Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os dédalos da estrañeza

Chico Buarque, premio Camões

Buarque e outros músicos do Brasil por volta de 1995.

Francisco Buarque de Hollanda, universalmente coñecido como Chico Buarque (Rio de Xaneiro, 1944), foi agraciado co Premio Camões de literatura, o máximo galardón do mundo da lusofonía. Esta distinción salienta un dos artistas máis lendarios da historia recente do Brasil. En primeiro termo, por ser un membro fundador do movemento da Música Popular Brasileira (MPB), onde as súas cancións souberon mancomunar a salmodia bíblica co ritmo percutivo da nación tropical, como "Em construção"; ou expresar os recantos máis íntimos da alma feminina (a prodixiosa beleza da súa poesía en múltiplas pezas); ou a denuncia dunha ditadura militar que asolou o xigante americano desde 1964 até 1985 en lustros de tráxico terror.

Nos nosos lares a súa dimensión literaria aínda resulta moi escasamente coñecida. Teño para min que Estorvo (1992), o seu primeiro romance, é a súa máis poderosa ficción. Constitúe a odisea alucinada dun mozo de clase alta que se refuxia no suburbio. Entre lixo e cascallos, pobreza e marxinalidade, malvive asediado por persoas descoñecidas que o queren capturar. El, pola contra, desexa retornar ao seu fogar perdido (a infancia e a riqueza), á súa ex-muller, á súa familia abandonada. Desde a óptica dunha persoa aturdida por unha sufocante axitación mental, contemplamos a metrópole fluminense chea de barullo e furia, onde a violencia, a drogadición, a lascivia e a inmoralidade cobran vida e acaban cobrando a vida dos seus moradores. Todo o fluír narrativo está empapado do ollar errático e delirante do protagonista, que perturba o relato e integra o lector nun infindo e perigoso pesadelo onde a liña que separa o onírico do real acaba disipándose, como quería Gustav Meirynk.

Escrita nun portugués delicioso que dá cabida aos rexistros máis variados (desde o coloquialismo carioca á utilización de cultismos), o narrador, como un fantasma contaminado de loucura, vai percorrendo os ámbitos máis sórdidos e os máis aristocráticos. En ambos casos atopando a desolada constatación dos seus fracasos. Sen dúbida estamos perante unha obra crucial no panorama literario brasileiro de todas as épocas.

Benjamim (1995) mostra o amargo e paradoxal destino do protagonista, o fillo predilecto, que non é querido por ninguén. Cunha prosa cinematográfica que filma os escenarios con vívido realismo, a acción desenrólase nesta perturbadora contradición. Budapeste (2003) delinea un enredo. Un escritor que escribe para outros escritores visita a capital húngara onde se vai relacionando cunha muller desa nacionalidade. Os saltos continuos entre o Rio de Xaneiro e a urbe maxiar, entre o comezo do coñecemento dunha lingua radicalmente estranxeira (nen sequer indoeuropea) e o brasileiro, entre a a paixón e a infidelidade, provocan o asombro no lector e deixan constancia da milagrosa habilidade de Buarque para crear tipos humanos e situacións labirínticas. Así, introdúcenos nun dédalo de estrañeza onde as lindes do real e do imaxinario se disolven e se ramifican polo tempo e polo espazo en confusión existencial. Trátase, en definitiva, dunha ficción especular magnificamente cohesionada.

Leite derramado (2009) eríxese noutra peza fundamental do noso escritor. Asistimos ao longo monólogo dun ancián que, no leito do hospital, vai convocando as lembranzas. A memoria caótica traza sinuosas feridas sentimentais ao descubrir que viviu unha querenza equívoca ou, o que é peor, nunha incomprensión da muller obxecto do seu desexo. O descoñecela, o non lograr comprendela plenamente, lévao a errar de modo lastimoso. A decepción, os ciúmes enfermizos, a sexualidade arbitraria, a amargura do final, van poboando de fantasmas a existencia pretérita. Os seus dous últimos volumes, O irmão alemão (2014) e Essa gente (2019), fechan o seu ciclo narrativo.

Walter Benjamin afirmou: "só penetramos no mistério se o encontarmos no quotidiano". Creo que en todas as creacións buarquianas atopamos o misterio quebradizo da vida e, dentro dela, como un neno feroz, o delirio resulta unha xurisdición extraterritorial cargada de fatalidade. E de dor, cando o mundo palpita nunha febre que se vai.

Compartir el artículo

stats