Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alejandro de Riquer en Vigo

A estética modernista no legado de García Barbón

Alejandro de Riquer en Vigo

A mediados de decembro de 1901 a xunta directiva da Sociedade El Gimnasio de Vigo achegouse á casa de García Barbón, na finca de Bella Vista, para facerlle entrega dun álbum de sinaturas para agradecerlle ao filántropo verinés a doazón do edificio da Escola de Artes e Oficios para a cidade de Vigo. Aquel álbum, exposto na recente exposición realizada no Espazo EMAO con motivo dos 130 anos da Historia da Escola de Artes e Oficios, forma parte do patrimonio bibliográfico da propia Escola: unha peza artística que FARO DE VIGO describía como un "verdadeiro obxecto de arte. A encadernación é de lexítima pel de Rusia, cor granate, con gardas de moaré de seda. Os cantos son dourados e ten na capa as iniciais do Sr. García Barbón, entrelazadas". O álbum consta de cincuenta follas con máis de 5.000 sinaturas de cidadáns vigueses, entre as que están os principais persoeiros da sociedade da época. Cada folla está enmarcada cunha orla á aguada con motivos florais e a portada da mesma é obra do reputado artista Alejandro de Riquer, unha das principais figuras do modernismo catalán. Xa non se conserva o estuche orixinario que o xornal describía como realizado en chagrín, forrado de raso e peluche azul celeste, cunha dedicatoria en letras douradas. Canto ao debuxo da capa, trátase dunha peza de grande interese artística que introduce a estética do modernismo catalán na cidade. O debuxo dunha figura feminina con ás é a protagonista xunto á caligrafía modernista que a acompaña.

Alexandre de Riquer (Calaf, 1856 - Palma de Maiorca, 1920) vén ser unha das grandes figuras do chamado modernismo catalán. Deseñador, pintor, grafista e coleccionista, avó do medievalista e cervantista Martín de Riquer, foi un dos defensores das artes decorativas e as novas técnicas publicitarias que a industrialización catalá introduciu no resto do país. Riquer, que era un gran coñecedor dos movementos da vangarda europeos da súa época como o Art Nouveau parisino ou o movemento vienés do Jugendstil, deviña admirador do movemento das Arts and Crafts británicas. Tras unha viaxe a Londres en 1894, regresou influído pola simbolismo de autores como Rossetti ou Beardsley e, de seguido, subscribíuse á revista The Studio. Aquela publicación, que chegaba da man de Riquer a Barcelona, influiría a toda unha xeración de artistas que traballaban no deseño e a ornamentación. En Vigo, The Studio xa ocupaba os andeis da Biblioteca Municipal García Barbón, na Escola de Artes e Oficios desde a súa nova ubicación en 1901 e aínda hoxe se pode consultar no seu fondo histórico cáseque completa.

Riquer foi tamén un dos divulgadores que fixo popular o xénero do cartel publicitario na Barcelona de comezos do século XX, xunto a Ramón Casas. Carteis como o dos Napoléon fotógrafos (1895), a Exposición de Bellas Artes e industrias artísticas de Barcelona (1896) ou Salón Pedal de Madrid (1897) vense caracterizados pola estética simbolista e a influencia da estampa xaponesa simplificadora dos planos. O debuxo para Vigo, aínda que menos traballado, mantén a imaxe simbólica feminina sobre un fondo paisaxístico de cores planas e motivos xeometrizantes que se complementan coa tipografía gótica debuxada polo artista: unha xoia do patrimonio bibliográfico e histórico da cidade que nos une cos movementos artísticos da vangarda europea pola vía do artista catalán.

O encargo desta peza a Riquer por parte de El Gimnasio de Vigo ben podería ser froito do prestixio que tiña o artista a nivel nacional. É evidente que á cidade viguesa tamén chegara por esa altura a influencia do modernismo como se pode apreciar na rica ornamentación das fachadas en pedra do caserío do Ensanche vigués. A propia Escola de Artes e Oficios participou na difusión daquela estética a través da súa Biblioteca, que contaba cun importante fondo de libros, de repertorio construtivo e ornamental, franceses, alemáns ou ingleses. Alumnos da Escola como Jesús Miramontes ou arquitectos como Gómez Román deixáronnos algúns exemplos magníficos daquela estética modernista no xornal editado con motivo da Excursión Portuguesa de xuño de 1901.

Compartir el artículo

stats