Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aurora Marco: "O labor das mulleres das Irmandades caeu na opacidade"

Irmandiñas (Ed. Laiovento) é o título do libro que acaba de publicar a doutora en Filosofía e Letras pola USC

foto: xoán álvarez

- Publicar este libro era unha obriga de recoñecemento para aquelas mulleres das Irmandades, pero supoño que o traballo de investigación sobre elas non sería doado...

-Publicar este libro era unha necesidade. Como no caso do ensaio que dediquei ás guerrilleiras antifranquistas -algúns historiadores dubidaban da súa existencia e moita xente referíase a elas como as amantes dos guerrilleiros- , púxenme a investigar como reacción ao que vin no centenario das Irmandades da Fala que me deixou abraiada porque houbo moitas actividades, de todo tipo, mais as grandes ausentes foron as irmandiñas. Era preciso investigar, tirar do esquecemento tantas vidas silenciadas, tantos contributos ocultos. E non foi nada doado, por suposto que non. Porque cando as pegadas das mulleres se borran do discurso oficial, do ensino académico, da Historia... é moi difícil reconstruír o que estivo baixo o signo da desmemoria. Botei man de moitos xornais, revistas, dalgunhas monografías, de arquivos particulares, de materiais de fundacións e de fontes orais, porque andei na procura de descendentes. Foi un traballo laborioso e lento.

- A que atribúe Vde. que, a estas alturas, en pleno 2020, e antes da saída do seu libro, se saiba tan pouco das mulleres das Irmandades?

- Non toda a xente está disposta a pasar tres ou catro anos buscando materiais antes de redactar. É moito máis sinxelo copiar, sen citar fontes, e aparecer como "descubridor ou descubridora de", unha forma de proceder ben deshonesta, por certo, que está de moda. Ben, sabemos que todo acontecer da humanidade se foi contando sen incluír as mulleres porque a historia dos homes era sinónimo da historia da humanidade. De aí a necesidade de reler a historia en clave feminina para rescatar traxectorias femininas e deixar constancia do seu papel no desenvolvemento histórico. Aquí están mulleres afiliadas ás Irmandades da Fala mais non só, están tamén as mulleres dos coros, do teatro, do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista, da Agrupación Republicana Femenina da Coruña, algunhas da diáspora... Isto é, as que estaban na órbita irmandiña. Aínda falta moito por facer e hai que seguir recuperando nomes que a historiografía esqueceu.

- O día que se escolleu a xunta directiva do grupo femenino da Irmandade da Fala de A Coruña, non falou ningunha muller. Só falou Lois Peña Novo. Hoxe custa entender isto, sobre todo porque daquela a comezaban a coñecerse as voces das pioneiras do feminismo en España. Tan "atrasados" estaban os homes das Irmandades?

- Non pretendín analizar con criterios actuais, cos lentes do século XXI, a situación en que vivían e se movían as irmandiñas na sociedade daquel tempo, hai máis de cen anos, porque o libro abranxe o período 1916-1936. O que pretendín foi deixar constancia dunha realidade que afectou por igual a todas as mulleres: a invisibilización, o ocultamento, as discriminacións, o papel subalterno que xogaban... Iso non se lle escapa a ninguén que investigue e analice, co paradigma de xénero, calquera período da nosa historia. Os homes das Irmandades non eran unha excepción: como no resto da sociedade, habíaos progresistas que defendían a igualdade de dereitos para as mulleres mais o ambiente xeral era outro e non favorecía a presenza feminina por ningunha parte; é máis, había certa resistencia a abriren o paso ás mulleres, como demostran os feitos. Hoxe unha situación dese tipo resultaría verdadeiramente anacrónica. Aínda que, de cando en vez, vemos situacións semellantes, impropias deste tempo.

-Cales son as actividades ou accións máis importantes que levaron a cabo as Irmandiñas por elas mesmas?

