Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A vida burguesa

Casa Museo de Monção

A vida burguesa

A Casa Museo de Monção é unha extensión cultural da Universidade do Minho, creada baixo as condicións estipuladas pola súa testadora, María Teresa Cardeal Andrade, parte de cuxa avultada fortuna decidiu deixar á institución universitaria. O obxectivo do espazo museístico é divulgar o patrimonio que alberga, tanto o inmoble en si como o seu contido, expresión e testemuño do modo de vida dunha familia da alta burguesía do Alto Minho na primeira metade do século XX.

O edificio da casa museo foi construído no século XVIII (1756) seguindo os canons barrocos, considerado un fermoso exemplo deste estilo. Pertenceu á familia paterna da propietaria, e entre as súas singularidades destaca un corredor de trinta e cinco metros que divide o inmoble en dúas zonas. Ao longo do mesmo aparecen salas en "enfiada": a biblioteca, a sala francesa e o dormitorio de casada de María Teresa Cardeal, ademais do cuarto principal (o da súa nai) e o comedor. A outra parte alberga estancias máis privadas e outras habitacións. O edificio posúe un xardín con máis de dous mil metros de extensión no que destaca unha fonte de estilo "arte nova".

O contido da casa caracteriza unha familia culta e rica, aínda que sen excesiva preocupación polo coleccionismo. Entre os moitos obxectos que se poden ver destaca un estandarte do século XVII de seda azul con aguia bicéfala bordado en ouro, un tapete otomán de oración do século XVIII de seda vermella, o conxunto de porcelanas da Compañía de Indias de fins do XVIII (tamén de Limoges, Sévres e Lustrinas), pinturas da escola inglesa e holandesa ou a ampla colección de mobiliario en pau santo ou a capela-oratorio. Ademais o museo presenta unha compilación composta por máis de 500 botellas de viño do Porto datadas en 1926. Suponse que este repertorio de garrafas pertenceu ao pai de María Teresa, Domingos Andrade, médico natural de Monção, profesor de Medicina na facultade de Lisboa, afeccionado á viticultura e que tivo unha extensa viña no actual xardín da casa. A colección mantívoa o matrimonio formado por María Teresa e Emilio Martins Salgueiro, avogado que tiña na pesca e fotografía algúns dos seus hobbies favoritos.

María Teresa Cardeal viviu sempre en Lisboa, aínda que acudía a Monção en períodos de vacacións. Casada aos vinte anos con Emilio Martíns, a parella non tivo fillos polo que, sendo xa viúva, comezou a dar forma á decisión de deixar parte do seu patrimonio á Universidade do Minho. Tivo a idea tras unha visita á Casa Museo Nogueira da Silva, en Braga, tamén un legado instituido a favor da entidade universitaria uns quince anos antes (1976) por António Nogueira, empresario que ao longo da súa vida mantivo unha ampla actividade filantrópica. A xestión e impulso que fixo a institución miñota dos bens legados motivou a María Teresa a ceder parte da súa colección. A través do testamento asinado en 1992 acordouse que a parte legataria debía "valorizar e divulgar" desde o punto de vista museolóxico, etnográfico e sociolóxico, o inmoble en si e o seu contido como reflexo do modo de vida dunha familia da alta burguesía miñota.

Desde que abriu as súas portas ao público o 8 de outubro de 2002, a casa museo de Monção cumpre os obxectivos do legado, salvagardando e divulgando este patrimonio, ademais de organizar múltiples iniciativas culturais ao longo do ano. Entre as súas actividades atópase a publicación de libros, exposicións temporais, ciclos de conferencias, seminarios ou obradoiros. As mostras que realiza de forma periódica abarcan diversos temas, desde pintura a escultura, fotografía ou artesanía, entre outros. Na actualidade está patente a exposición "Jesús, de Belém ao Calvário", de Albertina Santos. O edificio atópase nunha rúa céntrica e histórica, a do Conselheiro João da Cunha.

Compartir el artículo

stats