Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Santiago Veloso: "Ao facer radio, o alumnado séntese protagonista"

Santiago Veloso é profesor de Lingua e Literatura Galega, dinamizador do Patrimonio Inmaterial galego-portugués e impulsor da radio escolar en Galicia e no Norte de Portugal. Desde o 2016, Ponte...nas ondas! é a única entidade galega acreditada pola UNESCO para o patrimonio inmaterial e aspira a ser inscrita na Lista das Mellores Prácticas, impulsada por esa mesma organización.

Santiago Veloso. // Faro

-Cando comezou Ponte...nas ondas! ,crían Vdes. que ían chegar tan lonxe?

-En 1995, coa motivación da inauguración da ponte internacional entre Salvaterra e Monção, as escolas das dúas beiras do Miño realizaron un experimento que tivo uns resultados excelentes: unha xornada de radio escolar que uníu o alumnado de centros educativos das dúas bandas do Miño do mesmo xeito que a ponte unía os dous países. Esta experiencia chamouse: Ponte...nas ondas! Ante o éxito, esta primeira aventura continuou, pois cada ano eran máis os centros educativos que querían participar e, pouco a pouco, foise ampliando o número de emisoras de radio que tamén colaboraron. Nunca pensamos que chegaríamos a recibir un Premio Ondas "pola mellor cobertura informativa do patrimonio inmaterial galego-portugués" ou a ser os promotores da primeira candidatura de patrimonio inmaterial impulsada por centros educativos de dous países da Unión Europea. Pero o camiño fixémolo con profesorado, alumnado, persoas colaboradoras e aliadas que son sempre o mellor alicerce dunha experiencia transversal.

-Cal é o segredo xa non só desta supervivencia senón e, sobre todo , da vixencia e boa saúde da que goza o proxecto que puxeron a andar en 1995?

-Non hai segredos, hai moitísimo traballo de profesorado e alumnado de distintas idades que cren que outra forma de aprender nas aulas é posible, que aposta pola innovación e no empoderamento do alumnado para facelos protagonistas da súa aprendizaxe, todo isto conectado cun patrimonio cultural que nos une con toda a lusofonía. Desenvolvendo unha experiencia que é única no mundo e que xa ten sido valorada como un modelo de boa práctica educativa e que agora opta á inscrición na Lista da Mellores Prácticas co PCI ( Patrimonio Cultural Inmaterial ) da UNESCO.

-Resulta curioso que nestes tempos de Internet aos rapaces lles siga gustando "facer radio". Que ten a radio que atrae aínda aos rapaces e raparigas do século XXI?

-A radio é o medio de comunicación máis presente en todo mundo e o que mellor se adapta ao medio. Ponte...nas ondas! nace como experiencia "analóxica" e antes do xurdimento de Internet. Nese momento, e agora, os alumnos e alumnas adoraban poder ter voz, poder poñerse diante dun micrófono e ser protagonistas. Para o alumnado é fundamental sentirse valorado e potenciado nas súas capacidades e destrezas. Ademais disto, facer radio fainos protagonistas dunha actividade onde aprenden dun xeito lúdico. Xa coa aparición de Internet, a radio adaptouse perfectamente a este novo medio e incrementou o seu poder de chegada a unha audiencia cada vez maior.

-Hoxe mesmo celébrase o Día Mundial da Radio. Gustariame que nos contaran cómo o van celebrar.

-Comezamos a celebrar o Día Mundial da Radio desde que a UNESCO propuxo esta data en todo o mundo. Cada ano convidamos ás escolas a que se sumen a esta celebración porque une os valores que en cada edición se propoñen ( este ano é a diversidade ) xunto coa participación na radio, en calquera forma. Temos realizados programas conxuntos con escolas portuguesas, entre escolas galegas, emisións nas escolas...Hoxe emitiremos no portal "www.escolasnasondas.com" programas que foron elaborados polas escolas para esta celebración, tamén programas en directo. Ademais participarán en programas de radio de emisoras públicas e comerciais diversos centros que levarán alumnado aos estudios.

