Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O canon de Harold Bloom

Selección e conflito

J.W. Goethe

Síntoo Harold, ningunha elección está libre de prexuízo por impoluta que semelle a hermeneútica utilizada. A ciencia está chea de elementos contaminadores nos seus deseños, que esperar da arte! Pero a contaminación, que na ciencia invalida todos os xuízos, na arte é parte da súa prosapia. Un canon é como mirar o océano a través dunha pechadura, con lentes distorsionadas e nun día de néboa. Nin a selección feminista, nin a estruturalista, nin a marxista nin a túa. A norma sempre é parcial. Utilizada para confrontar coa parcialidade dos adversarios devén, ademais, paradoxal.

Sostiña o noso crítico que se entra no canon só por forza estética pero as forzas estéticas son caprichosas como os deuses, xogan sucio. Un deus humano, branco, anglófono, crítico, académico? Por cada variábel ábrese un exército de células tendenciosas que dirixen esa forza de vinte e tres autores e tres autoras. A forza estética do canón de Bloom, na que só hai tres mulleres e unha pobre representación latina, atopou coa forza estética da terceira onda feminista. Esta batalla entre o canónico e os invisíbeis alimentou unha parte moi considerábel do pensamento contemporáneo e promoveu a lexitimación dos ausentes.O canon é un dinosauro pero nos 80 tamén, e o noso autor sabíao. Orfos dun deus único, quen é o deus que impón a norma? Esta non está carente de contradicións. A selección ten unha disposición de conflito entre o impulso de poñer límite ao abismo e a necesidade de defender a independencia creativa. Unha liberdade non só na dimensión social, na forza creadora individual que tamén foi motivo de reflexión para o noso crÍtico, con bastante máis interese que o famoso canon.

Aínda que pensamos que de independencia nada porque todo é político, con vontade, todo se pode matizar. Pode que o canon fora unha calculada provocación tanto na súa formalización como na forma de cualificar os seus adversarios máis extremos con aquilo dos críticos do resentimento. Provocar é unha parte importante do exercicio crítico. Distinto é observar xa non a función, senón a posición de quen se arroga o poder de setenciar a orde do produto cultural. Este exercicio só pode sementar oposición. Pero non hai academia sen adoutrinamento, entrando en necesaria oposición coa vangarda. Sen esta tensión, nada. A súa presenza crítica preserva a arte. Unha das peores alianzas para a arte é a do poder coa vangarda e neste escenario, para que a crítica? A academia cúbrenos coa pantasma da obxectividade, un sedante que alimenta rebeldías. O problema non é defender un canon o problema é a súa imposición.

Pero seguindo con esta proposta xenerosa para falar de alguén que xa non pode defenderse, ver nisto unha estratexia heroica está ben pero o tema dos números é outro cousa. A escasa representación de mulleres no citado canon merece algunha observación. Comparativamente, a cantidade de mulleres que publicaron foi moi pequena pero para que sexa unha xustificación queremos probas. Podemos deixar o tema se a proporción de mulleres que integran o canon en relación ás publicacións que realizaron se corresponde coa relación entre homes e publicacións. Pero soltando a varíábel sexo e collendo a lingua, o predominio anglófono non ten ningunha xustificación. Non Harold, ningunha.

Gústanos de Harold Bloon a defensa da autonomía estética e da rebeldía das persoas creadoras para liberarse dos condicionamentos. A consideración da melancolía como forza introspectiva, que tan ben describe Na angustia das Influencias, é estimulante. Unha materia necesaria que hai que abrazar e que confronta coa cultura farmacolóxica das emocións. Destaca coa angustia a súa defensa do sentido da morte como necesidade para estimular a arte. Pero tamén nos gusta o amor que latexa na súa visión do pracer da lectura en soidade: non como posición para crear unha identidade social, senón como refuxio da intimidade. Porque para Bloom a obra de arte é como para Gadamer, crecemento do ser. Tamén nos emociona esa idea que defende de que a mente sempre retorna á beleza. Que imaxe máis fermosa e profundamente dignifícante para a arte! Atopamos así, neste home unha forza autenticamente romántica. Por todo isto, grazas Harold.

Compartir el artículo

stats