Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O legado de Maruxa Seoane

Mostra no Museo de Belas Artes, A Coruña

Un dos momentos da mostra de Luís Seoane que ten lugar no Museo de Belas Artes d´A Coruña. Fotos: Carlos L. Bernárdez

O Museo de Belas Artes da Coruña posúe unha importante colección de obras pertencentes a un dos máis grandes artistas galegos do século XX e figura indiscutíbel do sentir cultural e político do exilio e a emigración galega en Buenos Aires e América, o polifacético creador e intelctual Luís Seoane.

As obras foron legadas ao Museo a través da Asociación de Amigos do Museo de Belas Artes por vontade da súa viúva, María Elvira Fernández López (Maruxa Seoane) que dedicou o seu esforzo ao fomento, conservación, retorno e difusión en Galiza do acervo creativo do seu home. Dito legado componse de 42 óleos, 252 gravados, soltos e en cartafoles, e 6 libros ilustrados. Perante a especial relevancia desta colección, e coincidindo co feito de que no ano que vén de rematar a Real Academia Galega de Belas Artes dedicou o Día das Artes Galegas á figura de Luís Seoane, o museo presenta a súa vida e obra, pondo un especial acento na persoa de Maruxa Seoane, como promotora do importante legado, expondo a totalidade do mesmo.

A mostra desdicada a este acervo permítenos gorentar a extraodinaria obra do artista. Amósanos unha excelente escolma de óleos que van desde finais dos anos corenta deica as súas derradeiras obras dos anos setenta e nelas podemos seguir a evolución do seu estilo até configurar a súa particular linguaxe planimétrica e colorista.

Luís Seoane desenvolveu unha obra pictórica, gráfica, literaria e editorial desde o exilio que estivo orientada temática e formalmente para a formación dunha conciencia histórica con capacidade para se proxectar sobre o presente, con Galiza como eixo, mais cunha vontade de completa universalidade. Partindo destes presupostos Seoane acaba por configurar un sistema baseado en formas elementais, con figuras básicas e emblemáticas que toman formas diferentes e adoptan distintas combinacións.

Seoane foi, sobre todo, un artista-intelectual. Investigador infatigábel, válese de variadas técnicas (pintura; gravado; deseño; tapiz; mundo editorial; debuxo e muralismo) e múltiples soportes. A través desta diversidade, e do seu exercicio sobre o espazo baleiro e cheo, a súa expresión pictórica evolucionou notoriamente.

O desenvolvemento da súa obra parte de temas repetidos (figura feminina, natureza morta...) e dunha iconografía debedora do movemento renovador da arte galega dos anos vinte e trinta e da tradición, temas aos que Seoane somete a experimentos formais sucesivos, con evidentes influxos da vangarda (cubismo, purismo...). Seoane non modifica as formas nun sentido que altere a súa tipoloxía, senón que conserva as regras da súa construción, na liña de artistas como Fernand Léger ou o Le Corbusier pintor. Modula, pois, formas humanas e naturais, o que lle permite reforzar nas imaxes o seu sentido icónico. A forma enténdese como signo.A emancipación de zonas de cor con relación aos trazos do debuxo e a utilización da cor por planos, completan o proceso definindo o estilo pleno do noso artista.

A independencia da superficie da cor con relación coa contorna aséntaa Seoane por medio de trazos negros que estruturan as formas. Afonda en aspectos da pintura entendida como proceso autónomo, autorreferenciado e lexíbel desde leis propias, no ronsel dalgunhas das fórmulas das vangardas históricas e nunha orientación que ten un dos fundamentos, é claro, no cubismo, aínda que de ningún xeito o pintor funciona mimeticamente a respecto desta corrente, xa histórica na altura na que traballa o noso pintor, chegando a óleos máis abstractos. Neste sentido, estas pinturas son tamén debedoras dos logros da súa plástica dos corenta e dos cincuenta, unha visión enriquecida pola súa experiencia sintética de ilustrador, gravador e muralista, xa que das primeiras tira a súa concepción da relación entre liña e plano de cor, independentes mais inseparábeis e da segunda, a muralista, adopta a proxección monumental que acaba por transmitir nos seus óleos. Neste contexto tamén debemos sinalar o maxistral cartelismo de Seoane e mais o seu deseño editorial, no que o sintetismo e a expresividade atinxe un valores absolutos.

Título: Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane

Artista: Luís Seoane

Local: Museo de Belas Artes da Coruña

Até o 8 de marzo

Dimensión pública

  • O conxunto da obra de Seoane está marcada pola dimensión pública e social da arte, que se evidencia na obra mural, no deseño gráfico ou no gravado e acaba por impregnar toda a súa produción pictórica. Na totalidade do seu traballo, Seoane crea un universo propio, que, sendo intensamente persoal, pretende establecer unha comunicación directa entre o artista e o pobo -non esquezamos a súa concepción política nacionalista e marxista- e consegue que nos identifiquemos con el, mellor dito, que a súa pintura nos identifique como nación, como colectividade humana singular. Neste sentido o artista sempre defendeu o cultivo das características constitutivas dun país ou nación e a vontade de recoller da historia do noso pobo aquelas formas que foron caracterizándoo ao través da historia.

Compartir el artículo

stats