrica 2020) onde o artista tudense é quen de nos introducir por completo nos universos da escritora e activista feminista María Teresa León (1903-1988), muller da Xeración do 27, de imprescindible pegada e xenuína militancia cultural nuns anos de convencionalismos sociais tan complicados, ademais, para as persoas do seu sexo. Un disco que parte das memorias autobiográficas de Teresa León a través dun conxunto de quince pezas da autoría de Emiliana de Zubeldía, Baltasar Samper, Regino Saínz de Maz, Adolfo Salazar, Carlos Guastavino ou o mesmo Manuel de Falla. Un traballo no que, ademais, Diz empregou unha guitarra que fora de Federico García Lorca. Unha guitarra que, e a modo de curiosidade, xa antes encandilara co tacto da súa madeira e mais o peso da súa historia a xente como Tomatito, Vicente Amigo ou incluso Patti Smith, Lou Reed ou o propio Bob Dylan. Con ela nas mans, e encerrado na casa da Huerta de San Vicente, a última morada do poeta, Samuel Diz confeccionou esta memoria da melancolía cun son profundo e tan íntimo e evocador que nos arrastra até esoutro xardín poético da atemporalidade tan difícil de acadar. A guitarra de Lorca, os músicos do 27, a mirada de María Teresa León, o talento de Samuel Diz e mais a nosa imaxinación voando a cada compás nun disco que se me antolla imprescindible para calquera amante da cultura máis universal e do son máis xenuíno e fascinante dunha boa guitarra.

Mensaxe aos artistas

  • Nestes días tan extraños e que tanto recordan as novelas ou películas de ciencia ficción con futuros distópicos e movidas un tanto post-apocalípticas, tamén toca lembrarnos e sensibilizarnos con toda esa estrutura musical que tantos azos nos dá, tanta compañía ofrece e tanto nos alimenta o espírito no día a día cotián. Tantas cancións, discos, concertos, videoclips das nosas/nosos artistas que enchen de solaz e que agora sabemos que están nun momento crucial para o seu fururo económico canto a proxectos e tamén en canto ao persoal. Todo parado, todo cancelado e cos ingresos necesarios e imprescindibles para poder continuar a existir, cortados a machada por mor deste maldito virus. A eles tamén queremos adicarlles unha vez máis o noso recoñecemento e os nosos ánimos. Moitos deles incluso apoiando e xerando cultura, vida e emocións nestes momentos difíciles, arrepoñéndose ao virus e compartindo pola rede o seu talento cunha avalancha de enxeño e xenerosidade tan sobresaínte como necesaria. O mundo distópico deixa ver a pata por debaixo da porta e a nosa realidade ten que recolocarse, saír desta e coller folgos e artes para voltarmos mellorados como sociedade e como civilización. O exemplo de todos e todas as que estes días nos coidan e dan e necesarios servizos deixa no aire o febles que somos e o necesitados que estamos deles. Ese aplauso é xeralizado para os heroes e heroínas que coidan da nosa saúde pero tamén para os artista que asemade cuidan de nós, terman dos nosos medos e axudan a concienciarnos, a sermos valentes, a soñar e, por suposto, a disfrutar incluso nos días máis tristes. Son tempos difíciles e veñen tempos difíciles pero sabemos que sodes imprescindibles e que o músculo dun país vai da man do músculo da súa cultura. Agardamos que ninguén o esqueza cando toque repartir cartas para xogar outra man. A todas e a todos vós, grazas por dar luz e por estar sempre aí, polo feito e polo que queda por facer. Abofé que sairemos desta e ademais con máis forza se cabe.

Compartir el artículo

stats