Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A xeira de Nós

A Xeración sen a cal a nosa cultura de hoxe sería diferente

Afonso R. Castelao

O 30 de outubro de 1920 saía do prelo dos talleres do xornal La Región de Ourense o primeiro número da revista Nós, publicitada como "Boletín Mensual da Cultura Galega. Órgao da Sociedade Galega Nós". A revista era a plasmación mediática dun xeito de ollar Galicia ao que, dende había anos, daba pulo un dos, naquela altura, intelectuais galegos en plena emerxencia, Vicente Risco, quen, xunto a, entre outros, Ramón Otero Pedrayo, Antón Losada Diéguez e Florentino López Cuevillas fundaran en 1914 o grupo que, en primeiro termo, deu nome á revista e, por extensión, á hoxe coñecida como Xeración Nós. Cómpre separar os termos Grupo/Revista/Xeración porque malia que, dende o punto de vista cultural, cada quen se definía, cos seus propios matices, na mesma liña (antes de que as diverxencias entre eles, nomeadamente as de carácter político, se fixeran irreconciliábeis),abonda con poñer un exemplo para amosar que non foron o mesmo...nin os mesmos. Velaí que Afonso R. Castelao si figure como membro da primeira redacción de Nós pero, en troques, nunca formou parte do grupo.

A saída do primeiro número da revista convértese en referencia obrigada á hora de conmemorar o centenario da denominada Xeración Nós cun monllo de actividades entre as cales cabe destacar a exposición De Nós a Nós, que acollerá a Cidade da Cultura, organizada pola Xunta e comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña, e que ten prevista a súa apertura durante o mes de maio.

Pero, como xa dixemos con anterioridade, non se pode confundir o grupo coa revista nin esta coa xeración, porque é precisamente esta, a xeración, a que hoxe en día consensua as valoracións entre historiadores e estudosos da cultura galega contemporánea. Tal é o caso de Justo Beramendi, que en Historia de Galicia (FARO DE VIGO) considera que grazas ao fecundo labor intelectual e creativo (de Nós) "podemos falar sen esaxeración dun segundo Rexurdimento que deixa pequeno ao primeiro, xa que agora deixa de gravitar sobre a poesía e o folklore para madurar, non só na prosa literaria, senón en case todos os campos das ciencias humanas e as artes".

As aportacións culturais da X-Nós abrangueron a todas as manifestacións escritas da cultura e, por suposto, tamén se extenderon ás artes plásticas. Estas son algunhas delas, que se engaden, por certo, a un propósito que consideraron básico: a necesidade de contar con empresas editoriais propias:

-Na narrativa: Superación da temática costumista, ruralista e humorística. Polo contrario, téndese á diversificación (novela realista urbana - O porco de pé-, novela histórica - A romaría de Xelmírez-, novela psicolóxica - Arredor de si-) e incorpóranse técnicas narrativas dos autores máis destacados da literatura europea do momento (Virginia Woolf, Thomas Mann, James Joyce...). Isto é: introspección e monólogo interior e ruptura da secuencia temporal. O obxectivo está claro: trátase de escribir nunha lingua literaria culta e, asemade, introducir o espazo urbano como marco das tramas. Por outra banda, consolídase o conto literario, caracterizado pola busca da brevidade e a síntese.

-No idioma: Creación dunha lingua literaria culta, que remata coa diglosia das novelas do XIX, cos lusismos, cos hiperenxebrismos...

-No teatro: Incorporación das técnicas anovadoras europeas, introdución de máscaras. O teatro debe ser concibido como un espectáculo total e, como tal, hai que dar importancia aos decorados, á música, ao vestiario, aos xogos de luces...Tamén, como na narrativa, depúranse elementos costumistas e realistas en favor dos poéticos e simbólicos

-No ensaio: Pioneiros en empregar o galego neste xénero que, entre os membros de Nós, foi destinado preferentemente á fundamentación teórica e así mesmo á difusión das tese de carácter nacionalistas nas que militaron.

O inescrutábel camiño de Risco

  • Non hai intelectual na cultura galega contemporánea que convoque sentimentos tan encontrados como Vicente Risco, a quen non só hai que recoñecerlle o mérito de ser o autor do primeiro ensaio dedicado a unha teoría do nacionalismo galego, senón tamén a consideración de auténtico motor da Xeración Nós. Resulta curioso comprobar como Vicente Risco, recén chegado da súa viaxe de 1930 a Centroeuropa ( recoñeceu que foi durante aquela cando comezou a súa fascinación polo nazismo),se alinea (1931) cun PG demócrata e republicano que só foi abandonar cando a dirección galeguista decidiu presentarse ás eleccións de 1936, incorporado á Fronte Popular. Esta contradicción política, así e todo, non ten nada que ver coa cultura. En Nós, Risco defende a modernidade, a vangarda, o "novo" e, daquela, e mal que lle pese aos que "non entenden o sentido da historia," o fascismo de Mussolini a súa derivación:o nacionalsocialismo alemán. Tales eran as "novidades" fronte a unhas democracias en crise. Outra cousa é que Risco se fose equivocar de bando, claro.

Compartir el artículo

stats