Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cen anos de Leopoldo Nóvoa

Unha mostra no Museo de Pontevedra

O derradeiro cadro realizado polo pintor.

O Museo de Pontevedra inaugura hoxe unha ampla mostra dedicada ao pintor Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919- París, 2012), co gallo do centenario do seu nacemento, recentemente cumprido.

Fillo de nai galega e pai diplomático uruguaio, o que logo sería un sobranceiro pintor realizou con sete anos a súa primeira viaxe a América e tres anos maís tarde volveu a Galiza. Ao se consumar a rebelión militar de Franco de 1936 marchou ao Porto coa familia, por causo de que o pai, cónsul do Uruguai, foi expulsado de España. En 1938 emigrou ao Uruguai, onde se vinculou con Joaquín Torres García, cuxa pegada é visíbel na primeira etapa da súa obra pictórica. Pasou a súa mocidade en Montevideo onde fundou a revista de cultura Apex, con Carlos Maggi e outros artistas e intelectuais uruguaios. Nela participaron, entre outros, J. Torres García, Juan Carlos Onetti e Juana de Ibarbourou. En Buenos Aires, onde viviu entre 1948 e 1957, coñece o traballo de Lucio Fontana, que tivo moita influencia na súa obra, así como o de intelectuais e artistas galegos exiliados como Rafael Dieste ou Luís Seoane.

A partir de 1957 estableceuse en Montevideo, até a súa marcha a París, en 1965, da man do crítico Michel Tapié, que ficou impresionado co seu xigantesco mural do Estadio Luis Tróccoli, en Montevideo. Nestes anos comeza tamén unha estreita amizade con Jorge Oteiza e a súa obra impresiona vivamente a Julio Cortázar, que escribiu un relato sobre o seu traballo e ao pintor asturiano exiliado Orlando Pelayo, amigo de André Camus. En 1974 fixo a súa primeira exposición na galería Edouard Loeb, que sería o seu galerista durante moitos anos.

O desenvolvemento da pintura de Leopoldo Nóvoa manifestou ao longo de toda a súa rica traxectoria vital e creativa a enorme coherencia do seu traballo e non deixou de testemuñar a profunda unidade conceptual que o conxunto da súa obra posúe. Un ollar panorámico ao traballo do noso pintor permite percibir como nel foron agromando as sutís variacións ás que o pintor foi sometendo cada unha das súas obras, o que constitúe unha das maiores virtudes da súa pintura.

A súa obra salienta pola tridimensionalidade, patente desde os anos setenta, cando o pintor se apropia dela, meditando sobre o espazo desde unha abstracción purísima en que a cor e a luz adquirían unha potencia envolvente. Se en principio o seu labor desta altura podía facer pensar en Lucio Fontana, o singular tratamento cromático e lumínico do galego singularizou axiña o seu estilo, en que progresivamente a rugosidade foi gañando terreo.

Nos traballos que realizou a partir de mediados dos setenta e durante os oitenta, o matérico atinxiu un peso substancial, sen que iso chegase a supor unha renuncia a esa preocupación pola tridimensionalidade e a luz. A sensación que producen as pinturas desta altura é a dunha vontade de acoutamento e definición do espazo, elaborado en sutís contrapostos e en ocasión facendo que toda a tensión se nuclee arredor dun punto de particular intensidade. Do mesmo xeito a reflexión sobre as formas abertas e pechadas, os equilibrios e pesos protagonizan moitas das obras en que o xogo de forzas e as tensións aparecen como auténticos definidores de realidade espacial, adquirindo todo o protagonismo sobre a superficie pictórica.

Nos traballos de grande formato, a súa monumentalidade unida á intensidade matérica, sitúa as obras máis próximas á concepción muralística, lémbrese que Nóvoa realizou algúns murais de enorme carga monumental e calidade como o xa citado do Estadio del Cerro no Uruguai ou o da Canteira de Santa Margarida na cidade d'A Coruña.

Leopoldo Nóvoa sempre traballou as superficies con fruición material, mais ao tempo cunha actitude de pureza ascética semellante a algúns dos grandes cultivadores da natureza morta como Sánchez Cotán ou Lubin Baugin, no século XVII; ou Giorgio Morandi no XX; as afinidades non estarían no tema senón na actitude, no ascetismo e no respecto pola economía material e a sólida esencialidade formal.

Título: Leopolodo Nóvoa 1119-2019. Artista: Leopoldo Nóvoa. Comisariado: Rosario Sarmiento. Local: Museo Provincial de Pontevedra.

Desde o 23 de xaneiro.

Cordas, arames e fíos

  • Particular suxestión ten o uso que fai o noso pintor das cordas, arames e fíos, utilizados na delimitación espacial, como referentes da tensión, das forzas vivas, para os que chegou mesmo a crear unha particular linguaxe ao intitulalos "mecates", usando unha voz da lingua nahua mexicana, en que esta palabra significa corda. Este singular uso da corda foi destacado polo grande escritor Julio Cortázar, que nun texto sobre o pintor pontevedrés presentábanolo como un "buscador de terras incógnitas", co misterio dese nó que abre o paquete descoñecido que é a vida. O informalismo matérico de Nóvoa máis que símbolos o que representa son signos, signos de vida e de existencia. Os trazos e as pegadas estampados na superficie negan á materia toda a amplitude do espazo, reforzando a sensación de territorio limitado. Mais estamos perante unha pintura viva, ás veces mesmo lañada polas feridas do mundo, mais pintura sempre para gorentar. Ao tempo, tamén é unha pintura que non permite deixar de pensar, ben pola contra, favorece a reflexión. Emoción e razón sabiamente dosificadas, velaí a capacidade de comunicación que o conxunto da obra plástica de Leopoldo Nóvoa nos ofrece.

Compartir el artículo

stats