Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nas terras do Demo

Casa Museo Aquilino Ribeiro (Soutosa, Moimenta da Beira)

O escritor e a súa familia.

Aquilino Ribeiro (1885-1963) é un dos grandes nomes da literatura lusa -proposto para o Nobel en 1960-, autor de soadas novelas como A casa grande de Romarigães, crónica dunha liñaxe situada en terras do Norte e magnífico expoñente da erudición e manexo da linguaxe por parte do escritor. En Soutosa, concello de Moimenta da Beira, no distrito de Viseu, atópase a casa onde viviu e a fundación que leva o seu nome. A secular construción é o lugar ideal para coñecer e comprender o mundo retratado polo mestre Aquilino e tal vez reflexionar e entender os porqués da súa loita e persistencia pola igualdade e liberdade.

Nacido en 1885 en Carregal de Tabosa, preto de Lisboa, aínda que aos dez anos se trasladou cos seus pais á casa de Soutosa, onde cursou os estudos primarios, Aquilio Ribeiro herdou a mansión -propiedade do seu avó- en 1918. Desde aquela, o recio edificio aparece sempre como refuxio na tumultuosa vida do escritor.

A Fundação Aquilino Ribeiro é a institución sen fins de lucro que se sitúa tamén na casa de Soutosa, cuxo obxectivo é perpetuar a memoria do fecundo autor e contribuír á divulgación e promoción da súa obra. Un centro de cultura e de arte que garda centos de obxectos persoais do creador como libros, postais, fotos, mobles e toda unha xeografía emocional e literaria que fala de rutinas, gustos, de encontros con outras grandes figuras da primeira metade do século XX e de multitude de días pasados nestas Terras do Demo que tanto caldearon as súas páxinas.

O conxunto do caserío, emprazado na quinta está constituído pola casa-museo, un edificio de dúas plantas no que é posible observar espazos de vida e espazos expositivos, cunha biblioteca de acervo rico e diverso que alcanza os oito mil volumes, e mais a Casa do Aldeão, retrato fiel dunha vivenda rural de finais do século XIX e principios do XX que é todo un museo etnográfico ao pormenor.

E é na aldea onde está a súa casa-museo e a fundación, creada en 1988 polo seu fillo Aníbal; nas Terras do Demo (romance de 1919) onde " nem Cristo nem o-Rei passaram". Terra brava, agreste, á cal Aquilino regresaba todos os veráns tras as súas moitas peripecias vitais. Aí escribía en comuñón coa natureza. "Quando me instalo na aldeia" -dicía- "hei-de levantar-me infalivelmente com a alba". A propiedade, de case tres hectáreas segue como a deixou, coas figueiras "com grandes folhas esparramadas em jeito de esperar outra vez a Adão e Eva" e os tilos que " recobrem de sombras e perfume" a entrada da morada.

A súa primeira esposa, Grete, morre en Soutosa en 1927. Prófugo da xustiza por participar nunha revolta contra a ditadura militar, Aquilino refúxiase na casa da Beira. Varias veces máis habería de exiliarse e agocharse, e foi en París onde coñeceu á que sería a súa segunda muller, Jerónima Dantas Machado, filla do expresidente Bernardino Machado, obrigado tamén á fuxida. En Soutosa están as fotos de Grete, as lentes do escritor, os seus libros, o seu dormitorio e numerosos obxectos de arte, como o retrato que lle pintou Abel Manta, pinturas de Amadeo Souza-Cardoso ou esculturas de Anjos Teixeira. No despacho sitúase unha pequena parte da súa biblioteca e a restante atópase repartida nunha sala anexa á Casa do Aldeão, o museo etnográfico que reflicte a vida rural na Beira Alta.

En Soutosa, Aquilino Ribeiro escribiu algunhas das súas obras máis populares, como A casa grande de Romarigães (1957) ou Quando os lobos uivam (1958), parte dun prolífico legado que engloba todos os xéneros, do romance ao conto, a novela, os estudos históricos, a biografía ou o xornalismo polémico. "Mais não puiden", quixo Aquilino que fose o seu epitafio, tras adoptar como lema ao longo da súa vida "alcança quem não cansa".

Identidade beirã

  • Aquilino Ribeiro é un dos máis fecundos prosistas portugueses do século XX. Cunha linguaxe moi propia, de gran riqueza, variedade e precisión, foi o escritor que mellor debuxou con palabras a Beira, as súas paisaxes, os seus "bichedos", as súas xentes, as lendas e costumes. Quedou para sempre ligado a Moimenta da Beira cando se trasladou á casa familiar de Soutosa sendo neno, lugar paradigmático da súa creación literaria. E iso que a súa tumultuosa vida levouno a residir en diferentes cidades. En Lisboa, onde foi vivir a partir de 1906, dedicouse á tradución, a escribir artigos de opinión, á propaganda republicana e á crítica de figuras do réxime monárquico. Sempre inquedo e contrario ás ditaduras, mantivo durante toda a súa traxectoria unha participación activa na vida social do país que o levou ao exilio por tres veces, a subsistir na clandestinidade, a botarse ao monte ou a involucrarse en conspiracións. Á vez que vivía, escribía, e así foi deixando unha fecunda obra que inclúe títulos como Terras do Demo (1919), O Malhadinhas (1922), Andam faunos pelos bosques (1926), O romance da raposa (1924) ou a xa citada A casa grande de Romarigães. (1957). Á súa longa lista de títulos engádense as súas memorias, Um escritor confessa-se (1961), e mais a tradución do Quixote e as Novelas exemplares de Cervantes.

Compartir el artículo

stats