Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Precocidades literarias

Letras de xuventude

Precocidades literarias

Como acontece noutras artes, tamén no eido literario téñense dado ao longo da historia casos notables de precocidade creativa. Ora ben, cómpre dicir que non sempre esta temperá revelación é sinónimo de excelencia literaria e que, xunto a aqueles que cabe considerar como verdadeiros "nenos prodixio" da literatura por seren dende moi tenra idade grandes nomes das letras de todos os tempos, abondan tamén os casos de moitos outros autores que simplemente foron precoces na publicación para os que logo a historia reservou unha moi discreta memoria.

O máis célebre escritor precoz, verdadeiro enfant terrible das letras francesas e xenio universal, foi sen dúbida Arthur Rimbaud, quen entre os quince e os dezanove anos escribiu toda a súa obra para despois abandonar a práctica literaria e dedicarse aos máis singulares oficios en Etiopía (foi exportador de café, capataz, colono, explorador, expedicionario, traficante de armas e ata de escravos). De feito, cando publicara Une saison en Enfer xa deixara preanunciada a súa despedida ao escribir "agora xa podo dicir que a arte é unha parvada", o que confirmaría moitos anos máis tarde xa enfermo e a punto de morrer cando un coñecido lle preguntou pola súa etapa de poeta, ao que contestou displicente "que máis dá todo iso, á merda coa poesía".

Ora ben, tanto na propia literatura francesa, como tamén na inglesa, na hispanoamericana e aínda noutras tradicións ten habido outros exemplos notorios de precocidade literaria. Entre os galos tamén foron temperáns Balzac (que publicou un Tratado da vontade con quince anos), Vítor Hugo (quen con dezasete xa gañou os Xogos Florais da Academia Francesa e fundou unha revista) ou Musset (que xa publicaba versos aos catorc). Entre os ingleses salientan Byron (que publicou con dezasete anos o poemario Composicións fugaces e con dezanove Horas de ocio) e Shelley (quen con dezapito publicou a novela gótica Zastrozzi e mais dous poemarios, un deles con súa irmá Elizabeth).

Se acudimos agora aos autores de fala castelá teñen sona de precoces entre eles Lope de Vega (que lía e traducía castelán e latín con só cinco anos e que escribiu o drama El verdadero amante con doce), Rubén Darío (quen publicaba sonetos nos xornais con trece primaveras sendo famoso co alcume de "el poeta niño"), a escritora Juana Borrero (gabada por Martí e que con doce anos escribiu un libro de sonetos hoxe considerado de entre os mellores da literatura cubana) ou o propio Mario Vargas Llosa (quen con só dezaseis abrís andaba xa a traballar como periodista no rotativo La industria asemade que publicaba a súa primeira obra dramática baixo o título de La huída del inca). Contando con vinte e seis anos, o futuro Premio Nobel nacido en terras do Perú viña asinar aínda a referencial La ciudad y los perros.

Célebres resultan asemade os casos de Mery Shelly -aos vinte deu á luz o seu Frankenstein, escrito dous anos atrás), Johan Wolfgang van Goethe, autor de As mágoas do mozo Werther aos vinte e cinco; Emily Bronté, quen imprentou Curutos treboentos contando con vinte e nove; Charles Dickens redactor de Os papeis do Club Pickwick aos vinte e catro e de Oliver Twist apenas cun ano máis; o autor alemán Thomas Man -con vinte e seis- foinos entregar Os Buddenbrooks ou, en fin, F.. Scott Fitzgerald e mais Albert Camus: o primeiro rubricaba O gran Gastsby ao cumprir os vinte e nove; canto ao Nobel francés deu ao prelo O estranxeiro con esa mesma idade.

Da nosa escrita moza

  • Como non podía ser doutra maneira, tamén na literatura galega ten habido casos de escrita precoz, dende a propia Rosalía (que parece que escribía versos dende os once anos e que publicou o seu primeiro poemario con vinte acabadiños de cumprir) pasando por Manuel Antonio (poeta na prensa xa con dezasete e autor de toda a súa excepcional obra con menos de trinta) ata Avilés de Taramancos (que publica versos na revista Tapal de Noia aos catorce), Darío Xohán Cabana (co libro de versos Verbas a un irmao aos dezasete) e, entre os casos máis recentes, Miguel Anxo Murado (gañador do Premio Café Gijón con Metamorfosis benezianas, tamén con dezasete anos; Carlos Vila Sexto (que obtivo o Premio Rúa Nova e veu publicada a novela xuvenil Alén da aventura con só catorce) ou a poeta Yolanda Castaño, quen con dezasete anos gañaba o Premio Fermín Bouza Brey con Elevar as pálpebras, voces ás que poderían sumarse moitas outras entre as máis recentes promocións, inesgotables almeiros , todos eles e elas do noso presente e futuro literario.

Compartir el artículo

stats