Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Frío e soidade

Hamsun entre nós

Frío e soidade

O premio Nobel Knut Hamsun tivo en Galicia grandes admiradores como Camilo Gonsar, quen viaxou a Noruega co fin de estudar o idioma daquel escritor que, como Pound ou Celine, arrastrou unha dura penitencia por ter simpatizado co fascismo durante a II Guerra Mundial.

Fame apareceu en 1890, cun protagonista que escribe sen éxito para comer. Trátase dunha novela que reacciona contra o materialismo realista de Ibsen e a sensibilidade social dos seus coetáneos. O relato transcorre en Christiania (Oslo, na actualidade), cidade que marca ao anónimo personaxe que nos conta en primeira persoa as súas emocións, sentimentos, soños e fantasías. A fame roe as súas entrañas, a patroa da pensión pono na rúa por non ter cartos, e este home sen nome percorre a cidade, vítima da dor de vivir, e combinando momentos de lucidez con outros nos que sofre delirios.

Fronte ao narrador obxectivo, característico da novela do século XIX, Fame amosa xa unha exploración psicolóxica subxectiva en primeira persoa, que retrata a conciencia do protagonista, os xuízos que lle provoca unha realidade adversa, as ansias e frustracións nun lugar no que xa pasou tempos mellores, pero nos que agora a fortuna non lle sorrí porque ten dificultades para escribir e publicar os seus artigos, e no que carece de cartos para solventar as condicións mínimas de supervivencia. A viaxe pola cidade amosa como se vai desbocando, como mestura orgullo e xenerosidade, e como os seus paseos sen compás so pretenden calmar a carencia de alimentos e o frío. A cidade é xa un territorio de incomunicación. No 1892 o poeta portugués António Nobre escribe: "Novembro. Só ! Meu Deus, que insuportável Mundo!": un verso que casa ben coa soidade de Fame.

Hamsun, Knut, Fame, (trad.M. Barcia) Ed. Rinoceronte, Cangas, 2019, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats