Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Delicado e feroz

Na fermosura do breve

Delicado e feroz

A editora Apiario realiza unha tarefa formidábel. O seu é publicar proxectos insólitos. Non só edita libros cheos do cuidadoso traballo de confección, da calidade do papel, do deseño gráfico. Tamén combate o esterótipo, mais ben a superstición, de que cantas máis páxinas conteña un poemario maior calidade literaria alberga. O tamaño do talento mediríase polo grosor do volume e polo número de follas. Navegando a contracorrente, as súas xerentes optan polos exemplares delgados (do latín: delicatus). Pequenos en extensión, mais grandes en intensidade. Deste xeito, cada edición reivindica a fermosura do breve e desmente os vellos preconceptos. O opúsculo Agosto, de Míriam Ferradáns (Beluso, Bueu, 1982), confírmao.

A obra está composta por doce poemas curtos. No primeiro fálase do tulipán e da súa etimoloxía: nace da confusión dun labrego turco que sinala para a prenda da súa testa cando é interrogado polo nome da planta: "coma se acaso, neste dislate, non fose recollida toda/a verdade da flor que se protexe". Despois sabemos que ese órgano vexetal entra no interior dun ámbito doméstico, como adorno. Comparece un "el" que obsequiou á voz poética co ramo. Por asociación, comprobamos que esas plantas están mortas e, de repente, descubrimos a morte dunha amiga. O discurso nu, feridoramente narrativo, penetra na nudez da alma magoada. Entón temos a certeza de que os dous tulipáns son profecía e destino. Ao igual que eles se van abrindo, a ánima da poeta tamén se abre á dor e ao sufrimento de a comunicar. Así, na abafante peza en que declara que as plantas lle arrebatan o ar que respira, chega a exclamar: "Eu creo que non son suficientemente/pequenas para deixar de ferirme".

As abrumadoras referencias aos tulipáns e as furtivas mencións á defunción da amiga subliñan, por elisión e por alusión, os dous eixos temáticos: sobrevivir a Eros e Tánathos. Ao final, as flores terminan como as existencias humanas: regresan ao terrón. Libro, pois, esgazador e limpo, delicado e feroz, como poucos.

FERRADÁNS, Miriam, Agosto, Apiario, A Coruña, 2020, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats