Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Bernárdez: "A obra de Seoane está marcada pola dimensión pública e social da arte"

O crítico e experto en arte Carlos Bernárdez. foto: eli regueira

-Que criterios aplicou Vde. para seleccionar as obras de Luís Seoane que se expoñen nesta mostra?

-A exposición foi elaborada querendo salientar series de obra gráfica completas, que puidensen explicar o seu proceso creativo e a coherencia argumental, estando expostas agrupadas e en estreita relación visual cos álbums e libros do artista. Tívose moi en conta as palabras do propio Seoane que sinalaba que para entendermos un creador, o importante é a totalidade da obra que é o que nos dá a estrutura mental ou moral dun autor.

-De onde proceden as obras expostas?

-Hai gravados e libros de coleccións privadas mais a maioría do exposto pertence aos fondos do Museo do Gravado de Artes (Ribeira) que posúe unha riquísima colección de obra gráfica nacional e internacional e unha importantísima biblioteca de libro ilustrado, con publicacións desde o século XVII até os nosos días, en máis de trinta linguas. A escolma foi realizada en colaboración co director do museo, Xoán Pastor Rodríguez.

-Di Vde. que a de Luís Seone é "unha arte para a comunicación". Que quere destacar con esta frase?

-O conxunto da obra de Seoane está marcada pola dimensión pública e social da arte, que se evidencia na obra mural, no deseño gráfico ou no gravado e acaba por impregnar toda a súa produción pictórica. Na totalidade do seu traballo, Seoane crea un universo propio que, sendo intensamente persoal, pretende establecer unha comunicación directa entre o artista e o pobo -non esquezamos a súa concepción política galeguista e marxista- e ten a finalidade de que nos identifiquemos con el, mellor dito, que a súa pintura nos identifique como nación, como colectividade humana singular.

-Tamén califica de "heroica" a súa obra. Quixera que me explicase tamén porque lle aplica este calificativo.

-Toda a obra de Seoane é coherente cunha concepción da historia que converte o pobo anónimo no verdadeiro heroe de Galicia: os protagonistas das rebelións medievais, os emigrantes sen nome, as mulleres traballadoras de calquera tempo..., nunha liña presidida polo rigor formal e o compromiso ético inquebrantábel. Por exemplo, para Seoane o gravado enlaza coas orixes, o que lle permite establecer unha xenealoxía da arte ligada a un sentido primixenio da creación, lembrando que desde a noite dos tempos os seres humanos deixaron inscrita en calquera materia o seu mundo, a súa realidade e o seu terror. Esta idea do gravado como primeiro xesto do home, fai que Seoane ligue o acto creador ao desamparo, á soidade, mais tamén á vontade de resistencia; é dicir, á máis fonda esencia da condición humana. Alén diso, para Seoane esta esencial condición, que implica o aceno creativo, é sempre social, histórica. A soedade e a confianza gravada nas laxes da prehistoria galega chega até o noso presente establecendo unha comunicación con todos nós.

-Asemade que se fai con moitos artistas, poderíase dividir a obra plástica de Seoane en diferentes etapas?

-Até a Guerra Vivil a súa obra é fundamentalmente debuxo, ilustración, con algún gravado, e manifesta influxos de autores como Maside ou os alemáns Grosz e Dix. Nos primeiros anos de exilio, na Arxentina, o debuxo e o traballo ligado á tipografía e o libro deixan ver influxos picassianos e a pervivencia da pegada do movemento renovador galego: Maside, Colmeiro... A partir dos anos 50 vai elaborando unha linguaxe plástica moderna, herdeira das vangardas internacionais das primeiras décadas do século XX, sen renunciar, no temático, á representación de escenas e figuras inequivocamente galegas, utilizando na súa obra cores planas, simplificadas, trazando figuras que se converten en emblemas de Galicia, dando especial importancia á representación do universo feminino, que se nos ofrecen en forma de figuras icónicas, cunha intensa natureza plástica, que desde a modernidade suxiren o valor simbólico da pintura e escultura medievais.

-E cal sería, ao seu xuízo, a súa etapa de maior esplendor?

-A partir de mediados dos anos 50, cando este estilo está plenamente perfilado.

-Quen foron os pintores que maiormente influíron na pintura de Seoane?

-No seu estilo pleno hai afinidades coa obra de Fernand Léger, o Le Corbusier pintor ou certo Picasso. Ao fondo do traballo de deseño está o exemplo da Bauhaus e toda a tradición da creación concibida desde a perspectiva da integración das artes.

-Como chegou Seoane ao gravado e por que, dalgunha maneira, decidiu especializarse nesta técnica que, de seua, é xa un mundo á parte do da pintura?

-O primeiro gravado coñecido é dos anos da República, sendo moi novo, e aparece, como os seus debuxos, en contexto de revistas de forte contido social. Xa no exilio, Seoane foi perfeccionando os coñecementos técnicos do gravado en constante experimentación até chega a ser un auténtico mestre, considerando a obra gráfica como arte maior, até o punto de que moitos logros da súa pintura parten de previas conquistas no terreo do gravado.

-E daquela, quen serían os gravadores dos que Seoane se sentiu máis seducido e, polo tanto ,influído?

-El falaba do influxo dos libros iluminados medievais, en especial os galegos e os Beatos; do traballo de William Morris e dos gravados populares de noso.

-Non podemos esquecer ao Seoane editor nin ao Seoane escritor. Están dalgún xeito presentes nesta exposición?

-Están moi presente con algúns dos seus máis importantes libros ilustrados e deseñados como Homenaje a la Torre de Hércules; Libro de Tapas; Catro poemas pra catro grabados...

-Curiosamente, a Luís Seoane adicóuselle anos atras o Día das Letras Galegas. Cre Vde. que hai aínda pendente unha reivindicación máis potente e global do Seoane artista plástico?

-Falta a proxección da súa obra fóra dos contextos galego e sudamericano, un auténtico desenvolvemento da súa presenza no ámbito internacional, como coido que a altura da súa obra merece.

Compartir el artículo

stats