Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lobos e opresores

Nunha xeografía distópica

Lobos e opresores

Á segunda vai a vencida. Poderiamos resumir neste dito o curto pero intenso labor de novelista de Abel Tomé (Outes, 1984). E podemos afirmalo de xeito rotundo porque se o escritor e xornalista quedou finalista coa súa primeira entrega A noite do corvo, será co título que nos ocupa, A noite do lobo, que acadará o Premio Illa Nova 2019. As dúas entregas forman parte dunha triloxía que está por resolver, aínda que son novelas autónomas. Loxicamente teñen algunhas características semellantes como as paisaxes agrestes, un protagonista principal cun pasado escuro ou o feito de seren as dúas historias violentas, pero aínda que poidan ter algún elo en común son historias independentes.

E si, vai de lobos esta nova entrega de Tomé: un antigo soldado e cazador de lobos, Lourenço d'Ourantes, retirado nas frías terras de Luiçiana recibe a encomenda de matar o lobo que devorou o fillo do conde do Val de Constança de tan só 8 anos. Pero a novela é moito máis ca isto porque detrás da que poderiamos definir como a historia base hai algunhas outras historias diversas. Estamos por tanto diante dun texto pertencente ao xénero de aventuras. O protagonista principal partirá cara ao sur co mensaxeiro do conde para cumprir a orde. Terá que cruzar un territorio escuro, salvaxe, cheo de mitos e lendas para dar co lobo terrible, un ecosistema negro que nos ha de acompañar ata a última páxina. E será nesta viaxe de ida cando comezarán a perfilarse outras historias con outras temáticas: lendas e contos populares, o poder e control férreo e escuro da Igrexa, a situación de opresión das mulleres, maltratos, inxustiza...

A muller desempeña un papel principal nesta entrega de Tomé, quen quixo ofrecernos unha historia de lobos e tamén enfiar historias como homenaxe ás mulleres oprimidas, tristes, permanentemente enloitadas que existen en todas as familias. Así aparecen na obra, cando vai avanzada a trama principal, nese espazo de negrura, abafante sempre, de bandidos e asasinos e vítimas dunha sociedade moi opresora.

A aventura enmárcase nunha xeografía distópica (localizada en Galicia aínda que nunca se nomea) que ademais é atemporal, unha indeterminación cronolóxica que afecta tamén ao protagonista, quen non ten unha idade definida nin sequera aproximada. Este heroe do pobo, abafado por un pasado escuro, condenado a un desexo case permanente da morte, debería estar morto hai moitos anos segundo as contas da xente.

Non podemos deixar de ler esta nova entrega de Tomé como unha homenaxe a todas as mulleres oprimidas e, segundo o autor, mesmo esquecidas en tempos de feminismo.

TOMÉ, Abel, A noite do lobo, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 16, 15 ?

Compartir el artículo

stats