Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Concepción Arenal

Apuntes dunha vida e obra en rebeldía

Concepción Arenal faleceu en Vigo o 4 de febreiro de 1892. Os seus restos repousan no cemiterio de Pereiró, cuxa entrada está presidida por un monumento na súa homenaxe.

"Abride escolas e pecharán os cárceres". "Odia o delito e compadece o delincuente". "A paixón para o home é un torrente, para a muller, un abismo". "O home que se levanta é ainda máis grande que o que nunca caeu". "Todas as cousas son imposíbeis, mentres o parece". "O amor vive máis do que dá que do que recibe". "Substituír o amor propio co amor dos demais, é cambiar un insufríbel tirano por un bo amigo". "A dor é a dignidade da desgraza". "As malas leis contribuirán a formar homes peores ca elas". "Canto máis se dividen os obstáculos, son máis doados de vencer". "Todo o que endurece, desmoraliza"...Todas estas frases teñen unha autora común: chamábase Concepción Arenal Ponte e nacera na rúa Real de Ferrol o 31 de xaneiro de 1820, filla dun militar liberal, Ángel Arenal Cuesta, quen finou cando a súa filla tiña tan só nove anos, e de María Concepción Ponte Mandiá Ferreiro.

En 1834, xa orfa de pai, Concepción trasládase a vivir á capital de España. Estase xa a forxar na súa personalidade: un espírito de rebeldía que non tardará en manifestarse cando, aos 21 anos de idade, non dubida en disfrazarse de home (corta o pelo e viste levita, capa e sombreiro) para poder matricularse na Facultade Dereito da Universidade Central de Madrid, na que as mulleres aínda tiñan, na práctica, prohibida a súa presenza nas aulas. Descuberta polo rector durante unha clase, en troques de expulsala, someteuna a unha aproba: se quería volver á universidade tiña que pasar un durísimo examen. A condición imposta non botou para atrás á Arenal quen, non só superou sobradamente a proba do Rectorado, senón que, entre 1842 e 1845, asistíu ás clases, xa vestida de muller, nunha Facultade constituída integramente por un profesorado e un estudantado masculinos. Iso si, nas aulas, sempre sentou afastada do resto dos seus compañeiros e, para entrar no centro, tiña primeiro que agardar soa nun cuarto ata que chegaba o mestre de turno e a levaba á aula. Ao rematar, a mesma historia: o mesmo mestre volvíaa deixar no cuarto para que a "recollese" un bedel e a "entregase"ao familiar que a agardaba fóra e do que tiña sempre que chegar e regresar a casa acompañada. Converteuse en avogada, que era o seu obxectivo, pero nunhas condicións que moi poucas persoas aturarían.

A verdade é que se a biogafía personal de Concepción Arenal -da que ofrecemos esta pequena mostra que vai máis aló do anecdótico- foi apaixonante, a súa vida social e profesional, na práctica e na teoría, non lle ten nada que envexar. Abarcar todas as facianas do seu labor, todas as súas aportacións ao pensamento humanístico, ao feminismo, á pedagoxía, á loita pola xustiza social...excede o espazo do que dispoñemos nesta páxina. Durante o transcurso do ano, a USC coa colaboración da Xunta de Galicia ten previsto organizar unha exposición conmemorativa do bicentenario do nacemento de Concepción Arenal, pero en todo caso, nestas liñas daremos algúns apuntamentos da súa vida, obra e activismo social.

No seu primeiro ensaio sobre os dereitos da muller, La mujer en el porvenir (1869), Arenal critica as teorías que defendían a inferioridade das mulleres baseadas en razóns biolóxicas. A súa posición é firme na defensa do acceso da muller a todos os niveis educativos, aínda que aquí admite que hai oficios para os que non están preparadas e non amosa ser partidaria da súa participación na política, opinións das que muda radicalmente nunha obra posterior, La educación de la mujer, así como en numerosos artigos de prensa, ata o resto da súa vida.

Concepción Arenal non se sentía incómoda na súa identificación como "pensadora do catolicismo social". Á relixión achegouse nomeadamente tras do seu casamento con Jesús de Monasterio, home de fortes convicións católicas, que conseguiu que se implicase nas actividades humanitarias das asociacións promovidas por crentes laicos progresistas. Iso si, para a súa época, o seu xeito de entender o cristianismo non era precisamente considerado ortodoxo, mais ben todo o contrario. Velaí que a organización Acción Católica de la Mujer, que representaba o feminismo católico conservador, realizara un fustigamente continuo sobre todos aqueles colectivos feministas de inspiración arenaliana, reunidos arredor da Asociación Nacional de Mujeres Españolas, coa que se alineaba a propia Concepción Arenal.

Máis escolas, menos cárceres

  • Un dos aspectos que máis sorprende da obra de Concepción Arenal foi a súa preocupaciòn polos presos e, máis en concreto, pola súa reinserción social, cuestión que se acentuou tralo seu nomeamento como inspectora de cárceres de mulleres en 1864 . Froito desta experiencia personal, publica en 1865 Cartas a los delincuentes nas que aborda cuestións tan delicadas, aínda hoxe, como a necesidade de reformar o Código Penal. Cesada tras da publicación deste libro, ese mesmo ano promove a creación da Sociedade Abolicionista (co obxectivo de rematar coa escravitude en América). Volve aos cárceres logo da Revolución de 1868, cando o goberno provisional a nomea Inspectora de Casas de Corrección de Mujeres, e desempeña o cargo ata 1873, pero faino xa desilusionada polo feito de que os políticos, por moi progresistas que se definiran, non eran quen aplicar as máis mínimas reformas nos cárceres, máis ben ao contrario. Este desencanto reflectiuno en Examen de las bases aprobadas por las Cortes para la reforma de las prisiones (1869).

Compartir el artículo

stats