Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Medici, outra volta

Na Florencia do Renacemento

Na película O terceiro home (Carol Reed, 1949), Harry Lime (Orson Welles) reflexiona co seu amigo Holly Martins (Joseph Cotten) a propósito da relatividade das cousas e do valor da vida mentres, desde o alto da nora do Prater, observan as persoas que deambulan polo parque vienés. Nun engadido que non aparecía no guión de Greene, o cínico Lime di que mentres que nos violentos anos dos Borgia apareceron Leonardo, Miguel Anxo e o Renacemento, os séculos de paz suízos non deron máis que o reloxo de cuco.

Imprecisións históricas aparte (o reloxo de cuco naceu na Selva Negra e daquela os suízos posuían os exércitos máis potentes de Europa), o certo é que non podemos entender o esplendor renacentista italiano sen os botíns e os cretos que as diversas familias que dominaban a península obtiveron para consolidar cadanseu poder: arte e armas eran as súas cartas de presentación.E entre estas familias italianas (ao cabo, os Borgia eran os Borja valencianos) cómpre salientar os Medici de Florencia. Durante os séculos XV e XVI rivalizaron cos Gonzaga de Mantua, os Este de Ferrara, os Della Rovere de Savona ou os Sforza e os Borromeo milaneses, entre outras, sen esquecer as repúblicas de Pisa, Lucca ou Venecia. O traslado do comercio a Italia, despois da caída de Constantinopla, favoreceu o desenvolvemento das actividades financeiras das repúblicas e, dentro delas, dun conxunto de familias cuxo poder tivo alicerce no emprego de condottieri (mercenarios) que evitaba un gasto estable nunha forza armada..

Na nosa actualidade, os Medici volven rexurdir grazas á exitosa superprodución, protagonizada por Richard Marden e Dustin Hoffmann, titulada Os Medici, Señores de Florencia, que emiten Movistar e Netflix.

O trampolín destes para acadar o poder político en Florencia foi o cargo de gonfaloniero de xustiza que tivo Salvestro de Medici en 1378, cando deu pulo á revolta dos artesáns contra a oligarquía patricia. Un curmán segundo seu, Xoán di Bicci, restaurou a fortuna familiar, fundou a banca Medici e foi o primeiro en exercer de mecenas (Masaccio, reconstrución de San Lorenzo). O seu fillo Cosme fundou a Academia Platónica Florentina, patrocinou a Donatello e Fra Angelico e encargou a Brunelleschi o cerramento de Santa Maria dei Fiore cunha cúpula que resultou revolucionaria.

Un apoio ás artes que chegou ao cumio con Lourenzo o Magnífico, home de sólida formación humanística (fundou a Biblioteca Laurenciana), foi protector de artistas (Miguel Anxo, Botticelli, Verrocchio, Ghirlandaio, Da Vinci) e escritores (Pico della Mirandola). Sucedido por Pedro II e este, ben axiña por Lorenzo II (a quen Maquiavelo dedicou O Príncipe), que regresou a Florencia tras un tempo de exilio en Roma. Cando morreu (a súa sepultura é obra de Miguel Anxo) foi sucedido por un curmán do seu pai, Xulio (a súa filla Catarina era raíña de Francia), daquela arcebispo de Florencia. Cando catro ano despois foi elixido papa, o goberno da cidade foi exercido temporalmente por Hipólito quen nomeou a Alexandre "o Mouro" (fillo ilexítimo de Xulio e recoñecido como propio por Lourenzo II) primeiro duque de Florencia. Foi asasinado por un parente que lle quería disputar o goberno, Lorenzaccio, morto á súa vez por uns sicarios ao servizo dos Medici.

Esgotada esta póla da familia, a facción dos palleschi (partidarios dos Medici fronte á familia Pazzi) propuxeron que o goberno pasase a Cosme I, membro dunha extensión secundaria da familia (o seu pai era condottiero e tiña unha aboa Sforza). Fronte a aqueles que esperaban un gobernante débil e superficial (sometido a un consello de goberno), Cosme I impuxo unha autoridade absoluta e restaurou o poder dos Medici en Florencia (daquela xa Ducado da Toscana), cunhas estruturas de estado que estiveron vixentes ata a unión ao Reino de Italia.

Capítulo aparte dentro da historia da familia Medici foi a súa participación no papado. Antes e aínda despois da Contrarreforma de Trento, a cátedra vaticana foi obxecto de disputa entre as familias dominantes da época: os Borja (dous papas) os Della Rovere (outros dous) e os Medici: León X (Giovanni), Clemente VII (Xulio), Pío IV (Giovanni) e León XI (Alessandro).

Cosme I

  • Dentro da familia Medici, ninguén posiblemente representa a magnificencia política e artística do Renacemento florentino como Cosme I, de quen -desde hai uns meses- se están a celebrar os cincocentos anos do seu nacemento. Nacido nunha pola secundaria da familia, chegou ao goberno con dezasete anos, despois de que o primeiro duque de Florencia, Alexandre de Medici, fose asasinado por un curmán, Lorenzino (ou Lorenzaccio). Procurou a alianza con Carlos V e para iso, casou con Leonor Álvarez de Toledo e Osorio. Tropas españolas asentadas na Toscana saquearon Roma. Con Cosme I, e cun goberno tiránico, Florencia expandiu o seu dominio territorial por boa parte da Toscana, especialmente coa conquista da república de Pisa (e dando un importante apoio á súa universidade). Daquela, pasou a ter acceso ao mar e tal condición foi determinante para que a (nova) mariña florentina participase activamente na Liga cristiá que venceu aos turcos en Lepanto (1571). E en canto ao seu apoio á cultura, cómpre salientar o apoio que deu a diversos artistas, entre eles G. Vasari e B. Cellini. Ou a erección do palacio dos Uffizi para goberno, convertido cos anos nunha das mellores galerías artísticas do mundo, a compra do palacio Pitti e a creación, canda el, dos xardíns de Boboli.

Compartir el artículo

stats