Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Incalculábel saudade

Universal e atlético

Incalculábel saudade

Fornelos & Fornelos: terceira fundación, de Xerardo Quintiá (Friol, 1970), supón a terceira entrega dun ciclo poético iniciado en 2011. Reaparecen aquí os ingredientes que o caracterizan: a rememoración dun lugar mítico para a historia persoal do autor, a familia que habitou o lugar, as consideracións sobre a vida. O retrato dos parentes efectúase desde a evoción subtil: "non só o canto do/merlo entre as pólas do vello/sabugo; senón a man erguida indicando/a procedencia, o lugar exacto/daquela ledicia instantánea/daquela música ardendo". O lector ten que deducir que a man que sinala a melodía da ave é a do pai que camiña co neno polo monte cando, de súbito, sente esa epifanía. Ou dun xeito máis directo: "Así fomos pai e fillo/Así fomos paxaro e home".

Circula polos versos unha saudade incalculábel: "Só a certeza/de que cada novo día/me conduce ao-que-xa-fun". A contemplación do escenario arbóreo, das pedras boscosas, do frenesí das augas ou da complacencia das herbas, provoca un arroubo extático, moi similar ao do haiku xaponés, ou ao do noso Novoneira: "a néboa tornouse -ialma/a i-alma tornouse tempo/o tempo tornouse nada".

Seguindo esta esteira metafísica, atopamos moitas reflexións filosóficas (do estoicismo á dialéctica, do existencialismo ao nihilismo) que acaban achegándose a cavilacións metaliterarias: "onde o poema latexe vivamente/dicíndose no non-dicirse de min". A poesía reescribe e reitera o noso fracaso persoal no mundo, como xa nos indicara Manuel Antonio e que aquí achamos expresado: "signos evidentes de que o poema só é unha maneira/de cantar a derrota". Este pensamento acaba adentrándose na interioridade do eu, na indagación da súa esencia: "e nada sabía do que un home precisa sacrificar/para salvarse de si e do que nel se agocha".

Estamos, xa que logo, diante dun poemario, en fin, onde ás veces observamos prevalecer unha clarividencia: "Todo resultaba universal, atlético". Ou así mesmo unha éxtase do esplendor do mundo: "concedéndome un fragmento da Vía Láctea./Un instante de transfiguración/entre o ignoto e o radiante".

QUINTIÁ, Xerardo, Fornelos&Fornelos, Xerais, Vigo, 2019, PVP. 11, 87 ?

Compartir el artículo

stats