Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con bo oficio

Brisas que fan un vento

Con bo oficio

"Xa tiña ganas de non dedicar un libro a ninguén"; así comeza Un vento que pasa, a nova entrega de Alfredo Conde (Allariz, 1945), un dos máis reputados literatos do país que volve á narrativa de ficción cunha novela onde demostra o seu bo dominio do oficio que se pode gozar xa dende a prosa poética breve e exquista do limiar.

Ao paso das páxinas, atopamos, entón, a historia dun home enfermo, un avogado recentemente chegado á vellez, "agnóstico convencido, anticlerical profundo", un vello malvado acomodado a esta nova etapa da súa vida. Sofre un infarto indo a un supermercado de Bertamiráns e ten que acudir durante unha boa tempada a sesións de rehabilitación onde coñecerá os que serán os seus compañeiros de batalla: un inspector de Facenda, un crego secularizado, un capitán de barco, un traballador de banca, un dependente do Hipercor de Santiago e outro do que nada sabe nin amosa interese ningún ("Manolo, creo recordar que se chamaba").

Xa o autor nos avisa de que estamos ante unha historia semi coral: "Non comecen a ler se cren que estas liñas son o comezo dunha historia". Non é unha historia, efectivamente, senón varias, porque neses encontros o protagonista vai escoitar tamén os contos, as vivencias e as peripecias de tres dos seus compañeiros. Desde o momento presente faise unha retrospectiva da vida dos protagonistas principais con continuas digresións que enriquecen o texto de contino, e así coñecemos a vida do inspector desde pequeno; das historias (moitas inventadas) do crego, etc. Todas elas se intercalan coa do propio protagonista que dá conta de como chegou ata a etapa actual da súa vida, unha situación de soidade non desexada na que dependente definitivamente na súa casa terá que ser coidado por mans alleas.

Estamos ante unha historia case que exclusivamente de homes, todos os protagonistas son masculinos, un conxunto de "vellos cardiópatas e decrépitos". O papel da muller nesta novela, xa que logo, pode ser cando menos controvertido, ademais de que non teñen entidade como protagonistas, en ocasións saen bastante mal paradas nas palabras deste monllo de misóxinos (Esa hipocrisía hai quen a describe como "recursos de muller"). Con non ser autobiográfica a novela, ben é certo que a experiencia do autor como mariño mercante contribúe a que a personaxe do capitán saliente entre outras. As súas palabras han servir para dar conta das íntimas traxedias familiares que en moitas ocasións agacha o vivir do mar e, sobre todo, a volta á terra onde xa sempre un ha de se sentir fóra do seu medio natural. Evidentemente a experiencia vital de Conde ante o coma, o infarto e a convalecencia, como o protagonista, fai que sexa coñecedor destas experiencias vitais extremas e así apareza reflectido no avogado como personaxe principal.

CONDE, Alfredo, Un vento que pasa, Ed. Galaxia, Vigo, 2019, PVP. 17, 50 ?

Compartir el artículo

stats