-O día grande do 25 aniversario vai ser o 27 de marzo. Que hai preparado?

-Estamos traballando para realizar unha gran xornada de comunicación na que as escolas mostren o seu traballo coa radio e co patrimonio de xeito público, nun día no que desde moitos lugares de Galicia e do Norte de Portugal se escoiten as voces dos xoves e das persoas portadoras do patrimonio. Queremos que as emisoras de radio, xunto coas escolas, se sumen á celebración realizando emisións en directo desde calquera escenario. Xa podemos adiantar que haberá programación especial desde a Facultade de Xornalismo de Santiago, desde a Universidade de Vigo, desde a Radio Universitaria do Minho de Braga e desde moitas radios locais de Galicia e do Norte de Portugal. Ademais, teremos emisións especiais de medios de ambos Estados e colaboracións artísticas realizadas para este 25 aniversario.

-É de destacar neste evento a participación de centros educativos de Portugal e doutros países. Que valor ten para a experiencia?

-A nosa ponte foi erguida por centros educativos dos dous lados do Miño, a partir de aí foron participando outros centros de Galicia e de Portugal. Con Internet chegamos a outros países como Brasil, Colombia, Cuba ou Arxentina. Desde o Ministério de Educação hai interese en promover a experiencia non só nas escolas do Norte.

-Cando falamos de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués, a que nos referimos exactamente, ademais do idioma?

-O patrimonio inmaterial é un concepto máis amplo que a lingua xa que denomina o conxunto das expresións culturais que conforman a identidade dos pobos. No caso galego-portugués, a lingua na que se conformou este patrimonio cultural é a mesma, por iso falamos dun patrimonio común entre Galiza e Portugal. Desde o punto de vista antropolóxico é evidente que as manifestacións da cultura galega e portuguesa teñen unhas orixes comúns nun medio natural que conformou unha identidade propria, desde os kallakoi e castrexos até a actualidade. Podemos falar, en palabras de Xosé Manuel González Reboredo, de " formas coincidentes e compartidas" nas cantigas de amigo, esas primeiras mostras da tradición oral galego-portuguesa, Pero o patrimonio inmaterial galego- portugués abrangue as manifestacións do ciclo festivo anual, da cultura agro-marítima, dos saberes tradicionais...

-En que cambiaron os rapaces dos P onte...nas ondas! de 1995 con respecto aos deste século XXI?

-Algúns xa se fixeron xornalistas polo estimulo que supuxo para eles a experiencia, e cóntano no documental "Pontes...nas ondas" incluído no libro-disco Na ponte. É evidente que o alumnado hoxe vive, nun novo século, na sociedade da información. Neste contexto é cada vez máis importante formar alumnado con "capacidade de comunicar, de comunicar ben", como di Manuel Campo Vidal. E neste sentido considero que unha experiencia como Ponte...nas ondas! contribúe a afianzar e potenciar a comunicación do alumnado que está "enredado" cada vez máis na maraña cibernética e que precisa ter un discurso propio e identitario co su ámbito cultural e social.

-Que aspectos de Ponte...nas ondas! considera máis destacábeis nestes 25 anos ?

-O máis importante foi levar o patrimonio inmaterial galego-portugués á UNESCO e todo o labor de posta en valor deste tesouro. A realización de Mostras da Oralidade Galego-Portuguesas, os Certames de Recolla desde as escolas, a publicación de Meniños Cantores ou Cores do Atlántico. Tamén foron importantes as colaboracións con artistas do noso ámbito cultural como Uxía, João Afonso, Guadi Galego, Gaiteiros de Lisboa, Treixadura...As conexións con Julia Otero, Iñaki Gabilondo, Diamantino José, Gemma Nierga, Iñaki Peña...E finalmente os recoñecementos como o premio Galicia de Comunicación, o premio Ondas, o Bos e Xenerosos, o Peña Novo...

Compartir el artículo

stats