Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Melodía e contundencia emocional

Nelson Quinteiro: Músicas de domingo

Movendo os marcos, mesturando todos os poderes, Nelson Quinteiro.

Nelson Quinteiro vén de sacar o seu novo traballo discográfico cinco anos despois daquela súa primeira entrega, Gharbo, onde nos levaba de paseo por unha paisaxe en cuxas beiras medraban tangos, muiñeiras, pasodobres, jotas ou alalás e todo por ese medio camiño entre o pop, o cabaret e mais as músicas máis universais. Nelson Quinteiro, dende Cangas e sempre posto sobre as táboas tanto como cantante, actor, bailarín, guionista e incluso director de escena. Creador e director do Festival Galego de Cabaret ao longo de moitos anos, e tamén de espectáculos como "As mans perdidas" ou "Danza e contradanza", vén ser un artista e músico multidisciplinar que foi quen de poñer voz e cara a proxectos ben diversos dende o rock até as músicas de raíz e sempre deixando clara a súa pegada e personalidade. Coa súa propia compañía de danza-teatro, Quinteiro especializouse en teatro de rúa e intervención urbana, cabaret e burlesque e ao longo dos anos foi acadando ese xeito tan propio para acadar un óptimo resultado artístico de coidadas creacións e atmosferas, fusionando moi diferentes disciplinas e linguaxes. Tamén no eido musical liderou o Projecto Nú, unha formación coa que de novo sementou eses alicerces na procura de abrir cancelas nas sonoridades en torno á música de raíz. Agora chega co seu novo disco, co título de Músicas de domingo, e outra volta acode con todas as intencións de mover os marcos, mesturando todo o poder da súa personalidade e mais a notable destreza como cantareiro coa sensibilidade, talento e a linguaxe cinematográfica do piano de Brais González.

Músicas de domingo está construído en once cancións que camiñan claramente polo escaparate dos sentimentos espidos e o amor pola tradición. Voz e piano gobernando dende o máis alto cada curruncho, con moita carga de matices, e acomodándose perfectamente, cando as pezas o piden, ás percusións de Blas Castañer e Roi Adrio, a algún contrabaixo de Raquel Miguélez, a algún violín de Erea Carbajales ou a algún acordeón de David Álvarez que lle conferen ao disco a dinámica imprescindible para que cada canción pida por outra. Este Músicas de domingo sabe a terra e rega xenerosamente nesas nosas raíces, nun exercicio de perfecta evocación da man dun Quinteiro que deixa claro en cada compás de onde é e de onde vén, mais sempre deixando a xanela aberta a ventos doutras latitudes que enchen de osíxeno e fan perder o norte da escoita con certa facilidade poñéndote nunha viaxe especialmente singular.

Igual estamos dianto dun traballo arriscado para quen no seu anterior disco apostaba polo baile daquela Orquestra Gharbo, pero no risco nace e medra a arte. Brais González encargouse da instrumentación e dos arranxos da pezas de tradición oral, músicas do mundo e das composicións propias propostas por Quinteiro pasando a ser, segundo eles din, "alma mater" do proxecto mentres Quinteiro de novo pon imán, creatividade e moito talento. Melodía, contundencia emocional, delicadeza e pouco artificio son os ingredientes básicos dun menú do que recomendamos unha boa degustación.

Arrhythmia outra volta

  • A historia de Arrhythmia comezou en Lugo polos primeiros 2000 e cuns colegas con moitas ansias e poucos medios para faceren un pouco de r´n´r. Algunhas maquetas, algunhas idas e chegadas, un concerto de debut en Vilalba, moitas descargas das súas primeiras músicas por internet e axiña os primeiros paseos por salas e festivais para ir acadando ese lugar que hoxe xa ocupan na escena galega. Baixo a etiqueta de "power trío", e xa cunha formación estable con Alberto Busto (guitarra e voz), Álvaro L. Barreiro (bateria) e Alejandro Maciñeiras (baixo), achegaban no 2012 un Ep co título de III co que comezaban un roteiro na busca incesante de novas motivacións musicais. Nese III xa aparecían algunhas marcas da casa con cancións tan sólidas como "Ninguén", "Non quero" ou "Diñeiro", pezas que se converteron en indispensables nos reprodutores de calquera amante do rock cantado na nosa língua. Despois publicaron II co que chegou a consolidación do grupo: "Mil xeitos" ou "Orixe" son boa mostra disto ademais de "Tan só notas", cun videoclip cargado de talento. Arrhythmia fanno todo,: grávanse, prodúcense e tamén dispoñen as súas videocreacións nun arrouto de talento. Despois chegaron sinxelos como "A forza da razón" ou "A cea dos malditos" nos que os samplers, scratchs e sintes foron collendo peso. Polo camiño, recoñecementos como o premio Martin Codax á mellor banda galega de metal no 2018 e, un ano despois, o Band Contest do Resurrection Fest. Agora están a presentar o videoclip "Voltarán" como importante adianto dun novo disco que pechará esa conta atrás discográfica comezada no 2012. Para este I deixan atrás, daquela, a formación de trío, uníndose á banda Miguel Duarte que xa os acompañou na última xira nos directos. Podedes, ademais, facervos mecenas deles na plataforma verkami e ser así parte activa do novo traballo dunha das nosas bandas máis destacables

Compartir el artículo

stats