Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lumière e Lumière

125 anos do Cinematógrafo

Lumière e Lumière

Vanse facer 125 anos desde que algúns cidadáns parisinos tiveron nas súas mans unha invitación nas que deviñan emprazados para asistir a unha demostración do novo invento dos irmáns Auguste e Louis Lumière no Salon Indien du Gran Café, sito no número 14 do Boulevard des Capucines da capital francesa. O local non gozaba de boa fama porque nel acostumaban xuntarse xogadores de billar dispostos a desplumar a algún incauto, de aí que a policía andase sempre próxima para vixiar aquilo que acontecía nas súas dependencias. Nesa invitación facíase mención a "Le cinématographe Lumière". Ninguén sabía en que viña consistir ao certp ese aparaello que chamaban "cinematógrafo". A entrada tiña un prezo alto, sobre todo se temos en conta que, a pouca distancia, na rúa Poissonière e por só 25 céntimos, se podían presenciar unhas imaxes animadas sen ter que compartilas con outras miradas. Tratábase do kinetoscopio de Edison.

Chegados ao momento, acontece que sala non amosa unha gran afluencia. Con retraso, Antoine Lumière, pai de Auguste e Louis, dá a benvida aos asistentes. O patriarca explica que as sesións do cinematógrafo se levan realizando desde hai meses, a primeira delas o 22 de marzo, e defíneo como un artiluxio capaz de rexistrar, procesar e proxectar imaxes en movemento. Monsieur Lumiére presenta o título das primeiras imaxes: Saída dos obreiros da fábrica Lumière. A xente aplaude o discurso de presentación e a sala queda a escuras. Entón, un feixe de luz incide sobre unha pantalla da cal xorde a fotografía da porta dunha fábrica. E de súpeto, o milagre: a porta ábrese e empezan a saír traballadores. Semellante inicio non pode ser máis ilustrativo da esencia que amosa o novo invento: unha fotografía que cobra vida, movemento. O público rompe o silencio cun aplauso cheo de asombro. A continuación, a segunda escena resulta algo tan sinxelo como unha estampa familiar na que un pai alimenta unha rapaza de poucos meses mentres a nai contempla o instante. Pero o que mais sorprende para os escasos espectadores do Salón Indien, son as follas das árbores en segundo plano que se moven grazas ao vento. De seguido, varias escenas de apenas un minuto de duración intensifican o estado de emoción dos presentes.

No entanto, aos artífices deste milagre -ben por humildade, ben por que efectivamente así o consideraban- non lles parecía que o cinematógrafo fose un invento, senón que máis ben estimaban que o seu non ía para alén dun perfeccionamento do kinetoscopio de Edison. Para os Lumière, o obxectivo primordial era acadar un procedemento que permitise á fotografía competir coas mesmas posibilidades estéticas e expresivas da pintura realista. Non é casual, pois, que as primeiras escenas captadas polo cinematógrafo pretendesen imitar os efectos lumínicos de Manet, Monet ou Degas. Así, os mesmos temas que os impresionistas plasmaron sobre lenzo cos seus pinceis, acabarían por rexistrarse inmediatamente nas películas sensibles fabricadas polos Lumière, temas que captan a cotidianidade do mundo popular e pequeno-burgúes.

Porén, este relato que acaban Vdes. de ler, cuxa veracidade semella incontestable, non sempre dispuxo dun recoñecemento unánime. En 1923, o sindicato de directores cinematográficos foi solicitar ao concello de París permiso para colocar unha placa na fachada do Salón Indio para conmemorar a sesión de 1895. Axiña estoupou a polémica. Os representantes da Academia de Medicina rexeitaron a homenaxe por considerar a Etienne-Jules Marey o verdadeiro inventor da fotografía en movemento. A diferenza de Estados Unidos, onde os historiadores destacaron sempre a prioridade de Edison, en Francia, nunca houbo unanimidade para recoñecer o papel dos Lumière como promotores dunha novo arte que acabaría por cambiar a forma de mirar de todos os seres humanos nados a partir do século XX.

Compartir el artículo

stats