Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A cerámica da Magdalena

Unha peza vincula a traxectoria de Otero Pedrayo coas de Seoane e Díaz Pardo

Gaucho (1958), de Luís Seoane.

A Fundación Otero Pedrayo, con sede casa familiar do sobranceiro escritor no Pazo de Trasalba (Amoeiro, Ourense), seguindo o modelo doutros museos e institucións culturais, dedica cada mes un acto e unha pequena publicación a salientar unha peza da súa colección: artística, bibliográfica ou documental.

No último mes a obra elixida é unha figura cerámica que leva o título de Gaucho, deseñada por Luís Seoane para Porcelanas de Magdalena en 1959, unha peza que vincula a traxectoria vital de Otero Pedrayo á de Seoane e á de Isaac Díaz Pardo, persoeiro, este último, de quen este ano se cumpre o centenario do seu nacemento.

A historia da relación de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) con esta obra cómpre ligala á viaxe que o ilustre escritor realiza no ano 1959, a súa terceira viaxe a América, sempre en íntima relación co mundo cultural galego do exilio e a emigración.

Dentro da intensa actividade social e cultural desenvolvida na Arxentina en contacto coa comunidade galega: viaxes e conferencias, o escritor visita a fábrica de porcelana de Magdalena, sita nunha pequena vila a corenta quilómetros da cidade de La Plata e a uns cen de Buenos Aires.

Porcelanas de Magdalena -cómpre lembralo- está intimamente ligada á figura de Isaac Díaz Pardo. O punto de partida da empresa hai que situalo entre decembro do ano 1955 e xaneiro de 1956 cando Isaac realiza en Buenos Aires, no Centro Galego, unha mostra bastante ampla das súas pinturas e tamén das porcelanas que elaboraba no Castro de Samoedo desde 1949. O seu propio testemuño é revelador da súa situación e expectativas que xerara nel esta viaxe á Arxentina: "No ano 1955 decidín emigrar como única solución, o que, por outra banda, supuña conectar coa Galiza do exilio que mantiña viva a nosa conciencia reivindicadora. A admiración a aquela Galicia da diáspora, e o deber de non abandonar o que fixera no Castro, que xa comprometía o modo de vivir de moita xente, mantivéronme trece anos nunha emigración intermitente".

Unha das principais consecuencias desta conexión vai ser a creación da empresa Celtia S. A. (unha sociedade da que facían parte Cerámicas do Castro, galegos exiliados e accionistas arxentinos) e a fábrica de Magdalena, xogando un papel importante para convenceren a Díaz Pardo de levar adiante a empresa exiliados como Luís Seoane ou Xosé Núñez Búa.

Para a elaboración de porcelana, a fábrica precisaba fundamentalmente un terreo rico nas arxilas adecuadas, en especial o caolín, e tamén o acceso a unha fonte de auga, condicións ambas que cumpría a zona de Magadalena. Como resultado, a empresa vai fabricar cerámica funcional e decorativa, desta última é un bo exemplo o Gaucho de Seoane. Mais, como testemuña Xosé Díaz, a importancia de Porcelanas de Magdalena é que foi "un laboratorio onde Díaz Pardo e Seoane puxeron en marcha un auténtico brainstorming" que tiña como obxectivo elaborar proxectos para a recuperación de Galicia, creando alí o Laboratorio de Formas e o embrión do que logo será Sargadelos.

Precisamente o nacemento de Sargadelos a finais do sesenta marcará a esmorecemento da fábrica de Magdalena que, así e todo, vai sobrevivir até comezos da década dos oitenta.

O deseño cerámico foi algo moi coidado na fábrica, realizándoos, alén de Seoane e Díaz Pardo, artistas como Tomás Agüero, Carlos Torrallardona ou Geno Díaz. Van seguir difrentes liñas, desde as máis tradicionais, para competir co mercado existente na Arxentina, até unha máis innovadora e experimental, pasando por unha cerámica moi afín á realizada no Castro en Galicia.

A peza Gaucho de Luís Seoane, de sentido artístico indubidábel, podemos vela como un precedente dos deseños que o artista realizará na seguinte década para Sargadelos, xa en Galicia. O tema do xinete e a figura popular arxentina do gaucho pódese rastrexar na súa obra, o primeiro frecuentememente en pinturas e gravados de tema medieval e o segundo, por exemplo, nas xilografías de 32 refranes criollos (1966).

Murais

  • De Magdalena saen tamén grandes creacións, Luís Seoane realiza un mural na propia fábrica, que se conserva na actualidade en propiedade privada, cun motivo paisaxístico moi esquemático e signos elementais que lembran as dos petróglifos e da decoración popular de trebellos tradicionais galegos. A peza estaba destinada á mesma fábrica, en pleno contexto laboral, como as que logo realizaría en Galicia no Castro e en Sargadelos. O mosaico tamén é ensaiado con notábel orixinalidade por Seoane cos medios materias da fábrica. Un exemplo magnífico son as dúas grandes portas, elaboradas para un centro comercial de La Plata (1961, colección particular), con monumentais figuras femininas concibidas por Seoane e realizadas na fábrica so a dirección de Isaac. As portas, combadas, de dúas follas cada unha e de fina porcelana alongada e non con pequenos anacos, provocan unha intensa luminosidade e evocan o mundo bizantino.

Compartir el artículo

stats