-Elas estiveron sempre "a pé de obra" e desenvolveron as súas actividades no exercicio do maxisterio, na música, no teatro, no traballo científico dentro do Seminario de Estudos Galegos, no traballo agrícola, no deporte, na actividade empresarial, na medicina, na actividade política, no desenvolvemento editorial galego, no activismo militante, no espallamento do ideal galeguista e republicano, na defensa da lingua, na escrita... Igual que os homes, só que, a diferenza deles, o seu papel social estivo limitado polos condicionantes de xénero e non tivo a mesma consideración. En ocasións, aludíase a elas, por exemplo, nos coros, no teatro ou na actividade política, con frases do tipo "un grupo de señoritas", "unhas mulleres", "unhas mozas", sen faceren referencia nominal. Ese mantelo tan opaco que as cubriu e que apenas deixou pasar unha raiola de luz sobre as súas vidas e accións, chegou até os nosos días.

-Hai irmandiñas ás que Vde. presta especial atención. Quixera que me falara dalgunha delas. Comezamos por María Miramontes, que era a muller de Ánxel Casal.

-Con actividade coñecida antes de casar con Casal na directiva do grupo feminino da Coruña, María Miramontes, irmandiña, do Partido Galeguista, da Agrupación Republicana Feminina, salientou na defensa de Galiza, da súa lingua, da súa autonomía, nos dereitos femininos... Cun obradoiro de costura e corte, cosendo e encadernando libros en "Nós", nas "Escolas de Insiño Galego" e en todas as iniciativas que empredeu Casal, sempre estivo ela, en pé de igualdade. O asasinato de Casal levouna ao exilio arxentino do que nunca regresou.

-Mercedes Vieito Bouza.

-Mestra, xornalista e escritora nacida na Habana, filla de inmigrantes das Somozas (A Coruña), sempre se considerou galega e encheu centos de páxinas na defensa da Terra e da súa cultura. Vinculouse de forma activa ao asociacionismo habaneiro relacionado con Galiza, apoiou as Sociedades Galegas de Instrución, que levaron a cabo unha acción filantrópico-docente coa creación de escolas en Galiza; apoiou as Irmandades da Fala e preocupouse polos problemas galegos, nomeadamente polo tema da emigración, sobre todo a feminina. Á Habana chegaban galegas que ocupaban postos de categoría inferior, mal remunerados e, con máis frecuencia da desexada, acababan na prostitución.

-Amalia Álvarez Gallego.

-Integrante da Coral Polifónica de Pontevedra, partillou ideais co seu home, Alexandre Bóveda, e cando a barbarie fascista segou a vida do líder galeguista, todo foi dor e soidade para ela, mais non tivo tempo para se laiar porque tivo que facer fronte á vida e coidar de cinco criaturas. Finalizou a carreira de Maxisterio, puxo unha escola de cativos, fíxose funcionaria de Facenda e traballou arreo para sacar adiante a descendencia. Mentres viviu, deu mostras sobradas da súa afouteza e de fidelidade ao compañeiro de vida que o fascismo lle arrebatou, foi fundamental na recuperación da súa figura, mantivo o seu legado, foi memoria viva para todas e todos e converteu a súa longa vida nunha lección de dignidade e de entrega a Galiza.

-E, para rematar, Olimpia Valencia.

-A primeira médica galega estabelecida en Vigo desde 1928, foi na década de 1920 unha das estudantes máis brillantes e significadas en Compostela pola súa exitosa carreira, polo seu protagonismo como actriz no "Cadro Universidade" e pola proxección pública. No terreo social, identificada con Galiza e coa República, encabezou dous manifestos, o primeiro con universitarias da provincia de Pontevedra para apoiar a candidatura galeguista de 1931; o segundo, con mulleres de diferentes profesións, para apoiar a campaña a prol do Estatuto. A militarada do 36 tamén se deixou sentir na súa consulta de Vigo, á que deixaron de acudir pacientes. Na década dos 40 entrou na Seguranza Social.

Compartir el artículo

stats