Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De severa dicción

Memoria e desmemoria

De severa dicción

Elabora Xurxo Alonso (Bos Aires, 1956), en Oracións profanas (III Premio Xosé María Díaz Castro), unha poesía de severa dicción, froito dos tres oficios que practica. Aínda que é máis recoñecido como pintor, a segunda tarefa que o apaixona, a poética, está contaminada tanto pola pintura como polo seu interese na Bioloxía. Así o comprobamos en numerosos versos: "e avanzas no día inhalando/as primeiras luces polas branquias do mencer". Este léxico biolóxico convive co agrario, que atopamos noutras composicións: "Alfaremes de arxila acérrima,/quen vos chamou polos vulvarios tanxenciais?".

Porén, cohabitan ao longo do poemario outras preocupacións do escritor. Por exemplo, a reflexión metapoética e metalingüística, cando se interroga sobre o sentido da escrita ou da palabra como cerne dunha expresión cercenada: "serás o poeta ocupado/en buscarlle á palabra/esa boca que di cousas distintas". Deducimos que o literato debe procurar a expresión anómala, desviante do decurso normal da fala, para a integrar nun discurso diferencial, isto é, non referencial: "cando a sorpresa penetre nos tránsitos do corpo/coa mesma palabra que soprou a area das dunas/ou na tona do mar as ondas que navegan".

Asistimos, nestes casos, a unha indagación maior: otrátase do sensentido do home na inmensidade do cosmos. Somos Natureza que medita sobre si mesma e, en consecuencia, se fai Cultura. Deste xeito, somos razoantes e, tamén, seres emocionantes: "Os nosos dedos alónganse ata tocar esa saúde/como escuma desprendida das tormentas que non durmiron,/estímulo branco que vive no nutricio,/é o animal que vai da man do home". En todo caso, somos descubridores de que imos no fluír do río da Temporalidade: "e crave/o murmurio asimétrico dos doentes,/despaciosos xa para sempre, no futuro".

Unha vez entrados dentro do Tempo, prisioneiros que devimos do seu ir, vimos descubrir, con espanto, que a nosa vida (a que facemos e a que nos fai) está composta, en igual medida, de memoria e desmemoria: "como nós nos fixemos,/tamén co oficio do esquecemento".

ALONSO, Xurxo, Orracións profanas, Espiral Maior, a Coruña, 2020, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats