Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria do Val do Tea

O Museo de Ponteareas cumpre 30 anos

Pía bautismal románica, datada entre os séculos XII-XIV.

Investigar, conservar, difundir e exhibir. Estes son os principais obxectivos dos museos, tamén do Museo de Ponteareas, recoñecido como tal pola Xunta de Galicia no ano 1989 co propósito de acoller de forma permanente os achados arqueolóxicos que vían a luz nas campañas que se levaban a cabo no castro de Troña desde 1981. Este obxectivo, certamente ambicioso, unicamente se conseguiu de maneira parcial, aínda que aquí poden ser admiradas algunhas das súas pezas máis prezadas: un hexasquel, varios amarradoiros, unha xamba con decoración en forma de espiña de peixe, muíños de man, poutadas para a pesca, moldes de fundición, cerámica, moedas, fíbulas, etc. Con todo hai unha peza que aínda botamos en falta: a torta de ouro que se exhumou na ladeira sur do castro en 1989.

Desde a súa apertura efectiva ao público en 1990 o museo estivo radicado de forma provisional na Feira Vella ata o ano 1991 e máis tarde nas antigas Escolas Graduadas de Ponteareas, acometendo o seu traslado definitivo ao edificio actual -outrora fábrica de curtidos da Perillana- no ano 2003. Precisamente un ano máis tarde o museo recibiu dun neto de Bugallal a doazón de distintos obxectos que foron propiedade deste político, avogado e escritor conservador ponteareán, entre elas o manuscrito dun dos primeiros libros de viaxes que se publicou sobre o noso país: Suiza española. Paseando por Galicia, obra editada en 1903.

Desde o punto de vista etnográfico unha das achegas máis sobranceiras que recibiu a institución tivo lugar no ano 1997 da man de Feliciano Trigo, destacado estudoso da etnografía da bisbarra, que doou a súa colección de materiais procedentes dun obradoiro telleiro. Este párroco ponteareán tamén cedeu á institución numeroso material bibliográfico, así como restos arqueolóxicos procedentes do Castro de San Amaro (Lira, Salvaterra).

Nesta perspectiva arqueolóxica cómpre destacar tamén a figura doutro amigo do museo, Juán Carlos Amil Baltasar, un veciño de Mouriscados (Mondariz) que, con apenas 20 anos e sendo estudante do instituto Pedra da Auga, descubriu máis dunha vintena de xacementos inéditos na comarca do Condado e A Paradanta. Froito deste traballo de prospección viron a luz asentamentos descoñecidos de época Neolítica, Calcolítica e da Idade do Bronce. A esta última etapa histórica pertencen tamén tres machados atopados no castro do Coto da Guía (O Piñeiro, Covelo) en 1992, cedidos ao museo por Maximino Fernández Sendín.

Nese mesmo ano de 1997 o nevense Manuel Rodríguez Alonso tamén depositou aquí diversas pezas de bronce procedentes de achados do romanizado Castro de Altamira (Taboexa), entre eles unha figura masculina togada e un pequeno puñal. A esta etapa da romanización do noroeste pertence tamén unha peza única datable entre os séculos I e IV d.C: un fragmento de dolium atopado en Lourido (Salvaterra de Miño) por José Merino.

Un ano máis tarde, en 1998, a institución volve ser noticia por unha boa nova: Emilia Álvarez Álvarez, viúva de Fermín Bouza Brey (1901-1973) e os seus fillos, doan ao museo unha serie de obxectos persoais pertencentes ao polígrafo ponteareán, nomeadamente uns lentes e distintas pezas do seu escritorio que, desde entón, se exhiben nunha vitrina.

Unha das xoias do museo é unha pía bautismal de inmersión horizontal labrada en granito que estivo instalada á intemperie nunha rúa da vila. Esta monumental peza románica en forma de cáliz, de orixe descoñecida e datable entre os séculos XII e XIV, é un recipiente cóncavo decorado con dez arcos de medio punto desiguais e un infrecuente borde cordado.

O periódico agrarista El Tea (1908-1936) forma parte tamén da súa colección bibliográfica máis prezada. Esta publicación anticaciquil recolle o labor das sociedades agrarias da bisbarra, caso da Sociedade de Agricultores de Mouriscados (Mondariz), cuxa documentación foi depositada nesta casa por José Emilio González Veiga en 1999. Tamén na República foi editada a revista socialista Renovación (1931-1936), cedida á institución polo historiador Pancho Candeira.

Unha librería de madeira, un gramófono co seu moble e dúas lámpadas de bronce e cristal que pertenceron ao compositor Reveriano Soutullo (1880-1932) foron doadas ao museo en 2002 pola súa neta María Rosa Arija Soutullo.

O traballo dun amplo abano de artistas ponteareáns como o pintor Rogelio Lorenzo (1921-2003), o pintor e ceramista Antonio Medal (1902-1985), o pintor e escultor Alfonso Quinteiro (1924-2009) e a súa filla Aurora Quinteiro, autora de dous retratos de Afonso Pexegueiro e Silverio Rivas, tamén teñen cabida neste espazo de memoria; tamén de escritores como Alfredo Guisado (1891-1975), Maruja Pino (1918-2010) e Manuel Domínguez Benavides (1895-1947), Emilia Estévez Villaverde (1921-2000) ou do xornalista e debuxante Ignacio Vidales Tomé (1896-1963).

Revista Soberosum

  • O museo, que ata hoxe tivo como único director oficial ao historiador tudense Rafael Sánchez Bargiela, chegou a publicar unha guía e varios cadernos didácticos sobre a institución, pero sobre todo deuse a coñecer nos andeis das mellores bibliotecas de Galicia pola edición dun total de catro exemplares da revista Soberosum, o primeiro deles no ano 1992. O último número desta publicación de estudos locais, segundo a clasificación da UNESCO, saíu do prelo no ano 2015. Fagamos votos porque o Museo de Ponteareas permaneza aberto, cando menos, outros 30 anos máis cumprindo coa finalidade que para estes equipamentos culturais fixou o Consello Internacional de Museos (ICOM) en Viena no ano 2007: "un museo é unha institución sen un fin lucrativo, permanentemente ao servizo da sociedade e do seu desenvolvemento, aberta ao público, que adquire, conserva, investiga, comunica e expón o patrimonio material e inmaterial da humanidade e o seu medio ambiente con fins de educación, estudio e recreo."

Compartir el artículo

stats